Durante o mes de marzo o CES comezou unha nova edición do proxecto de educación ambiental “Coidemos as nosas dunas” en colaboración co IES de Sanxenxo. Ambas entidades levamos colaborando neste proxecto dende o ano 2017.
O obxectivo é doble. Por un lado trátase de aproveitar un recurso educativo moi cercano ao alumnado para estudar de forma práctica contidos do temario de Bioloxía e Xeoloxía de 1° e 4° de ESO, como son os conceptos de ecosistema, biótopo, biocenose, redes tróficas, adaptacións… Por medio de unha charla e unha ruta guiada polas dunas, o alumnado tivo ocasión de reforzar estes contidos de forma práctica e significativa, además de gozar do contacto coa natureza, e das ventaxas de aprender nela, o cal, como recentes estudos demostran, favorece a capacidade de atención e concentración e beneficia emocionalmente ao alumnado.
O segundo obxectivo é poñer en valor os ecosistemas dunares do concello, especialmente o de Baltar, sometido a tanta presión por estar en zona urbana, e durante tanto tempo sometido a todo tipo de impactos e actuacións desafortunadas. Unha delas, os desbroces indiscriminados con tractor, que continúan hoxe en día. Así, analizáronse as consecuencias desta práctica tan dañina para o ecosistema: eliminación de especies dunares, compactación do terreo, propagación de especies invasoras, perda de hábitats para a fauna, e incluso morte de exemplares de fauna como ourizos cachos.
E tamén de outras como deixar os cans soltos polas dunas (a pesar das advertencias dos carteis). Os cans co seu instinto depredador poden molestar ou aniquilar fauna propia deste ecosistema, ademais de que a materia orgánica aportada polos seus excrementos favorece a substitución das plantas dunares por outras non propias deste ecosistema.
Así mesmo, explicouse a necesidade de acometer canto antes o proxecto de rexeneración redactado no seu día polo Concello. Como colofón, durante o mes de maio levarase a cabo unha charla e unha eliminación de especies invasoras por parte do alumnado de 4° ESO.
VANDALISMO NO VALADO PROTECTOR DAS DUNAS DE BALTAR
As dunas de Baltar, na costa de Portonovo, foron protagonistas esta semán dunha intervención moi positiva para a súa protección por parte da Dirección Provincial de Costas. Consistiu na instalación de dous paneis sobre os valores da duna de Portonovo e un valado de separación da zona de piñeiros, xa no seu día arrebatada á duna, do resto do sistema dunar, para que o tránsito de persoas e máquinas quedase restrinxida a dita zona ocupada polos piñeiros.
Paseantes con ou sen cans e outras intervencións desafortunadas como a acción das máquinas rozadoras, non fan máis que empobrecer a vexetación e afectar ás plantas dunares que logran a duras penas sobrevivir, e que este valado pretende protexer.
As dunas de Baltar, que a mediados do século pasado se estendían máis alá do instituto, foron minguando e deteriorándose debido á urbanización, construción de estradas e paseos, usos indebidos como zona de feira ou extracción de area e posterior vertedoiro de entullos. Dende o Colectivo Ecoloxista do Salnés vimos décadas traballando para frear o seu deterioro e lograr os apoios de distintas administracións para a rexeneración da zona comprendida entre a estrada e o mar, zona toda ela protexida pola Lei de Costas. Apostar pola rexeneración desta duna é, ademáis de seguir as directrices da Lei de Costas e do POL, demostrarnos que se pode compatibilizar a protección medioambiental co noso desenvolvemento.
No 2018 o Concello de Sanxenxo comprometeuse a tomar medidas para frear o deterioro da duna e continuar coas fases de rexeneración pendentes como medida compensatoria pola construción da actual nave do club de piragüismo sobre un anaco destas dunas. De feito contratou un estudo para analizar as distintas alternativas de facelo, pero a execución da rexeneración non se chegou nin a iniciar. Este compromiso aínda está en pé e aínda se pode facer realidade conxugando esforzos co Servizo Provincial de Costas, que xa deu pasos neste sentido no 2007 rexenerando a zona más achegada a Portonovo, e esta semana coa instalación do valado.
Tristemente este valado foi froito de vandalismo ou sabotaxe pola noite, xa que os arames protectores foron cortados por algún individuo incívico que ademáis de demostrar falta de sensibilidade e descoñecemento da historia e importancia destas dunas, parece empeñarse en tirar diñeiro público.
Cando a tendencia actual é que as cidades máis modernas renaturalicen os seu entornos restaurando ou creando espazos naturais, nalgúns sitios aínda hai xente que pensa que somos máis modernos por destruir a biodiversidade local transformándoa en parque urbano. Cando alumnos do colexio e do instituto están aprendendo a respectar a biodiversidade local e comprenden perfectamente a importancia da súa conservación e rexeneración,un grupo de xente segue anclada na idea caduca de progreso mal entendido. E algún deles canaliza a súa frustración facendo dano ao que é de todos e polo ben común e non aceptando o que non lle gusta de forma destructiva.
Todo cambio implica resistencias. Xa no 2005 algúns veciños se opuxeron aos primeiros pasos que Costas daba na súa protección prohibindo o seu uso para a instalación de atraccións ou actividades lúdicas. Grazas a esa protección e intervencións posteriores de rexeneración, hoxe todos os veciños e turistas que camiñan polo paseo da duna gozamos desta paisaxe natural.
