Publicado por: garza18 | 12/05/2024

Asemblea Xeral Ordinaria

Convocámoste á Asemblea Xeral Ordinaria do Colectivo Ecoloxista do Salnés para o próximo DOMINGO 26 de MAIO en CORTEGADA, con embarque en Carril (xunto á Lonxa) ás 10:00 da mañá.
Ao chegar faremos unha visita guiada pola illa, onde poderemos descubrir a súa historia e un dos últimos bosques que temos no Salnés. A continuación xantaremos ao aire libre; cada quen debe levar a súa comida pero sen ir moi cargad@s, xa que teremos que levalo connosco en todo momento. Logo celebraremos a asamblea anual na illa, tamén campestre, coa seguinte orde do día:
DE QUE FALABAMOS NA ANTERIOR ASEMBLEA?
Lectura da acta da asemblea ordinaria de 2022.
QUE FIXEMOS AO LONGO DO 2022-23?
Memoria anual de actividades 2022-23.
CANTOS SOMOS?
Balance de socios 2023.
COMO ESTAMOS DE CARTOS?
Memoria anual económica 2022-23.
DAREMOS O RELEVO?
Necesitamos novas caras na directiva do CES… poderías ser ti @ nov@ vogal, presidente/a secretari@… Comunícanos a túa intención de presentarte por teléfono ou correo electrónico. A túa colaboración dentro ou fora da directiva é fundamental para o mantemento da actividade do CES e a consecución dos seus obxectivos de conservación e mellora do patrimonio natural do Salnés.
QUE CAMIÑOS SEGUIREMOS?
Qué queremos que faga o CES? Cómo queres coidar o noso entorno dende o CES? Qué mellororas podemos levar a cabo?
ROGOS E PREGUNTAS

A saida da illa farase a iso das 17:30.
No caso de mal tempo anularase a visita a Cortegada e buscarase un lugar baixo teito.
Prezo barco (12 euros, menores e adultos).
Imprescindible apuntarse antes do luns 20 ás 14h enviando nome, apelidos e DNI a cesalnes@yahoo.es ou mensaxe ao 680580086.
Publicado por: garza18 | 12/05/2024

Loita contra as especies invasoras de Baltar

Esta semana dende o CES e en colaboración co IES de Sanxenxo, levamos a cabo unha charla sobre especies invasoras e unha eliminación de plantas invasoras no ecosistema dunar de Baltar, co alumnado de 4° de ESO, que traballou arreo toda a mañán. Noraboa!!

06_05_2024_charla_invasoras_01

Tamén contamos coa colaboración do Concello de Sanxenxo, mediante o suministro de sacos, luvas e ferramentas, así como a xestión dos especímenes arrincados.

En total arrincamos uns 60 sacos, principalmente de Conyza sp., Arctotheca calendula (margarida africana), Carpobrotus sp. (Unlla de gatos ou de león) e Arundo donax (canas).

Con estes actos e a súa visibilización, o CES únese á “Semana sobre Especies Invasoras 2024: Portugal & España” que se “celebra” do 4 ao 12 de maio e ten como obxectivo concienciar e educar sobre a problemática das especies invasoras.

É un evento organizado polos proxectos LIFE COOP Cortaderia e LIFE INVASAQUA,Grupo Especialista en Invasiones Biológicas, Rede Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasora, Plataforma INVASORAS.PT

#SEI2024

O Colectivo Ecoloxista do Salnés veu de inspeccionar esta mañá (28 de abril) un tramo de medio quilómetro do río Umia nos arredores de Ponte Arnelas. Esta actividade encádrase dentro do Proxecto Ríos, un programa de voluntariado ambiental coordinado en Galicia pola asociación ecoloxista ADEGA e na que cada grupo local faise responsable do seguimento dun tramo dun río. O CES leva dende o 2007 participando neste programa, realizando inspeccións e limpezas de lixo en dito tramo do Umia. O Proxecto Ríos estaba apoiado economicamente pola Xunta a través dun convenio de ADEGA con Augas de Galicia, pero este apoio foi tristemente retirado este ano. A pesar do pouco interese que mostra a Xunta por unhas iniciativas tan necesarias de cara a concienciar á cidadanía do coidado do seu entorno e cunha metodoloxía rigorosa, ADEGA segue a manter este programa e o CES segue, un ano mais, a apoialo.

