Publicado por: garza18 | 24/05/2012

O CES CONSIDERA QUE A URBANIZACIÓN DE PADRIÑÁN DEBE PASAR UN ESTUDIO DE AVALIACIÓN AMBIENTAL

O 25 de abril a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) someteu a consulta pública o documento de inicio do Plan Parcial do solo urbanizable nº16 (SU16) “Padriñan” (Sanxenxo), como paso previo á decisión sobre o seu sometemento a Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), para que as administracións públicas afectadas, o público interesado e o público en xeral puideran formular as observacións oportunas en relación aos efectos ambientais e tamén, para o caso de que se decida sometelo a AAE, en relación ao nivel de detalle que debería ter o informe de sostibilidade ambiental (ISA).

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), tras ter lido e analizado o documento de inicio ao respecto (redactado pola construtora Painzal Inversores) enviou á CMATI certas consideracións que se deben ter en conta:

-A  parcela está clasificada no Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL) como Grao 2 no modelo de compatibilidade da súa urbanización con respecto a criterios que fixa o POL.  Así, o propio POL resalta a importancia paisaxística desta parcela con respecto á franxa litoral de Sanxenxo (dita parcela está a menos de 500m do litoral).

Ficha do POL correspondente a este solo urbanizable.

–  A parcela comprende parte do corredor ecolóxico do regato Navalón. Este corredor tamén aparece recollido no POL.

Así o CES solicitou á CMATI que decida someter á AAE o desenvolvemento urbanístico do SU 16 “Padriñan” , en base a determinar a afectación ambiental e paisaxística dunha actuación urbanística en dita parcela, cunha importante función ecolóxica local ligada á presenza do río Navalón.

En caso contrario non se podería analizar documentalmente as afectacións ambientais nunha zona na que o propio POL indica que se deben tomar unhas medidas especiais con respecto ao tratamento da paisaxe. Deixar desenvolver a parcela sen un diagnóstico ambiental previo, sen unha análise de efectos e sen propostas de medidas de minimización, sería deixar sen valor os principios inspiradores  do POL e o  traballo técnico do propio CMATI (ente redactor do POL).

En relación ao nivel de detalle e grao de especificación que debería ter o ISA, o CES presentou ante a CMATI as seguintes cuestións:

1. Débese realizar unha análise pormenorizada da afectación á paisaxe no caso de desenvolver urbanisticamente a parcela SU 16. Este aspecto o consideramos importante debido á evidente afectación á paisaxe de dita actuación tanto pola proximidade á costa como pola  pendente da parcela (un 11%).

2. Que debido á función de corredor ecolóxico fluvial da parcela débese incluir un inventario de fauna acuática do curso fluvial do Navalón, e da flora asociadas aos cauces e beiras. É importante non pasar por alto o aumento da turbidez das augas durante as obras para así poder presentar no ISA as medidas correctoras precisas.

3. Presentar alternativas de actuación  con  seriedade, que permita unha correcta toma de decisión á hora de decantarse pola menos impactante. As alternativas presentadas pola construtora no documento de inicio son moi capciosas. O CMATI débese asegurar de ter os datos precisos da demanda de vivenda (tanto de 1ª como de 2ª residencia) no Concello de Sanxenxo para ver a necesidade real de urbanizar a parcela. Tamén se debe presentar  unha alternativa onde se analizara a posibilidade de non modificar o cauce e o bosque de ribeira do regato Navalón. Non cabe dúbida que os espazos verdes, tal como se están a desenvolver na actualidade na comarca son en demasía intervencionistas no equilibrio natural: desbroces indiscriminados, homoxenización do sotobosque (sustitúese a diversidade das especies herbáceas e de matogueira presentes nun bosque de ribeira por céspede), iluminación artificial ao carón do cauce, sendas que interrompen o paso da fauna, eliminación de refuxios para a fauna… Estas intervencións son impactantes para o medio aínda que se fagan con intención “verde”.

Sería interesante e crucial a non intervención nunha franxa de polo menos 5 metros a cada beira do regato, que permitira un certo grao de apantallamento con respecto á actividades humanas, tanto durante a fase de obra como da posterior ocupación.

4. Débese presentar un estudio de afectación ao ciclo hídrico do regato Navalón, debido a que o solo asfaltado e cimentado non é tan permeable. Así tamén se debe estudar a perda de calidade das augas pluviais que se canalizarán ao regato e as suas medidas correctoras.

5. A CMATI debe asegurarse de que as infraestruturas actuais de saneamento e abastecemento das augas residuais teñen a capacidade suficiente para asimilar un desenvolvemento como o proposto.

Débese ter en conta que en Sanxenxo a EDAR está infradimensionada e que non se fixeron as obras contempladas no Plan Director Municipal de infraestruturas de Saneamento e Abastecemento.

21 de maio de 2012


Deixar un comentario

Categorías