O venres 15 de marzo, @s alumn@s de 4º e 5º do CEIP de Portonovo, e mais @s pequen@s de 4 anos (os superheroes Capitáns Area), saíron á praia a coidar e mellorar a biodiversidade das dunas de Baltar.

Dúas voluntarias do CES estivemos con eles explicando, coordinando e axudando nas actividades.

 

A actividade está enmarcada dentro do proxecto de centro deste curso, que xira en torno ás dunas de Baltar e a súa contorna. O alumnado estaba moi motivado e traballou con moitas ganas e esforzo, e según nos trasmitiron, pasaron un rato moi agradable e quedaron con ganas de volver. O valor pedagóxico deste tipo de actividades de contacto e coidado da natureza é indiscutible.

As actividades centráronse no tramo de duna móbil máis proximo ao Vicaño, e consistiron en:

-Identificación previa das especies invasoras e de varias especies dunares para evitar confusións, así como unha breve explicación das características das especies invasoras, e de como se debe eliminar cada unha delas.

 

 

 

 

 

 

 

 

-Eliminación das seguintes especies invasoras: Carpobrotus sp. (Uña de gato), Arctotheca calendula (Margarita africana) e Oxalys pes-caprae (chuchamel).

 

 

 

 

 

 

 

-Eliminación de restos de pinos (piñas, faísca e restos de madeira triturados) que quedaron tras unha tala e retirada de pinos mal xestionada o ano pasado. Este exceso de materia orgánica non é positivo para as especies propias das dunas, que están adaptadas a vivir con escaseza de nutrientes.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

-Plantación de varios exemplares de especies dunares (Malcomia littorea, Pancratium maritimum e Linaria polygalifolia subsp. polygalifolia), rescatadas das zonas que estarán afectadas polas obras do clube de piragüismo. Aínda que existe unha partida presupuestaria dentro do proxecto da obra para rescatar e trasplantar ditas especies, os Capitáns Area quixeron, valga a redundancia, aportar o seu granciño de area nesta labor.

 

 

 

 

 

 

A eliminación de especies invasoras necesita unha autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente e outra do Servizo de Costas, neste caso, por atoparnos nun espazo dunar, polo que estas eliminacións non se poden facer de forma individual e desorganizada.

A concellalía de medio ambiente do concello de Sanxenxo tramitou as autorizacións, aportou ferramenta e persoal e xestionou os restos eliminados.

Non se debe esquecer que estas actividades teñen labor simbólico e pedagóxico, e que a xestión e conservación  dos espazos naturais coma este, debe ser levada a cabo polas administracións.

 

Advertisements

Durante o mes de febreiro leváronse a cabo unhas actuacións nunha parcela municipal pola que discurre o regato Carabuxeira, concello de Sanxenxo, entre elas o entubado do regato por debaixo dunha rampa asfaltada e o seu soterramento nun tramo. Ademáis do vertido de entullos.

Calquera actuación que se faga nas inmediacións dun regato debería respectar o seu cauce e a súa zona de policía e servidume e ter autorización. E tendo coñecemento de que as actuacións xa foron denunciadas ao Seprona, preguntamos a Augas de Galicia se a obra contaba coas autorizacións pertinentes e que medidas se tomarán no caso de que non.

Augas arriba da rampa asfaltada, houbo movementos de terra ata a mesma beira do regato, co risco de erosión que iso conleva.

 

 

Por debaixo da rampa o regato foi canalizado

 

 

 

Augas abaixo da rampa o regato foi soterrado.

Máis tarde vertéronse entullos, incluída a zona na que se soterrou o regato.

Tamén perguntamos se existe autorización para algunha posible tala de árbores de ribeira, xa que na mesma parcela aínda se conserva un grupo de árbores autóctonas, como salgueiros, amieiros e carballos.

Ditas árbores deberían ser conservadas e potenciadas. Se realmente o concello está interesado en promover zonas verdes urbanas con árbores autóctonas, como nalgunha ocasión nos manifestaron, deberían potenciar a conservación destes escasos enclaves que en plena zona urbana, aínda conservan vexetación autóctona. E por suposto respectar e restaurar na medida do posible o que queda sen canalizar dos cauces fluviais e o seu entorno inmediato.

 

Publicado por: garza18 | 04/02/2019

Xornadas de formación cos profes do CEIP de Portonovo

Os días 17 e 24 de xaneiro, o CES participou nunhas xornadas de formación dirixidas ao profesorado do CEIP de Portonovo, que este ano están a dedicar o seu proxecto de centro á temática das dunas. As xornadas foron  homologadas polo CEFORE (Centro de Formación e Recursos do profesorado da Consellería de Educación).