Todos os grupos que participan en Proxecto Ríos seguen unha metodoloxía científica común. Ten 3 aspectos principais: os parámetros físico químicos da auga (medimos a acidez, o osíxeno disolto e concentración de nitritos, temperatura, turbidez, etc), a presenza de especies bioindicadoras na auga (miramos a presenza e ausencia de certos animais con distinto grado de adaptación a augas contaminadas, obtendo así unha aproximación da situación ambiental das augas) e realizamos o inventario de fauna e flora no río e nas súas beiras. Estas inspeccións teñen que ser levadas a cabo entre abril e maio.

Os resultados a destacar desta inspección de 2024 no noso tramo do Umia foron:

  • En canto á análise de presenza e ausencia das especies bioindicadoras deu unha valoración intermedia de calidade das augas, lonxe de acadar o resultado desexable de “moi boa”.
  • O bosque de ribeira segue a ser o peor parado desta análise, pois leva anos soportando diversos impactos que o alteran: aparcamentos, paseos fluviais, lixo, cortas…Este ano proseguen as rozas que cortan o sotobosque e que chegan ata a mesma beira do caudal, deixando as terras máis propensas á erosión e con menos acubillo e alimento para a fauna. Esta erosión está a afectar as raíces das árbores do bosque fluvial, apreciándose así desraizamentos de ameneiros (árbore típica das beiras dos nosos ríos) e incluso árbores caídas na caule. Recordar que o bosque mantén a temperatura das augas e sen a súa sombra no verán as augas quentaranse e terán menos osíxeno, diminuíndo así a súa vida. O Umia, ao seu paso pola comarca do Salnés xa non dispón de ningún tramo con bosque fluvial medianamente ben conservado, é dicir cun ancho que non se restrinxa a unha sola fila de árbores en cada beira que no mellor dos casos é o que temos. Paseos, cultivos e vides case ou mesmo ata o bordo das augas alteran a vida e a paisaxe do río.
  • A presenza de especies vexetais alóctonas é cada vez maior. En canto a especies invasoras acuáticas atopamos 2 especies de plantas acuáticas empregadas nos acuarios domésticos (Elodea e Egeria) que cando baixe o nivel do río taparán a entrada de luz nas augas e non deixan espazo para a flora propia. Outras máis terrestres como o bambú, as calas, a Tradescantia e a Tritonia son especies de xardín que se aclimataron a estas beiras e están desprazando as especies propias do bosque (que son as que dan acubillo e alimento á nosa fauna). Curiosamente estas especies son maiormente respectadas nas rozas, o que denota o pouco criterio ambiental que se ten cando realiza rozas, permitindo cortas nun bosque con tanto valor ecolóxico pero salvando as flores bonitas, como se dun xardín se tratara, aínda sabendo que representan unha gran ameaza para a fauna e flora propia, a que protexe o río e a súa vida.
  • Aproveitouse para recoller algo de lixo como roupa, envases, chumbos de pesca…

Unha vez máis os ríos do Salnés sofren un impacto. Desta vez tócalle ao río da Chanca, no lugar de Abuín, en Meaño, onde se está a producir un verquido de augas fecais. Esta vergoña prodúcese recorrentemente dende alo menos novembro de 2023 ata a actualidade. Estes vertidos saen por desbordamento da propia rede de saneamento das augas residuais e pluviais que van cara á depuradora situada no lugar dos Pasales. Nese punto a tubaxe fai un pequeno desnivel no que os limos quedan depositados na arqueta que alí hai. A auga busca sitio través dun aliviadeiro ou pola propia arqueta, vertendo directamente
ao río. A zona sofre olores pestilentes e limos que enturban as augas.

Semella que ten fácil solución, xa que só se necesita unha mellora no mantemento da arqueta coa limpeza periódica de limos depositados. Por iso o Colectivo Ecoloxista do Salnés enviou escritos tanto a Augas de Galicia como ao Concello de Meaño para comunicarlle dito impacto, pedirlles información das causas e solicitarlles que tomen cartas no asunto na busca dunha solución duradeira. Ademais da contaminación que este verquido está a producir no río da Chanca, tamén afecta ao estuario do Bao onde o río desemboca. Trátase dun humedal nun espazo natural protexido a nivel pertencente á Rede Natura 2000 e con varias figuras de protección autonómicas e internacionais que son:
– Zona Especial de Conservación “Complexo Ons-O Grove”,
– Zonas de Especial Protección para as Aves: “Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira”;
– Humidal protexido “Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira”,
– Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais: ”Complexo Ons – O Grove”,
– Humidal de importancia internacional (Ramsar) “Complexo intermareal Umia – Grove”,
Para o CES estos episodios contaminantes, que non se producen por accidentes casuais nin puntuais, senon por unha falta de mantemento das infraestructuras públicas, poden e deben ser solucionados o antes posible. Non entendemos a que agardan a Xunta e o Concello para actuar.