Agora toca ampliar esta protección e seguir revertendo os impactos negativos que dende fai décadas estivemos a cometer. Así, agardamos do Servizo de Costas que siga a avanzar por este bo camiño e repare o valado canto antes. E agardamos tamén que os responsables locais se unan a este bo camiño e cumpran os seus compromisos, que no seu día defenderon ante a comunidade educativa, sen deixarse influenciar por aqueles que non ven máis futuro que o cemento.
Esta fin de semana está anunciado o encendido das luces navideñas do Restaurante-arrocería da Lanzada, un local que colinda coa praia do mesmo nome e co espazo protexido de Ons-O Grove. O entorno da Lanzada é un dos poucos tramos da costa do Salnés sen urbanizar. É un dos lugares preferidos polos veciños e turistas para pasear, desfrutar das estrelas e da posta do sol. O modelo ibizenco de chiringuitos abertos, música con altavoces e sobreiluminación, acaba coa tranquilidade nocturna das nosas praias. Así é cada vez máis complicado desfrutar da costa tranquila, esa costa que sempre se vende nas postais, idílicas, e que logo se transforman no verán en ruídosas e sobreiluminadas. No inverno hai un respiro, que tamén aproveita a fauna e flora para desenvolverse en liberdade, ata que o verán volve para arrebatarlle o seu espazo de novo.
Está claro que o Nadal é moito máis que unha festa cristiá; é unha festa de reencontro cos familiares e amigos. Coma en toda festa as rúas e as nosas casas se engalanan e se fai un gasto extra para esa celebración, pero cando ese gasto se convirte en derroche é cando pode ser perigoso, non só para nosa economía senon tamén para o medio ambiente. Un exemplo desto é o encendido das luces de Nadal nas nosas rúas dende novembro para estimular o consumo, segundo pregoan os irresponsables políticos que nos gobernan. Este consumismo que se pregoa está cheo de enganos e perxuízos para nós e para a natureza, xa que consume os recursos do planeta e os nosos bolsillos. Pero o derroche eléctrico do sobrealumeado é de todo imperdoable no contexto derivado do cambio climático que estamos a sofrer. Dende ámbitos ecoloxistas se lles dí aos alcaldes que estes abusos nos adornos lumínicos son un mal exemplo para a sociedade á que se lle está a pedir aforro de luz porque estimula a outros a copialo. Este é o caso da arrocería da Lanzada, que ve neste modelo de derroche unha boa oportunidade de publicidade. Neste caso, o seu impacto vese agravado polo lugar onde está, xa que deteriora a beleza do lugar coa súa contaminación lumínica. Xa no verán o seu alumeado superdimensionado foi motivo de queixas do CES ante distintos responsables da administración e que ningún estamento foi quen de atallar. Nin a Xunta nin o Concello do Grove foron quen de darnos explicacións sobre a situaciónlegal deste establecemento pola súa sucesiva ocupación de terreos na costa. E este silencio pode estar cheo de culpabilidades que se queren agochar. Agora a administración debería velar por controlar a contaminación lumínica na nosa comarca así como loitar contra o feísmo paisaxístico que representa unha luminaria de tal calibre no medio da oscuridade, que non é mais que outra chavacanería das que xa estamos fartos de sufrir na nosa paisaxe, afeándoa cada vez máis e incluso denoite.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés consideramos que é preocupante esta iniciativa da arrocería, sabendo que non é nin será a única, pero que é representativa dun xeito de pensar nada responsable nin coa paisaxe, nin coa saúde climatica. Tampouco é solidaria no contexto de austeridade enerxética na que estamos inmersos. Animamos á sociedade a que non se deixe enganar por estos reclamos e ás nosas autoridades a cambiar as suas políticas dando exemplo dunha vez por todas cun consumo ambiental e socialmente responsable. Xa no 2007 o Instituto para la Diversificación y el Ahorro Energético (IDAE), recomendaba que o alumeado navideño se encendera entre o 15 decembro e o 6 de xaneiro, nun horario reducido e empregando lámparas de baixo consumo.
O CES considera que se deberia deixar o alumeado navideño para os ámbitos urbanos e no interior das nosas casas e empresas, pero non deberían acenderse en sitios non habitados. A oscuridade forma parte da paisaxe natural, dos bioritmos da natureza e de nós mesmos. Deixemos que o luar da lúa ilumine o noso litoral.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) tamén quixo aportar por escrito propostas de mellora aos responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ante a aprobación da regulación do uso público de Rúa e Os Guidoiros. No noso escrito fixemos fincapé nos seguintes aspectos:
Os períodos da tempada alta: a Xunta propón que os períodos de máxima afluencia sexa Semana Santa e do 15 de maio a 30 setembro, e poderían entrar 50 persoas á illa (que o resto do ano quedarían restrinxidas a 20). Nós consideramos que isto non conflúe co obxectivo de protección das áreas de cría das aves que alí crían. No caso da píllara das dunas a Xunta ten vixente un Plan de Conservación no que se define ao illote Areoso como Área Prioritaria de Conservación e que dito plan establece que a época de cría desta especie abrangue o período do 15 de marzo ata o 15 de xullo. Consideramos que se debería atrasar o comezo da tempada alta, en aras de manter a tranquilidade do lugar no período de cría destas e outras aves nidificastes (gaivota patiamarela, gaivotón e gabita)esténdese tamén a primeira metade do verán, polo menos. Así, en base a este criterio de conservación, deberíase por a tempada alta a 15 de xullo ata 30 setembro (podéndose valorar alongar ata o 31 de outubro de asegurarse que non afecta á avifauna, como semella).