Trátabase de aproveitar a grande potencialidade dun recurso educativo tan cercano como é o sistema praia-dunas de Baltar, do que se poden aprender de forma práctica e moi significativa para o alumnado, contidos recollidos no currículo de Educación Primaria, principalmente da materia de ciencias naturais, pero tamén de moitas outras materias. Por outra banda, tamén esperamos contribuir co noso granciño de area (valga a redundancia), a loitar contra ese novo trastorno chamado “síndrome por déficit de natureza”.

Por último, agardamos tamén contribuir a aumentar o coñecemento e valoración deste espazo natural, reserva de biodiversidade para Portonovo, tan cercano e á vez tan ignorado, partindo da vella máxima de que só se pode amar e conservar aquelo que se coñece.  

Queremos agradecer o grande interese mostrado polos mestres do CEIP de Portonovo, e estamos seguros de que desenvolverán co alumnado un traballo moi  creativo e motivador, contribuindo á posta en valor deste fermoso espazo natural.

 

 

Publicado por: garza18 | 23/01/2019

NON MÁIS MATANZAS DE RAPOSOS!

De novo rescatamos un cartel do ano 2004 que tristemente segue a ser necesario para volver denunciar un ano máis a irresponsabilidade da Xunta de Galicia, subvencionando e consentindo unha masacre sen datos científicos independentes sobre as poboacións de raposos.

Ademáis de ocultar datos á cidadanía sobre a ubicación exacta destes campionatos, cuio único obxectivo real é gozar matando. Campionato que se “celebrará” este sábado 26 de xaneiro en Muros e Carnota.

O día 27 de xaneiro terá lugar unha concentración na Coruña en repulsa por esta barbarie, organizada polo grupo animalista Libera.

O CES quere sumarse un ano máis á indignación de grupos animalistas, ecoloxistas, políticos, SGHN, e diversos columnistas e humoristas que estes días están a expresar a súa indignación por esta barbarie. Estas voces críticas que parecen ir en aumento ano a ano, dannos a esperanza de que pronto chegará o último ano que teñamos que vivir esta masacre/espectáculo bochornoso e indignante.

Publicado por: garza18 | 28/11/2018

VEN Á INSPECCIÓN DE OUTONO DO UMIA

Este domingo 2 de decembro, ás 11 da mañán quedamos na Ponte dos Padriños en Pontearnelas para facer o chequeo de outono dentro do Proxecto Ríos. Faremos un chequeo físico-químico, de biodindicadores e un percorrido duns 500 m para comprobar se existen novas alteracións, o estado do bosque de ribeira, etc…

 

Proxecto Ríos é un programa de voluntariado ambiental, no que o CES está colaborando dende fai 11 anos nun tramo do Umia. Consiste na creación de distintos grupos que apadriñan un tramo dun determinado río para levar a cabo o seu estudo e vixiancia ambiental baixo unha metodoloxía común (observación de fauna bioindicadora e certos parámetros físico-químicos)

Lembrade traer botas de auga. O resto de material será proporcionado polo CES.

Esperámosvos!!

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) fixo público o seu desacordo ante a ubicación proposta do Concello de Sanxenxo das novas instalacións do Clube de Piragüismo de Portonovo no ecosistema dunar de Baltar, co agravante de que é nunha parte da duna onde no 2005 a Dirección Xeral de Costas invertíu cartos públicos na súa rexeneración. O que fai menos entendible que esta obra fora autorizada por Costas.

Nas reunións mantidas no mes de outubro co Concellal de Infraestructuras, o Alcalde de Sanxenxo e Costas, o CES propuxo novas ubicacións: ou ben na parte traseira da praia, onde foi canalizado o río, ou ben na zona portuaria. Non foron aceptadas pola administración  local. A única mellora proposta polo Concello foi desprazar uns metros o clube hacia a zona que ocupan actualmente os baños, en zona dunar tamén pero máis alterada.

O CES, ante a negativa dos promotores a instalala fóra das dunas, esixíu:

– Que se mellorara e refixera o proxecto arquitectónico incluíndo melloras ambientais e paisaxísticas propostas polo CES. E que este fora público. Os responsables locais prometeron o envío do proxecto ao CES.

– Que ao tratarse dunha modificación do proxecto e de ubicación, a autorización dada por Costas no seu día quedaría invalidada polo que precisaríase informar a esta entidade de novo e solicitarlle unha nova autorización.

– Se puxera por escrito que a instalación tería que ser desmontada ao cabo de 2 anos (como o Concello anuncia pero non  pon por escrito), e que así quedara reflexada tamén na autorización dada por Costas, na que inicialmente tampouco figuraba.