Na parte norte da Lanzada, ao carón da estrada que vai cara San Vicente, hai un dos miradoiros máis visitados de O Grove, dende onde se pode ver esta quilométrica praia, o mar aberto e a illa de Ons enfronte. A poucos metros deste miradoiro atópase un Restaurante-arrocería, que está a aumentar a súa superficie de terrazas paulatinamente, ao longo de máis de 15 anos, ocupando cada vez mais superficie e creando distintos espazos de mesas, aparcamentos, zonas cubertas e pistas de acceso. O que comezou sendo un pequeno restaurante ao carón da estrada, que apenas supoñía un impacto visual, está a converterse nun impacto paisaxístico e ambiental, debido á ocupación da costa con megaterrazas, iluminación sobredimensionada e sen medidas de control da contaminación lumínica, contaminación acústica polos niveis de decibelios que aplica aos concertos, movementos de terras e cortas de árbores e vexetación.

Este establecemento atópase na Zona de Servidume de Protección de Costas, no límite co espazo natural protexido do Uia-O Grove. O CES solicitou en xullo de 2021 un informe de actuacións ao respecto ao Servizo Provincial de Costas. Contestáronnos informándonos que xa recibiran con data do 21-3-21 unha denuncia do SEPRONA por estes mesmos feitos. Tamén que nos meses de xaneiro e de marzo de 2021 o Servizo de Vixilancia de Costas elaboraron informes relativos a estas actuacións situadas na zona de servidume da DPMT. Tamén se nos comunica que con data do 18-3-21 o Servizo de Costas dá traslado á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de ditas denuncias por ser ésta a entidade competente para tramitar o posible expediente sancionador. O CES preguntou á APLU ata en 2 ocasións pola situación legal deste establecemento e en ambos casos recibimos un silencio moi revelador, que non fai máis que afianzarnos na idea sobre unha xestión costeira da Xunta onde se aplica as políticas de vista gorda.

Con sorpresa vemos anunciado que este establecemento acollerá esta semana un dos concertos encadrados no programa de Son&Sal da bodega Paco e Lola. Concerto que se complementa cunha recollida de plásticos mariños e unha charla de sostibilidade ambiental encadrada dentro das actuacións RE-MAR da asociación Amicos, que traballa pola inclusión social. Dende o CES queremos felicitar aos responsables deste estupendo programa ambiental e cultural pero tamén queremos facerlles reflexionar sobre a localización escollida. Ao xuízo do CES non podía ser máis errónea. Esta estupenda programación de ocio e sensibilización social e ambiental vese convertido nun acto de cinismo e nun vergoñento lavado de cara ambiental por parte dos propietarios da Arrocería. Desexamos que se non desta vez, no futuro, escollan un lugar máis acorde coa mensaxe de responsabilidade ambiental que se pretendía transmitir. É de risa que se nos conte que é a sostibilidade ambiental e que se nos anime a facer as cousas dun xeito intelixente e equilibrado coa natureza, nun recinto que está a impactar sobre un dos espazos ambientais máis salientables de Galicia e cuxa legalidade urbanística suscita receos. O único acto ambiental crible alí é a restauración da costa ocupada e o control da contaminación que causa.

A Lanzada é unha das praias galegas con maior reclamo turístico e paisaxístico de Galicia. É ademais un espazo natural protexido encadrado dentro da Rede Galega de espazos Protexidos e na Rede Natura 2000 da Unión Europea. É un dos orgullos da nosa comarca queentre todos debemos coidar pero que tristemente vese acurralada entre urbanizacións, chalés, restaurantes e estradas. Centos de veces estes feitos foron denunciados polo CES coa crenza de que a costa é de toda a cidadanía e os espazos protexidos tamén, e debe existir o dereito a desfrutar dunha paisaxe de calidade nun dos poucos tramos costeiros naturais que quedan no Salnés.

SALNÉS, 18 de XULLO de 2023


O luns 3 de xullo saíu publicado no DOG a Orde que regula as actividades recreativas e de visita dos Illotes dos Guidoiros e Rúa, espazo incluído dentro do espazo protexido de Umia-O Grove. O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) aportara por escrito en novembro do ano pasado unhas propostas de mellora aos responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ante o borrador que se presentou a toda a cidadanía.