Cremos que orde debería aportar máis claridade na metodoloxía que a Xunta pretende aplicar no proceso de autorizacións dos fondeos e atraques en Areoso e como se vai contabilizar a chegada de persoas a través destes medios, xa que a cota de entrada de persoas á illa tamén está limitado. Tampouco se nomea sequera como se regularían as entradas de visitantes a través de empresas de transporte náutico pero que non fondean.
Con respecto ás cotas de fondeos, atraques e persoas propostas, consideramos que a Xunta debería ter aportado o estudo de capacidade de carga de visitantes a Areoso nas que se basean para establecer o número máximo de fondeos, atraques e persoas que visitan a illa cada día. Ao non dispoñermos destes estudos se lle nega á cidadanía poder dar unha opinión fundamentada de se estes números son os adecuados.
No borrador da orde non se aporta cartografía nin dos fondos mariños nin dos hábitats terrestres, información que creemos que se debería aportar, pois sobre esta se debe fundamentar a ordenación do uso público da illa, obxectivo principal desta orde.
Neste senso cabe destacar a presenza de fondos de Maërl ricos en biodiversidade e moi fráxiles ao impacto das áncoras,e cremos conveniente telos en conta á hora de establecer ditas zonas de fondeo.
Consideramos tamén que se debería acotar a zona de atraque á parte Norte-Norleste de Areoso, a costa areosa, para evitar molestias á avifauna que cría ou repousa na costa rochosa do norte da illa e cons cercanos.
Cremos que a velocidade de navegación no entorno da illa de Rúa e de Areoso e Pedroso se debe regular, prohibindo velocidades de máis de 3 nos nas súas inmediacións. Así, ter en conta os impactos ocasionados pola navegación nas augas da zona (ruídos, contaminación por hidrocarburos, estres á fauna mariña e avifauna, impactos coa fauna, seguridade cidadá…) e delimitar estas zonas de velocidade restrinxida ao redor de Rúa e os Guidoiros pero sempre deixando unha canle de paso sen restricións entre Rúa e Os Guidoiros, por ser a principal canle de navegación da Ría.
Cremos moi positiva a iniciativa de regulación do uso público pero consideramos importante tamén inverter na información cidadá e na sinalización tanto mariña como terrestre. Informar aos visitantes a través de carteis da normativa, información sobre os valores que se protexen, restaurar o valado que impide o paso á duna en Areoso e a parte sur da illa, colocar paneis informativos nos peiraos deportivos da ría de Arousa, sinais de velocidade restrinxida ou prohibido desembarco nos sitios adecuados e delimitar a zonas de fondeo e atraque. Tamén faise necesario intensificar a presenza de vixilancia (dotando de medios e persoal a tal efecto), controlando o cumprimento das medidas propostas nesta futura orde.
O CES presentou en setembro observacións a este proxecto. O DAE (Documento Ambiental Estratéxico) estivo a exposición pública para poder pasar o trámite da avaliación ambiental simplificada. Trátase dun proxecto de hotel de 82 prazas. Cunha ocupación total entre persoas aloxadas, usuarios dos servizo do talaso e traballadores de 527 persoas, e 72 prazas de aparcamento.
Son moitas as eivas que observamos no DAE, pois non se fai unha correcta valoración dos efectos ambientais para varios dos apartados: fauna, espazos protexidos, hábitats, plan de conservación da Píllara das dunas, hidroloxía (consumo de auga, calidade das augas vertidas, tanto doce como de mar), ocupación do solo… Como consecuencia tampouco se propoñen medidas correctoras de ningún tipo.
Toda a parcela se atopa en Área de Mellora Ambiental e Paisaxística do POL. A franxa comprendida entre as dúas liñas vermellas, marca a zona de Servidume de Protección da Lei de Costas.
Tampouco se ten en consideración o cambio climático, nin con respecto á escaseza crecente de auga potable, as inundacións frecuentes na zona e a subida do nivel do mar, nin ao efecto da tala das árbores que actualmente actúan como sumidoiros de CO2.
Consideramos que, como mínimo, este plan debe someterse a unha avaliación ambiental ordinaria (e non simplificada, como se pretende), porque se dan os seguintes condicionantes, recollidos na propia Lei de Avaliación Ambiental: existen problemas ambientais significativos relacionados co plan ou programa, como son o consumo hídrico, nun contexto de seca e restricións que vai a máis, a inviabilidade da EDAR para asumir a depuración das augas do hotel, e a afectación ao plan de conservación da píllara das dunas. Ademais a construción do hotel, piscinas e aparcamentos supón a ocupación irreversible do solo, así como un impacto paisaxístico permanente.
Tamén porque a zona afectada ten un alto valor e vulnerabilidade debido ás súas características naturais especiais e ao seu rango de protección, protexida directamente polo P.O.L. (Área de mellora ambiental e paisaxística) e a Lei de Costas (servidume de protección nunha parte da parcela e DPMT con alto valor ambiental e hábitats prioritarios na zona afectada polas canalizacións para auga de mar). Ademáis de conter Hábitats do Anexo I da Directiva Hábitats, e ser zona inmediatamente colindante a un IBA (e por tanto formar parte da súa zona de influencia).