– Que no proxecto e na autorización quedara expresamente mencionado que trala desinstalación ao cabo deses 2 anos, se rexenerará a duna.

– Compromiso por parte do Concello de Sanxenxo na rexeneración das zonas dunares que quedaron fóra das primeiras fases de rexeneración de anos atrás, a través dun acordo plenario e orzamentario.

Que saibamos, ningún destes puntos foron, a día de hoxe, cumpridos.  Non enviaron ao CES o novo proxecto, polo que non puidemos valorar se realmente se modificou no sentido que propuxemos. O Concellal de Infraestructuras nos invitou a velo despois de mandar a nota de prensa dicindo que chegaran a un consenso con nós, pero non pasou copia ao CES, o que dificulta así a función de seguemento e cumplimento do proxectado, mantendo unha política de opacidade e de feitos consumados. Queremos recordarlle que a lei nos ampara para ter acceso a calquera información de tipo ambiental. E que así como nos facilitaron sen problema copia do proxecto do clube orixinal, non entendemos que problema hai agora para proporcionarnos copia do proxecto modificado.

Ante esta actitude do Concello de non dar pasos hacia a rexeneración ambiental das dunas de Baltar, e seguir alterándoa con novas construccións, o CES seguirá loitando por un futuro distinto ao céspede e cemento no que algúns semellan querer transformar esta riqueza ambiental que representan para Portonovo estas dunas.

A ornitoloxía pódese definir como unha rama científica que forma parte da zooloxía e se adica ao estudo das aves. Pouco ou nada ten isto que ver co coleccionismo de aves enxauladas. A actividade de ter loros, periquitos, canarios e demáis especies exóticas en xaulas provocou que, ao longo dos anos, moitas destas especies se convertisen en invasoras co conseguinte dano ao ecosistema e desprazamento de poboacións locais. Tamén ocasionou a caza de especies autóctonas como xílgaros, a xeración de híbridos e o tráfico ilegal de aves.

Ornitólogos e ecoloxistas mostramos o noso interese no fomento do turismo ornitolóxico na ZEPA (Zona de Especial Protección para Aves) do Complexo Intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira, como forma de xerar un aliciente máis para a conservación deste espazo. Esta actividade consiste na observación de aves no seu hábitat natural i é contraria á de coleccionar, criar i enxaular paxaros.

Por todo o anterior cremos que o centro de interpretación da telleira de Vilalonga non se debería usar para albegar un concurso de exhibición de aves enxauladas. A razón de ser dun centro de interpretación dentro dunha ZEPA, é a de ofrecer actividades de educación ambiental para divulgar os valores naturais de dito espazo e contribuir á súa conservación.

Que unha das escasas actividades que se organicen neste centro de interpretación actualmente infrautilizado, sexa un concurso destas características (e chamarlle ornitolóxico), co respaldo das administracións públicas é totalmente contraditorio con dita finalidade educativa e de conservación, pois ademáis de crear confusión, estase promovendo unha actividade que a longo prazo xa demostrou ser máis que perxudicial para as aves silvestres e os ecosistemas.

Publicado por: garza18 | 28/09/2018

XI LIMPEZA DO UMIA DENTRO DO PROXECTO RÍOS

O Domingo 30 de setembro convidámoste a reivindicar a limpeza dos nosos ríos e a gozar do Umia.

A proposta é pola mañá; ás 11h quedamos en Ponte Arnelas, na Ponte dos Padriños para participar na

XI LIMPEZA SIMULTÁNEA DE RÍOS GALEGOS DO PROXECTO RÍOS

O Proxecto Ríos, coordinado por Adega, ven organizando un día de Limpeza Simultánea en toda Galiza dende os últimos dez anos. Trátase dun día no cal voluntarios e voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza, valor e beleza dos nosos ecosistemas fluviais. Miles de Kg de refugallos xa foron extraídos de moitos ríos galegos polos centos de voluntarios que teñen participado en todos estes anos.

O CES coordinará a limpeza nun tramo do río Umia o domingo 30. Nós levaremos o material preciso. Trae roupa e calzado axeitado.

QUEREMOS OS NOSOS RÍOS LIMPOS

VÉMONOS!

Tras coñecer os feitos, o Colectivo Ecoloxista do Salnés enviamos un escrito ao Servizo Provincial de Conservación do Patrimonio Natural para que tome as medidas que impidan que este grave dano se siga producindo.