A Consellería fixo caso omiso ás nosas propostas conservacionistas, pero sen embargo foi moi permeable ante os intereses turísticos e de recreo. Como exemplo disto, comentamos os seguintes puntos:

  • Non se atrasou o comezo do período da tempada alta: a máxima afluencia será Semana Santa e do 15 de maio a 30 setembro, e poderán entrar 50 persoas á illa e fondear 60 barcos ao día en 3 quendas horarias (que o resto do ano quedarían restrinxidas a 20 persoas e 30 barcos nas 3 quendas). Nós consideramos que isto non conflúe co obxectivo de protección das áreas de cría das aves que alí crían. No caso da píllara das dunas a Xunta ten vixente un Plan de Conservación no que se define ao illote Areoso como Área Prioritaria de Conservación e que dito plan establece que a época de cría desta especie abrangue o período do 15 de marzo ata o 15 de xullo. Se se aplicara este Plan de conservación, deberíase atrasar o comezo da tempada alta ao 15 de xullo, en aras de manter a tranquilidade do lugar no período de cría destas e outras aves nidificantes como a gaivota patiamarela, gaivotón e a gabita. Así poderíase valorar alongar ata o 31 de outubro. Pero está claro que interesa máis satisfacer as demandas de empresas e veraneantes que a saúde ambiental da illa.
  • No borrador prohibíase desembarcar en Pedroso e Rúa. Agora a Consellería permíte a estancia nestes illotes en datas fora de cría de aves sen ter en conta as molestias que poida causar ás aves por non ter ugares de repouso tranquilos en toda a Ría, sobre todo en época de migracións invernais.
  • A orde non aporta claridade na metodoloxía que a Xunta pretende aplicar no proceso de autorizacións dos fondeos e atraques en Areoso e como se vai contabilizar a chegada de persoas a través destes medios, xa que a cota de entrada de persoas á illa tamén está limitado. Tampouco se nomea sequera como se regularán as entradas de visitantes a través de empresas de transporte náutico pero que non fondean. Eso sí, a Consellería non dubidou en subir o número de barcos que ao día poden fondear na illa, e se no borrador establecíanse unha quenda de mañá e outra de tarde, agora na Orde ampliouse a 3 quendas (sumando unha de mediodía) e co mesmo número de barcos por quenda (20). Esto fai un total de 60 barcos diarios en vez de 40, incrementando así o movemento dos barcos na zona e as afeccións aos fondos mariños coas áncoras. Unha vez máis cedeuse ante as presións do sector naútico fronte á conservación neste espazo protexido só no papel.
  • A Orde debería ter anexado o estudo de capacidade de carga de visitantes a Areoso nas que se basean para establecer o número máximo de fondeos, atraques e persoas que visitan a illa cada día. Nin tan sequera a orde cita en que criterios se basean para poñer ese número e non outro. Unha vez máis semella que se redactou a Orde a “ollímetro” en vez de con criterios técnicos e científicos.
  • Na Orde seguen sen aportar cartografía nin dos fondos mariños nin dos hábitats terrestres, información que consideramos imprescindibles, pois sobre esta se debe fundamentar a ordeación dos usos permitidos. Por exemplo, o CES propuxo que se acotara a zona de fondeo aos fondos mariños de area evitando afeccións nos fondos de Maerl (moi escasos, ricos en biodiversidade e moi fráxiles ao impacto as áncoras). Na orde non se di cal será a zona de fondeo, só di que a balizarán, o cal fai sospeitar que aínda non o teñen claro e poden actuar de xeito improvisado (o que fai perder credibilidade técnica a esta orde).
  • A pesca deportiva, que no borrador aparecía como prohibida, na Orde aparece como actividade permitida en toda a área agás a 200 m. da costa de Areoso. Tampouco marca restricións de especies, nin pocas, nin cotas. A protección mariña deste entorno protexido non existe.
  • A Orde tampouco regula a velocidade de navegación no entorno da illa de Rúa e de Areoso e Pedregoso. Así a Consellería semella que non tivo en conta os impactos ocasionados pola navegación nas augas da zona (ruídos, contaminación por hidrocarburos, estres á fauna mariña e avifauna, impactos coa fauna, seguridade cidadá…) e delimitar estas zonas de velocidade restrinxida ao redor de Rúa e os Guidoiros, pero sempre deixando unha canle de paso sen restricións entre Rúa e Os Guidoiros, por ser a rincipal canle de navegación da Ría.
  • O CES tamén consideramos importante tamén inverter na información cidadá e na sinalización tanto mariña como terrestre. Tamén é necesario intensificar a presenza de vixilancia, dotando de medios e persoal a tal efecto. Na Orde non se di nada ao respecto.
    Dende o CES cremos positiva a iniciativa de regulación do uso público destes illotes e as súas augas, pero esta Orde non satisfai as necesidades de conservación que ten este espazo natural teoricamente protexido. A Consellería de Medio Ambiente ten a obriga de velar pola natureza galega. A compatibilidade de actividades humanas de recreo e a conservación é posible sempre que se faga de xeito serio. Unha vez mais, a natureza das nosas costas perde fronte as presións.
    O Salnés, 3 de xullo de 2023