Tampouco se fai unha análise das 3 alternativas de forma obxectiva, onde se teñan en conta factores ambientais, sociais e económicos (piares do desenvolvemento sostible) co mesmo peso na puntuación. Deste xeito non se ten en conta o menor impacto ambiental da alternativa 0 (deixar a parcela como está). Incluso se chega a suxerir que a alternativa 0 tería maior impacto ambiental.
No DAE afírmase que non se localizaron áreas con risco de inundación na zona, o cal non é certo, posto que o lugar xa era unha zona periódicamente inundable antes da construción do colexio e instituto na zona. O desvío e canalización do regato Bizocas non solucionou o problema. Cada vez que chove torrencialmente, hai inundacións na zona, como en 2006, 2015, 2019, e 2020. Polo tanto, instamos ás autoridades competentes a que non permitan repetir os mesmos erros da mala planificación urbanística do pasado. Todo isto nun contexto de cambio climático onde os episodios de choivas torrenciais van a máis e o nivel do mar sube constantemente ano a ano, polo que as inundacións están servidas.
Con respecto ao consumo de auga, tampouco se ten en conta no DAE o contexto crecente de secas e restricións debidas ao cambio climático. Nun informe técnico do concello, indícase que o hotel debe contar cun depósito de auga propio en previsión de que a auga non sexa suficiente para abastecer a S. Vicente. Pero no DAE non se especifica de onde se vai extraer a auga para dito depósito nin de que volumes se tratará, para poder avaliar correctamente o impacto nos recursos hídricos de todos, e a súa contribución a posibles restricións para a veciñanza.
Algo parecido sucede coa xestión das augas residuais do hotel. Posto que en dito informe técnico, advírtese que a EDAR de San Vicente está ao límite da súa capacidade e na época estival supera a mesma, polo cal deberase depurar ou facer un pretratamento previo do vertido á rede municipal. Sen embargo na Memoria xustificativa do proxecto, afírmase o contrario: “Se calcula que la EDAR tiene capacidad suficiente para absorber el desarrollo del establecimiento hotelero y la capacidad establecida en el proyecto” . Polo tanto, óbviase este impacto e tampouco se propón ningunha medida correctora, como se recomenda no Informe Técnico do Concello.
De igual forma non se especifica que tipo de tratamentos previos e posteriores se farán coa auga de mar empregada, nin se isto causará vertidos con contaminación biolóxica, química ou física. Non se indica nin que volúmenes de auga van ser tratados, nin se garante un tratamento responsable das mesmas, nin cales serán as técnicas empregadas. Desta maneira resulta imposible avaliar a afectación á calidade da auga do mar.
Con respecto ao POL, solicitamos ao Instituto de Estudos do Territorio e Vivenda que non se permita a aprobación do PEID en canto non se consiga a autorización necesaria. Autorización que ao noso entender debe ser DENEGADA, posto que na Área de Mellora Ambiental e Paisaxística, as novas construcións destinadas ao turismo no medio rural considéranse INCOMPATIBLE. Polo que o hotel non estaría permitido nesta zona.
Con respecto á Lei de Costas, tamén vemos varios incumprimentos, como que unha pequena parte do hotel estaría dentro da Servidume de Protección, o cal non sería legal. Na zona de SP só se permiten instalacións deportivas descubertas. Resulta obvio que as piscinas (unha delas cuberta), que se pretenden facer nesa zona son para uso terapéutico e recreativo, pero non deportivo, polo que se estaría incumprindo a legalidade. Por outra banda, preténdese a canalización de auga de mar atravesando o ecosistema dunar de Area da Cruz, zona en DPMT, e afectado polo Plan de Conservación da píllara das dunas. E nada disto se avalía no DAE.
Por todo iso solicitamos tamén que non se permita a aprobación do PEID antes de que se revisen as incompatibilidades manifestas co POL e coa Lei de Costas, para evitar políticas de feitos consumados.
Neste senso, resulta sorprendente que os promotores afirmen ter autorización para captación e vertido de auga de mar, así como instalada xa unha caseta para bombeo da mesma, cando aínda se acaba de empezar a tramitación do PEID.
O próximo domingo, 25 de setembro, convidámoste a participar na limpeza reivindicativa dos nosos ríos e a desfrutar do.Umia.
A cita é ás 11.00h da mañá en Ponte Arnelas, na Ponte dos Padriños.
– Nós levaremos o material preciso.
– Non esquezas traer roupa e calzado axeitado.
O Proxecto Ríos xa leva organizando dende o 2008 este día de Limpeza Simultánea en numerosos concellos de Galiza. É un día no cal voluntarios e voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais. Miles de quilogramos de refugallos xa foron extraídos de moitos ríos galegos polos centos de voluntarios/as que teñen participado nas limpezas anteriores. Animámosvos a participar este ano para que vaiades ao voso río e recollades ese lixo que acaba coa súa biodiversidade e beleza. O máis importante deste día é a labor de concienciación social que entre todos e todas realizamos. Axudamos a manter un bo estado de conservación nos nosos ecosistemas fluviais e facémoslle ver á cidadanía que as pequenas accións valen moito.