 

Este é o texto do escrito:

Á ATENCIÓN Do Servizo provincial de pontevedra DE CONSERVACIÓN do Patrimonio Natural. Consellería medio ambiente e  ORDENACión do Territorio. Rúa Fernando Ladreda, s/n. 36071.  Pontevedra.

ASUNTO: entrada de vehículos nas dunas de praia de Castiñeira (Rede Natura 2000), O Grove.

(…) O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) EXPÓN que:

  • Na zona dunar da praia de Castiñeira, sita na Parroquia de San Vicente do Concello de O Grove, estase a producir a entrada de vehículos rodados (motos e quads principalmente) que fan da area dunar o seu campo de entrenamento e goce (ver anexo fotográfico).
  • Que dita praia encádrase dentro dos límites do espazo protexido da Zona de Especial Conservación (ZEC) “Complexo Ons-O Grove”, Rede Natura 2000 co código ES114 0004.
  • Que dacordo co artigo 6 da Directiva 92/42/CEE, Directiva Hábitats, os Estados Membros deben adoptar as medidas apropiadas para evitar nestes espazos o deterioro dos hábitats naturais e dos hábitas de especies, así como as accións que repercutan na conservación das especies que motivaran a declaración destas zonas, na medida que estas alteracións poidan ter un efecto apreciable sobre elas. En dita directiva, o seu anexo I onde se citan os Hábitats naturais de interese comunitario cítanse as Dunas Móviles embrionarias (Código 2010) e Duna costeras fijas con vegetación herbácea (dunas grises) (Código 2130), sendo esta última considerada hábitat prioritario para a conservación en dita Norma.
  • Que na zona dunar de Castiñeira atópanse os dous hábitats arriba mencionados.
  • Que debido á disposición superficial do sistema de raíces das plantas que viven nese hábitat, adaptación para unha maior agarre do chan areoso, o pisoteo ou tráfico sobre estas areas danan gravemente á planta. O paso de vehículos aprasta a vexetación, dana tanto a parte aérea como a subterránea, apelmaza a area e fai socalcos que modifican as microcondicións ecolóxicas do lugar, sendo estas importantes para o asentamento dunhas ou doutras especies no fráxil ecosistema dunar. Ademais estas alteracións do equilibro ecolóxico fan máis probable que a zona se vexa afectada pola entrada de especies ruderais, alóctonas ou invasoras que empobrecen o hábitat e o poñen en perigo.
  • Que non se atopa no lugar nin no principal acceso á praia, ningún cartel informativo dos valores naturais deste lugar, nin da normativa asociada ao espazo protexido, entre a que se inclúe o paso rodado e o pisoteo da duna. Tampouco a duna se atopa protexida por barreiras nin existe un sistema de camiños delimitados que ordene o acceso á praia, polo que os usuarios desta pisotean a duna e vanse formando unha rede de sendeiros que interrumpen a necesaria continuidade dos hábitats dunares.
  • Que o acceso á praia faise dende o Lugar de San Vicente do Mar por unha pista de terra de acceso a fincas rurais, só asfaltado ata a fonte e lavadoiro do lugar, que este verán parcheouse e no seu tramo final ancheouse ao retranquear muros de fincas colindantes e a desbroces do mato. Isto invita á entrada de vehículos.Tamén ten acceso dende o lugar de Pedras Negras a través dun sendeiro costeiro por onde poden ter acceso quads e motos.

 

Por todo o anterior, SOLICITO que:

  • Se poñan en marcha as medidas pertinentes para unha ordenación de acceso rodado a este tramo de costa prohibindo o tráfico rodado non destinado ó usos agrario polas pistas e sendas de acceso.
  • Se valen as dunas ordenando o acceso a pe á praia para os viandantes estudando a apertura de sendas ata o areal.
  • Se comunique aos visitantes do lugar da existencia dos valores naturais que o fan merecente da súa protección así como da normativa asociada.
  • Que se incremente a vixilancia ambiental da zona.
  • Que se comunique ao CES por escrito o máis prontamente posible as intencións, medidas e os prazos de execución (de existir) que a DX de Conservación de Patrimonio natural ten planificado facer para que tales impactos cesen.

 

Salnés, 12 de setembro de 2018

 

A iniciativa do concello de Sanxenxo de ubicar un edificio de 300 m2 sobre as dunas da praia de Baltar, supón unha nova agresión cara o sistema dunar que din querer conservar e rexenerar.

Ubicacións alternativas

Ubicación escollida polo concello e, con frechas, ubicacións posibles a escasos metros sen destrucción dunar.