Durante o mes de marzo  o CES comezou unha nova edición  do proxecto de educación ambiental “Coidemos as nosas dunas” en colaboración co IES de Sanxenxo. Ambas entidades levamos colaborando neste proxecto dende o ano 2017.

O obxectivo é doble. Por un lado trátase de  aproveitar un recurso educativo moi cercano ao alumnado para estudar de forma práctica contidos do temario de Bioloxía e Xeoloxía de 1° e 4° de ESO, como son os conceptos de ecosistema, biótopo, biocenose, redes tróficas, adaptacións… Por medio de unha charla e unha ruta guiada polas dunas, o alumnado tivo ocasión de reforzar estes contidos de forma práctica e significativa, además de gozar do contacto coa natureza, e das ventaxas de aprender nela, o cal, como recentes estudos demostran, favorece a capacidade de atención e concentración e beneficia emocionalmente ao alumnado.

O segundo obxectivo é poñer en valor os ecosistemas dunares do concello, especialmente o de Baltar, sometido a tanta presión  por estar en zona urbana, e durante tanto tempo sometido a todo tipo de impactos e actuacións desafortunadas. Unha delas, os desbroces indiscriminados con tractor, que continúan hoxe en día. Así, analizáronse as consecuencias desta práctica tan dañina para o ecosistema: eliminación de especies dunares, compactación do terreo, propagación de especies invasoras, perda de hábitats para a fauna, e incluso morte de exemplares de fauna como ourizos cachos.

E tamén de outras como deixar os cans soltos polas dunas (a pesar das advertencias dos carteis). Os cans co seu instinto depredador poden molestar ou aniquilar fauna propia deste ecosistema, ademais de que a materia orgánica aportada polos seus excrementos favorece a substitución das plantas dunares por outras non propias deste ecosistema.

Así mesmo, explicouse a necesidade de acometer canto antes o proxecto de rexeneración redactado no seu día polo Concello. Como colofón, durante o mes de maio levarase a cabo unha charla e unha eliminación de especies invasoras por parte do alumnado de 4° ESO.

Publicado por: garza18 | 04/12/2022

Vandalismo no valado protector das dunas de Baltar

VANDALISMO NO VALADO PROTECTOR DAS DUNAS DE BALTAR

As dunas de Baltar, na costa de Portonovo, foron protagonistas esta semán dunha intervención moi positiva para a súa protección por parte da Dirección Provincial de Costas. Consistiu na instalación de dous paneis sobre os valores da duna de Portonovo e un valado de separación da zona de piñeiros, xa no seu día arrebatada á duna, do resto do sistema dunar, para que o tránsito de persoas e máquinas quedase restrinxida a dita zona ocupada polos piñeiros.

WhatsApp Image 2022-12-02 at 20.55.52

Paseantes con ou sen cans e outras intervencións desafortunadas como a acción das máquinas rozadoras, non fan máis que empobrecer a vexetación e afectar ás plantas dunares que logran a duras penas sobrevivir, e que este valado pretende protexer.

As dunas de Baltar, que a mediados do século pasado se estendían máis alá do instituto, foron minguando e deteriorándose debido á urbanización, construción de estradas e paseos, usos indebidos como zona de feira ou extracción de area e posterior vertedoiro de entullos. Dende o Colectivo Ecoloxista do Salnés vimos décadas traballando para frear o seu deterioro e lograr os apoios de distintas administracións para a rexeneración da zona comprendida entre a estrada e o mar, zona toda ela protexida pola Lei de Costas. Apostar pola rexeneración desta duna é, ademáis de seguir as directrices da Lei de Costas e do POL, demostrarnos que se pode compatibilizar a protección medioambiental co noso desenvolvemento.

