Publicado por: garza18 | 29/03/2024

O CES ESIXE SOLUCIÓNS AO VERQUIDO DE AUGAS FECAIS AO RÍO DA CHANCA

Unha vez máis os ríos do Salnés sofren un impacto. Desta vez tócalle ao río da Chanca, no lugar de Abuín, en Meaño, onde se está a producir un verquido de augas fecais. Esta vergoña prodúcese recorrentemente dende alo menos novembro de 2023 ata a actualidade. Estes vertidos saen por desbordamento da propia rede de saneamento das augas residuais e pluviais que van cara á depuradora situada no lugar dos Pasales. Nese punto a tubaxe fai un pequeno desnivel no que os limos quedan depositados na arqueta que alí hai. A auga busca sitio través dun aliviadeiro ou pola propia arqueta, vertendo directamente
ao río. A zona sofre olores pestilentes e limos que enturban as augas.

Semella que ten fácil solución, xa que só se necesita unha mellora no mantemento da arqueta coa limpeza periódica de limos depositados. Por iso o Colectivo Ecoloxista do Salnés enviou escritos tanto a Augas de Galicia como ao Concello de Meaño para comunicarlle dito impacto, pedirlles información das causas e solicitarlles que tomen cartas no asunto na busca dunha solución duradeira. Ademais da contaminación que este verquido está a producir no río da Chanca, tamén afecta ao estuario do Bao onde o río desemboca. Trátase dun humedal nun espazo natural protexido a nivel pertencente á Rede Natura 2000 e con varias figuras de protección autonómicas e internacionais que son:
– Zona Especial de Conservación “Complexo Ons-O Grove”,
– Zonas de Especial Protección para as Aves: “Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira”;
– Humidal protexido “Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira”,
– Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais: ”Complexo Ons – O Grove”,
– Humidal de importancia internacional (Ramsar) “Complexo intermareal Umia – Grove”,
Para o CES estos episodios contaminantes, que non se producen por accidentes casuais nin puntuais, senon por unha falta de mantemento das infraestructuras públicas, poden e deben ser solucionados o antes posible. Non entendemos a que agardan a Xunta e o Concello para actuar.


Deixar un comentario

Categorías