As dunas grises son un hábitat prioritario de conservación para a UE, xa que nel hai especies que só sobreviven aquí, grazas a un proceso de miles de anos de evolución. Estes hábitats son cada vez máis escasos en Galicia, e en Baltar existen máis de 30 especies exclusivas das dunas, entre elas dúas especies endémicas de Galicia (en todo o mundo só existen nas dunas de Galicia, hábitats moi escasos actualmente). A ubicación deste edificio semella unha excusa para consolidar a caseta actual sobre as dunas, cuatriplicando a superficie ocupada actualmente, e aínda que realmente fose temporal, suporá a destrución dun fragmento considerable deste hábitat. Esto suporá unha perda de biodiversidade totalmente inxustificada, xa que este edificio pode ubicarse perfectamente a 30 m do lugar proposto polo concello, no tramo de praia artificial gañado ao río trala súa canalización, contiguo ao paseo e ao porto, onde non existen dunas.

Dende a chegada deste goberno municipal hai un ano, produciuse un retroceso na conservación do sistema dunar de Baltar: duplicado da superficie desbrozada a modo de parque, (eliminando especies dunares, refuxios para a fauna e contribuindo á expansión de especies invasoras), paso de maquinaria pesada polas dunas para reposición de luminarias, cross de 1000 escolares, entrenamento de bicicletas, destrozo de duna móbil por unha tala sen consecuencias nin restauración, e agora a ocupación polo clube de piragüismo, retomando unha idea que xa impulsaron anos atrás. Todas estas accións nas que o concello está implicado en maior ou menor grado, indican a pouca importancia que teñen as dunas para este goberno municipal. Todo esto a pesar de que en palabras do concelleiro de medio ambiente “non hai nadie máis comprometido coa rexeneración dunar de Baltar que nós”. Sen embargo, con estes actos, semella que o interese destes gobernantes é ir pouco a pouco ocupando e degradando máis este espazo dunar. Dicir unha cousa e facer a contraria é unha actitude moi pouco seria á hora de xestionar un espazo natural e que resta credibilidade a quen presume de defender as dunas para conseguir bandeiras azuis. Empregar cartos públicos en destruir un hábitat que no seu día foi rexenerado tamén con cartos públicos, (e que terán que rexenerar de novo cando desinstalen o edificio supostamente temporal) tampouco parece unha forma moi responsable de xestionalos.

Cabe recordar que a zona en cuestión foi obxecto de restauración dunar no ano 2005, cando se retranqueou o paseo de madeira, puxéronse barandillas e novas pasarelas para non pisar as plantas dunares. Ademáis elimináronse todo tipo de casetas (chringuitos, socorristas…), para permitir a rexeneración e avance das dunas e a súa vexetación. Polo tanto instalar agora un edificio de semellantes dimensións, é un retroceso sen sentido na restauración global do sistema dunar, aínda sen rematar.

 

 

This slideshow requires JavaScript.

O CES solicitou ao Servizo Provincial de Costas unha copia da autorización que segundo o concello xa teñen e que este departamento debe aportar para tal instalación. A Lei de Costas di que unicamente se permitirá a ocupación do DPMT para aquelas instalacións que pola súa natureza non poidan ter outra ubicación. Se ata agora o clube de piragüismo tivo outra ubicación e no futuro vaina ter no recinto portuario, esta autorización estaría inxustificada. Por outra banda, a mesma lei di que “se dotará a los tramos naturales de las playas de un elevado nivel de protección que restrinja las ocupaciones, autorizando unicamente las que sean indispensables o estén previstas en la normativa aplicable”. Dende o CES entendemos que unha duna gris é un tramo moito máis natural que un tramo artificial gañado ao río, e polo tanto debería ter ese alto nivel de protección. Se ben comprendemos que gardar as piraguas na praia ou no porto é máis cómodo e moito menos perigoso para os rapaces, tamén entendemos que vestuarios, ximnasio e duchas si poden ter outra ubicación que non supoña ocupar un tramo de praia natural con dunas.  Tamén di a Lei de Costas que este tipo de instalacións deportivas de carácter náutico federado, se situarán preferentemente fóra da praia, e cando non sexa posible, (que sí o é, na zona portuaria contigua) nos seus extremos, adosados ao límite da mesma. Polo tanto o lugar máis adecuado sería fóra das dunas e no extremo suroeste da praia.

Por iso propoñemos o cambio de ubicación ao tramo de praia artificial mencionado, e pedimos copia da suposta autorización  para estudala detalladamente.

O cambio de ubicación que propoñemos non suporía ningún perxuicio para os piragüistas e si un beneficio para todos, pois evitaría a destrucción da duna gris e a perda de biodiversidade, así como unha mellor xestión do diñeiro público.

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías

%d bloggers like this: