Publicado por: garza18 | 04/12/2022

Vandalismo no valado protector das dunas de Baltar

VANDALISMO NO VALADO PROTECTOR DAS DUNAS DE BALTAR

As dunas de Baltar, na costa de Portonovo, foron protagonistas esta semán dunha intervención moi positiva para a súa protección por parte da Dirección Provincial de Costas. Consistiu na instalación de dous paneis sobre os valores da duna de Portonovo e un valado de separación da zona de piñeiros, xa no seu día arrebatada á duna, do resto do sistema dunar, para que o tránsito de persoas e máquinas quedase restrinxida a dita zona ocupada polos piñeiros.

WhatsApp Image 2022-12-02 at 20.55.52

Paseantes con ou sen cans e outras intervencións desafortunadas como a acción das máquinas rozadoras, non fan máis que empobrecer a vexetación e afectar ás plantas dunares que logran a duras penas sobrevivir, e que este valado pretende protexer.

As dunas de Baltar, que a mediados do século pasado se estendían máis alá do instituto, foron minguando e deteriorándose debido á urbanización, construción de estradas e paseos, usos indebidos como zona de feira ou extracción de area e posterior vertedoiro de entullos. Dende o Colectivo Ecoloxista do Salnés vimos décadas traballando para frear o seu deterioro e lograr os apoios de distintas administracións para a rexeneración da zona comprendida entre a estrada e o mar, zona toda ela protexida pola Lei de Costas. Apostar pola rexeneración desta duna é, ademáis de seguir as directrices da Lei de Costas e do POL, demostrarnos que se pode compatibilizar a protección medioambiental co noso desenvolvemento.

No 2018 o Concello de Sanxenxo comprometeuse a tomar medidas para frear o deterioro da duna e continuar coas fases de rexeneración pendentes como medida compensatoria pola construción da actual nave do club de piragüismo sobre un anaco destas dunas. De feito contratou un estudo para analizar as distintas alternativas de facelo, pero a execución da rexeneración non se chegou nin a iniciar. Este compromiso aínda está en pé e aínda se pode facer realidade conxugando esforzos co Servizo Provincial de Costas, que xa deu pasos neste sentido no 2007 rexenerando a zona más achegada a Portonovo, e esta semana coa instalación
do valado.

Tristemente este valado foi froito de vandalismo ou sabotaxe pola noite, xa que os arames protectores foron cortados por algún individuo incívico que ademáis de demostrar falta de sensibilidade e descoñecemento da historia e importancia destas dunas, parece empeñarse en tirar diñeiro público.

Cando a tendencia actual é que as cidades máis modernas renaturalicen os seu entornos restaurando ou creando espazos naturais, nalgúns sitios aínda hai xente que pensa que somos máis modernos por destruir a biodiversidade local transformándoa en parque urbano. Cando alumnos do colexio e do instituto están aprendendo a respectar a biodiversidade local e comprenden perfectamente a importancia da súa conservación e rexeneración, un grupo de xente segue anclada na idea caduca de progreso mal entendido. E algún deles canaliza a súa frustración facendo dano ao que é de todos e polo ben común e non aceptando o que non lle gusta de forma destructiva.

Todo cambio implica resistencias. Xa no 2005 algúns veciños se opuxeron aos primeiros pasos que Costas daba na súa protección prohibindo o seu uso para a instalación de atraccións ou actividades lúdicas. Grazas a esa protección e intervencións posteriores de rexeneración, hoxe todos os veciños e turistas que camiñan polo paseo da duna gozamos desta paisaxe natural.

Agora toca ampliar esta protección e seguir revertendo os impactos negativos que dende fai décadas estivemos a cometer. Así, agardamos do Servizo de Costas que siga a avanzar por este bo camiño e repare o valado canto antes. E agardamos tamén que os responsables locais se unan a este bo camiño e cumpran os seus compromisos, que no seu día defenderon ante a comunidade educativa, sen deixarse influenciar por aqueles que non ven máis futuro que o cemento.


Deixar un comentario

Categorías