Cerámicas Campo, a empresa que explota as arxelas no lugas das Cachadas e Fianteira en Vilalonga dende fai décadas ven de solicitar ante a Xunta unha prórroga de dereitos de explotación no sector da Fianteira por outros 30 anos. Dentro do trámite a empresa tivo que elaborar un plan de extracción e un Estudo de Impacto Ambiental que debe informar e autorizar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A explotación das arxilas en Vilalonga ven de moi atrás e fixo que os ocos de escavación xa abandonados se naturalizaran e crearan lagoas de grande interese natural pola súa riqueza faunística e paisaxística. De feito, gran parte desta área está dentro do espazo protexido en Rede Natura 2000 no Zona de especial conservación do Ons- O Grove e a zona de especial protección para aves da ZEPA Umia-O Grove. Unha parte da zona de Fianteira na que solicitan a prórroga de explotacióon está dentro dos limites da Rede Natura e o resto está lindante a esta zona.
Ante a fraxilidade e alto valor de conservación que ten o contorno da zona de explotación, o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) presentou 10 páxinas de suxestións de mellora a ese estudio baseadas en 3 puntos principais: • – Solicitar as medidas de máximo cautela nas actuacións que se fagan lindantes a aquelas lagoas antigas xa naturalizadas e que teñen valor ambiental, estean en Rede Natura ou próxima a ela como alonxar as novas escavacións das súas proximidades, non empregalas como zona de verteduras de augas ou terras e aumentar o control de ruídos no entorno e da turbidez nas súas augas. • – Solicitar un Plan de Vixilancia Ambiental máis detallado e cun cronograma asociado. Este Plan tería como obxectivo para a empresa ter un procedemento de control das posibles afectacións ambientais dos seus traballos, controlando certos aspectos como o nivel de ruídos, afección á flora ou á fauna, a calidade das augas das lagoas…. Se este Plan non está ben definido dende un principio, converterase nun papel mollado xa que non vai ser posible a seu seguimento polas autoridades competentes. • – Solicitar que os traballos de control de especies invasoras así como a revexetación da zona explotada, (que a empresa se compromete a facer no seu Plan de rexeneración para compensación dos danos ambientais ocasionados na zona), debe estar máis detallado e debe ampliarse no tempo, pois a xuízo do CES os traballos de erradicación de especies invasoras como a Herba da Pampa non se fai en 2-3 anos como se propón no documento senón a máis longo prazo. Ademais propoñemos que ditos traballos non se agarde a facer ao remate dos 30 anos, senon que se fagan simultáneamente ao período de obra. Así, unha vez vaian avanzando na zona de escavación poderían ir actuando na rexeneración da zona abandonada. Deste xeito a Consellería de Medio Ambiente podería ir levando un control dos compromisos ambientais que a empresa plasmou na documento do estudo de Impactos e conseguir certa garantía de cumprimento. Agardamos que as nosas achegas lles sexan de utilidade á Consellería de Medio Ambiente á hora de tramitar dita prórroga, co afán de que logre as máximas garantías ambientais por parte da empresa, para facer así compatible a súa actividade coa conservación do entorno.
O Concello de Sanxenxo ven de facer público o acordo co SAREB da cesión de tres Solos Urbanizables en Sanxenxo para a súa posterior urbanización, entre os que está o SU 14, a parcelado coñecido Monte Faro, unha das zonas forestais deste Concello. Neste anuncio fai público tamén a tramitación da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permita crear nel un campo de golf e 1290 vivendas. O CES ve inxustificada unha urbanización nesta zona, tan apartada do núcleo urbano, que non atende a necesidades de vivenda si non a segundas residencias, deixando moi atrás calquera criterio de xestión sostible do territorio: afectación paisaxística, transformación de solo arborado por cemento, novas vías de comunicación, gasto enerxético, investimentos para a xestión da auga, fomento do uso do coche nun contexto de cambio climático, consumo desmedido de auga, usos de abonos e fitosanitarios no campo de golf co perigo evidente de contaminar as augas do río Fabaíños, etc.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) xa presentara en 2010 unha demanda contencioso administrativa no xulgado de Pontevedra solicitando a nulidade do Acordo do Pleno do Concello de Sanxenxo polo que se procedía á aprobación do Plan Parcial do SU 14, que pretendía transformar o cumio do Monte Faro e das súas ladeiras forestais en zona urbanizable para 1.302 vivendas unifamiliares e os seus vales no que eles chamaban “Parque Natural”. O TSXG deunos a razón, baseándose no impacto paisaxístico que crearía a alineación de tantas vivendas no cumio e ladeira cunha gran conca visual, o que acrecenta o seu impacto. Isto paralizou o proxecto urbanístico daquela presentado, quedando durmido ata agora.
Nos últimos anos é cada vez máis crecente o número de edificacións inseridas na paisaxe agraria e forestal. Sen dúbida esta urbanización contribúe a fragmentar unha vez máis a paisaxe natural nunha zona, ata agora totalmente forestal e sen ningún tipo de edificación, que queren substituír por edificacións visibles dende diversas zonas do concello e un campo de golf. A paisaxe natural é un dos recursos turísticos máis importantes do concello. Se o Concello quere crear espazos verdes para a cidadanía, deberían pensar en espazos cheos de vida, fomentando a substitución de especies arbóreas pirófitas como os eucaliptos por especies frondosas autóctonas e poñer en valor o patrimonio cultural que hai no entorno de Monte Faro e que segue esquecido. Un campo de golf non é un espazo con biodiversidade aberto á cidadanía, por moi verde que sexa.
No contexto actual de cambio climático, do que este verán estamos vivindo en Galicia as súas consecuencias máis severas, con ondas de calor, secas e graves incendios, semella de todo imprudente apostar pola creación de campos de golf, cun alto consumo de auga y enerxía para o seu mantemento. E denota pouca planificación dos responsables políticos do Concello nas súas propostas, xa que na mesma semana acaban de ditar un Bando Municipal restrinxindo o consumo de auga para o recheo de piscinas, lavado de coches ou rego de xardíns, solicitando aos veciños responsabilidade. Así, neste contexto, consideramos un auténtico disparate esta proposta.
A administración debe velar polo cumprimento da lei de protección ambiental e paisaxística no que se refire á xestión urbanística e do territorio e o desenvolvemento sostible, pero os nosos gobernantes insisten en que só sexa papel mollado.
Ligazóns á publicación da nota de prensa enviada, cuio texto é este que acabas de ler. (Aquí pode verse a extensión que dedica cada medio á noticia).
Unha representación do CES asistimos onte á concentración de “Por un monte galego con futuro” da que formamos parte a través da FEG (Federación Ecoloxista Galega).
Con indignación e tristeza pola deixadez, abandono do medio rural, falta de previsión e de medios, falta de prevención e dunha xestión forestal sostible que libre de especies pirófitas aos espazos protexidos… E tamén para esixir medidas de restauración ambiental inmediatas.
Que os incendios forestais máis grandes xamáis rexistrados en territorio galego sexan os que arrasaron O Courel, O Invernadoiro e A Enciña da Lastra, poñen de manifesto, unha vez máis, a falta de interese real da Xunta en coidar os nosos espazos protexidos.
A continuación reproducimos o manifesto alí lido co que non podemos estar máis de acordo.
Foto: pontevedraviva.com
Manifesto LUMES NUNCA MÁIS
POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO
21 de xullo de 2022
Estamos hoxe aquí para denunciar unha vez máis outra traxedia ambiental, social e cultural, un novo pesadelo nesta longa noite de perda da nosa natureza. O andazo dos incendios está asolagando as provincias de Lugo e Ourense, nomeadamente os seus espazos naturais protexidos. A estas horas xa suparemos as 30.000 hectáreas calcinadas no noso País, por riba de calquera previsión, sendo os incendios do Courel e Valdeorras os meirandes ha historia de Galiza.
Estamos a vivir unha auténtica catástrofe ecolóxica. O lume arrasa gran parte das nosas serras orientais galegas, fogar dalgunhas das xoias naturais máis emblemáticas e xenuinas do País: o Courel, o Parque Natural do Invernadoiro, o Parque Natural da Enciña da Lastra e o Macizo Central.
Tamén asistimos impotentes ante o avance das chamas en boa parte da comarca de Valdeorras, e nas localidades de Pobra de Brollón, Oímbra e Palas. Grande parte destes espazos quedarán tinxidos de negro, en forma dun “Prestige de interior” que vai deixar tras de si, unha paisaxe desoladora e unha terra devastada.
“Como pode arder unha aldea?” escribían nun xornal. Van máis de 85 casas calcinadas, e milleiros de persoas evacuadas que se viron na obriga de deixar os seus fogares, e os seus animais, impotentes, vendo que non había medios suficientes para facerlle fronte ao lume. Están abandonadas. Dende os nosos colectivos e coas persoas aquí presentes queremos amosar a nosa total solidariedade coa veciñanza evacuada, coas que perderon casas e facendas e con aquela outra que pese aos avisos, e arriscando a súa vida, mantense nas aldeas, para tratar de facerlle fronte aos lumes agardando a que chova, e se as aldeas se salvan será pola súa resistencia e loita, cos soutos como os únicos aliados.
En só tres días arderon máis hectáreas das que a Xunta tiña estimado para todo este ano 2022 no PLADIGA (Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia). Neste plano, a consellería de medio rural estimaba a superficie máxima ardida nunhas 16.200 ha, fronte as 30.000 ha que levan ardido desde o xoves e con lumes aínda activos. As previsións da Xunta quedáronse moi curtas, como curtos parecen ser os 7.000 efectivos previstos para combater os lumes, que ao final quedaron en 400 (o mesmo número que no mes de maio) e que ante a actual situación resultan irrisorios. Hai que asumir que os grandes incendios forestais e os de sexta xeración van aumentar a súa incidencia no territorio galego. As previsións deben telos en conta, pois son incendios tan voraces que poden chegar a consumir 4.000 ha nunha hora.
Solidarizámonos tamén co colectivo de profesionais de prevención e extinción, que outra volta traballan en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios. Denunciamos que a Xunta volveu ao sistema de contratar brigadas de reforzo de verán por parte dos Concellos que non estarán activas até entrado agosto eliminando a contratación polas listas de agarda da Administración autonómica para aforrar medios e persoal propio.
Arden casas nun rural baleirado. Arden primeiro as repoboacións de pirófitas, que alteran os ecosistemas naturais e avocan ao lume ás carballeiras, soutos, uceiras e breixeiras mestas, que antes se xestionaban e non ardían porque había gando no monte. Debemos volver darlle usos a eses montes e formar soutos que axuden a despexar o sotobosque para aproveitar os froitos e cogomelos do outono.
O noso monte xa non ten a capacidade de limitar o alcance dos lumes, nin tampouco a capacidade de se rexenerar tras arder década tras década. A vida salvaxe que hoxe se perde, tardará moitos anos en volver a reaparecer, porque a contorna tamén degradada, xa non consegue achegar sementes nin individuos para a recolonización natural. Cos lumes desaparecen aves ameazadas, como os bufos reais, as tartarañas cincentas e as gatafornelas. O oso pardo recúa tras ver a súa contorna queimada. Centos de milleiros de bolboretas, saltóns e pequenos mamíferos ficarán abrasados polo avance das lapas. Sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos monumentais convertidos en carbón en cuestión de segundos. E que pasará con ese solo queimado e requeimado, tan alterado que non poderá permitir o establecemento da vexetación que sustenta á fauna? A súa recuperación non é cuestión de décadas, senón de centos de anos.
E ante esta situación onde está a conselleira de medio ambiente Ángeles Vázquez Mejuto? Non debería ter comparecido xa para concretar e cuantificar a superficie protexida arrasada polas chamas? Que medidas están tomando para paliar os efectos sobre estes espazos? e cales son as medidas que se tomarán para evitar os efectos erosivos do lume? O Goberno galego e o actual presidente da Xunta Alfonso Rueda seguen ocultando a triste realidade de que o que se perde son as grandes xoias naturais de Galiza.
E o lume non só arrasa con bens materiais, senón tamén coa memoria, historia e cultura de moitos dos pobos, como a casa museo de Xoán de Vilar, enciclopedia viva de cultura popular que afunde súas raíces no inconsciente colectivo da Galiza, e que quedou calcinada polas lapas.
Unha vez máis, temos que ser nós as cidadás galegas as que saíamos á rúa para esixir ao goberno da Xunta medidas urxentes para frear esta situación e un cambio radical nas súas políticas ambientais, agrogandeiras e forestais.
É por isto que por enésima vez esiximos:
O reforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción con especial atención aos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental de Galiza, agora e durante todo o ano.
A criazón dun único servizo público, de xestion directa e dependente da Xunta, evitando a súa privatización, composto por profesionais, adecuadamente formado en prevención, extinción de incendios e multiemerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
A declaración de “zona catastrófica” (agora “zona afectada gravemente por unha emerxencia civil”) das áreas atinxidas polos lumes.
Accións inmediatas nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración.
A suspensión da tempada de caza e pesca non só nas áreas queimadas senón tamén nos tecores veciños por un período que permita a rexeneración das poboacións salvaxes afectadas polo lume.
O pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo, e que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
Denunciamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes coorporacións multinacionais enerxéticas, pasteiras e mineiras que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado.
E agardamos que non se aproveite esta situación de desgraza ambiental e social para favorecer os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico, e forestal.
POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO
BASTA XA DE TANTA MANIPULACIÓN E DE PROPAGANDA BALEIRA SOBRE O NOSO RURAL.
NON QUEREMOS QUE O MONTE SEXA PASTO DO LUME E DA ESPECULACIÓN.
VECIÑANZA DO COUREL, DA POBRA DE BROLLÓN, DE VALDEORRAS, DA ULLOA, DO MACIZO CENTRAL, DA ENCIÑA DA LASTRA, DE OÍMBRA, DE VILARIÑO DE CONSO, DOS ANCARES: NON ESTADES SOAS!
O lobo, unha das especies máis queridas e á vez odiadas pola humanidade, deuse caza de diferentes xeitos ao longo da historia.
O domingo 17 de xullo, na EXCURSIÓN ANUAL DO C.E.S., imos ver como se cazaba a través dun “foxo” visitándoo en Cotobade co guía ambiental e socio do CES Manuel Dominguez. Tamén visitaremos unha piscifactoría na súa compaña. Ademáis visitaremos as inmediacións dun castro, un muíño e outro foxo, tamén en Cotobade, guiados por un arqueólogo que nos explicará os seus segredos.
Lugar de encontro: explanada fronte ao Centro médico de Baltar (Portonovo), onde se fai o mercadillo. Hora de saída: 9:15 Hora de Chegada: 19h (aprox). Prezo: 15 os socios/as e 25 os non socios/as, (págase no mesmo día) Levade a vosa comida e bebida, xa que faremos unha comida campestre. Recomendable levar roupa e calzado cómodo, gorra e protector solar.
Lembrar que nos autobuses segue sendo obrigatorio o uso de máscara.
Apuntarse previamente antes do xoves 14 de xullo ás 22h a través de whatsapp ao teléfono do CES: 680580086 ou enviando un correo a: cesalnes@yahoo.es. Deixa o teu nome e os dos teus acompañantes e dinos cales son socios e cales non o son.
INFORMACIÓN DOS SITOS QUE VISITAREMOS
ÁREA ARQUEOLÓXICA DA CRUZ DO CASTRO A Cruz do Castro é un outeiro situado en Carballedo, no que se asenta un xacemento arqueolóxico da Idade do Ferro e da Época Romana Tardía, formado por varios recintos fortificados e distintos elementos etnográficos e construcións de arquitectura popular, entre os que salienta un muiño de vento, o Muíño de Vento de Laredo, recentemente restaurado. A Cruz do Castro é un outeiro que se sitúa ás costas do barrio da Igrexa, en Carballedo, e sirve de soporte a un dos conxuntos patrimoniais máis coñecidos do Concello de Cotobade. Consta dun xacemento arqueolóxico, formado por varios recintos fortificados e distintos elementos etnográficos e construcións de arquitectura popular. As escavacións arqueolóxicas sacaron á luz vestixios de construcións e materiais da Idade do Ferro e da Época Romana Tardía, os dous espazos históricos nos que se move o asentamento. Desa última os achados son sorprendentemente ricos: cerámica local e de importación do Mediterráneo, obxectos de uso cotián e de adorno persoal, entre os que destaca un anel de bronce e un pendente de ouro.
Esta última peza ten unha importancia extraordinaria, xa que é a primeira vez que se atopa en Galicia unha xoia desas características nunha escavación científica. No recinto principal atópase o Muíño de Vento de Laredo, unha das catro construcións deste tipo existentes en Cotobade. É do tipo bidireccional de cuberta fixa e foi recentemente restaurado. Máis información en: http://www.terrasdepontevedra.org/gl/visitar-cotobade/604- a-cruz-do-castro.html
O FOXO DO LOBO: O“Foxo do Lobo”, elemento que tiña como finalidade darlle caza ó lobo no pasado. Está composto por dous altos muros de cachotería, de gran lonxitude dispostos a modo de funil, deste xeito os lobos eran dirixidos nunha batida, mediante ruído e lume, cara o punto onde estes muros se estreitaban, deixando un pequeno paso e como única saída un pozo circular levantado tamén en pedra. Fonte da info: http://www.cerdedo-cotobade.gal
PISCIFACTORÍA DE CARBALLEDO EN CERCEDO-COTOBADE La repoblación del salmón, un éxito que parte de Cotobade C. Pereiro COTOBADE / LA VOZ
CARLOS PEREIRO La piscifactoría de la Xunta cría, cada año, entre trescientos y cuatrocientos mil salmones destinados a perpetuar la especie 01 abr 2016 . La piscifactoría de Carballedo, situada en las cercanías de la villa, lleva trabajando por la repoblación de diferentes especies de pescado desde el año 1961. Primeramente se dedicó a la cría de la trucha, aunque posteriormente y hasta nuestros días, la repoblación del salmón es su objetivo principal. Las instalaciones beben de dos ríos diferentes, el Almofrei, principal afluente del Lérez, y el Paraños, un arroyo local. El aprovechamiento de estas dos corrientes diferentes de aguas es un hecho interesante que favorece la cría de los miles de peces que aquí se hacen crecer. A través de diferentes filtros, el agua llega casi sin ningún tipo de sólidos hasta el interior. El complejo se divide en tres naves o zonas, cada una con una función específica, que realmente vienen a describir las diferentes etapas de vida por las que pasa el salmón en cautividad. Es necesario destacar, que la piscifactoría de Carballedo tiene como fin a la repoblación de la especie, no la cría en cautividad para su posterior venta. Los ejemplares que alcanzan la madurez son soltados, llegado el momento, en diferentes ríos de la geografía gallega, desde la provincia dePontevedra hasta en la de A Coruña. Un trabajo que goza de bastante éxito.
La nave que recibe más «mimos» y requiere de mayor atención es la de incubación y alevinaje. La primera fase del proceso en la que, mediante una intervención artificial, los huevos de los reproductores son fecundados. En unas 80 bandejas se cuidan los huevos, que tras eclosionar serán llevados a unos tanques de agua en los que vivirán por un tiempo. Este primer pasoes crítico, ya que las pequeáas crías de salmón se alimentan de su saco vitalino, y una vez se acabe deberán empezar con el pienso. Ese momento en el que se pasa de un alimento a otro es complicado. En la naturaleza, el 80 % de los ejemplares mueren, aquí, el mismo porcentaje son los que sobreviven.
Tras crecer, en los meses de mayo o junio pasan a la zona de juveniles. Allí continúan alimentándose y esperan pacientemente al siguiente paso, que sería su liberación hacia el verano. El salmón es un pez que nace y crece en el río, para luego continuar su vida en el mar, y posteriormente remontar el río para reproducirse. Es un hecho estudiado globalmente, y aún sin respuesta, cómo el salmón, en un gran porcentaje de casos, es capaz de volver al río en el que nació.
En la última zona, la de reproductores, los salmones más adultos son alimentados. Son cogidos del río, porque sus descendientes tienen una mejor tasa de supervivencia. Luego, son devueltos.
Es el único complejo de cría de salmón en la provincia. En el lugar se crían entre trescientos y cuatrocientos mil salmones anualmente, considerado un auténtico éxito.
Miles de huevos son cuidados cada año. La cría de los huevos se realiza en ochenta bandejas, en la nave de incubación, uno de los procesos más difíciles.
De cada mil juveniles que se sueltan, retornan entre uno o dos adultos. Parece muy poco, pero cada salmón pone unos 5.000 huevos, y es un pez que puede viajar hasta la costa oeste de Groenlandia. El viaje es largo y las poblaciones salvajes tampoco tienen una supervivencia mucho mayor.
La importancia del momento. Cuando el salmón acaba con su saco vitelino se procede a alimentarlo con pienso especial. Es uno de los momentos más críticos de todo el proceso.
Más de cuarenta tanques. Las crías crecen y pasan a la nave de juveniles, que cuenta con varias decenas de tanques donde continúan con su alimentación y cuidados.
Mejor salvajes. Los salmones usados para la reproducción son capturados en el río, ya que se ha demostrado una mejor eficiencia para ello. Luego son devueltos a su lugar natural.
Una presa adaptada. El embalse de Bora cuenta con una estructura que permite a los salmones remontar el río. Aquí pueden ser capturados para ser reproductores o continuar su camino.