No 2018 o Concello de Sanxenxo comprometeuse a tomar medidas para frear o deterioro da duna e continuar coas fases de rexeneración pendentes como medida compensatoria pola construción da actual nave do club de piragüismo sobre un anaco destas dunas. De feito contratou un estudo para analizar as distintas alternativas de facelo, pero a execución da rexeneración non se chegou nin a iniciar. Este compromiso aínda está en pé e aínda se pode facer realidade conxugando esforzos co Servizo Provincial de Costas, que xa deu pasos neste sentido no 2007 rexenerando a zona más achegada a Portonovo, e esta semana coa instalación
do valado.

Tristemente este valado foi froito de vandalismo ou sabotaxe pola noite, xa que os arames protectores foron cortados por algún individuo incívico que ademáis de demostrar falta de sensibilidade e descoñecemento da historia e importancia destas dunas, parece empeñarse en tirar diñeiro público.

Cando a tendencia actual é que as cidades máis modernas renaturalicen os seu entornos restaurando ou creando espazos naturais, nalgúns sitios aínda hai xente que pensa que somos máis modernos por destruir a biodiversidade local transformándoa en parque urbano. Cando alumnos do colexio e do instituto están aprendendo a respectar a biodiversidade local e comprenden perfectamente a importancia da súa conservación e rexeneración, un grupo de xente segue anclada na idea caduca de progreso mal entendido. E algún deles canaliza a súa frustración facendo dano ao que é de todos e polo ben común e non aceptando o que non lle gusta de forma destructiva.

Todo cambio implica resistencias. Xa no 2005 algúns veciños se opuxeron aos primeiros pasos que Costas daba na súa protección prohibindo o seu uso para a instalación de atraccións ou actividades lúdicas. Grazas a esa protección e intervencións posteriores de rexeneración, hoxe todos os veciños e turistas que camiñan polo paseo da duna gozamos desta paisaxe natural.

Agora toca ampliar esta protección e seguir revertendo os impactos negativos que dende fai décadas estivemos a cometer. Así, agardamos do Servizo de Costas que siga a avanzar por este bo camiño e repare o valado canto antes. E agardamos tamén que os responsables locais se unan a este bo camiño e cumpran os seus compromisos, que no seu día defenderon ante a comunidade educativa, sen deixarse influenciar por aqueles que non ven máis futuro que o cemento.

Foto: Diario de Arousa

Esta fin de semana está anunciado o encendido das luces navideñas do Restaurante-arrocería da Lanzada, un local que colinda coa praia do mesmo nome e co espazo protexido de Ons-O Grove. O entorno da Lanzada é un dos poucos tramos da costa do Salnés sen urbanizar. É un dos lugares preferidos polos veciños e turistas para pasear, desfrutar das estrelas e da posta do sol. O modelo ibizenco de chiringuitos abertos, música con altavoces e sobreiluminación, acaba coa tranquilidade nocturna das nosas praias. Así é cada vez máis complicado desfrutar da costa tranquila, esa costa que sempre se vende nas postais, idílicas, e que logo se transforman no verán en ruídosas e sobreiluminadas. No inverno hai un respiro, que tamén aproveita a fauna e flora para desenvolverse en liberdade, ata que o verán volve para arrebatarlle o seu espazo de novo.


Está claro que o Nadal é moito máis que unha festa cristiá; é unha festa de reencontro cos familiares e amigos. Coma en toda festa as rúas e as nosas casas se engalanan e se fai un gasto extra para esa celebración, pero cando ese gasto se convirte en derroche é cando pode ser perigoso, non só para nosa economía senon tamén para o medio ambiente. Un exemplo desto é o encendido das luces de Nadal nas nosas rúas dende novembro para estimular o consumo, segundo pregoan os irresponsables políticos que nos gobernan. Este consumismo que se pregoa está cheo de enganos e perxuízos para nós e para a natureza, xa que consume os recursos do planeta e os nosos bolsillos. Pero o derroche eléctrico do sobrealumeado é de todo imperdoable no contexto derivado do cambio climático que estamos a sofrer. Dende ámbitos ecoloxistas se lles dí aos alcaldes que estes abusos nos adornos lumínicos son un mal exemplo para a sociedade á que se lle está a pedir aforro de luz porque estimula a outros a copialo. Este é o caso da arrocería da Lanzada, que ve neste modelo de derroche unha boa oportunidade de publicidade. Neste caso, o seu impacto vese agravado polo lugar onde está, xa que deteriora a beleza do lugar coa súa contaminación lumínica. Xa no verán o seu alumeado superdimensionado foi motivo de queixas do CES ante distintos responsables da administración e que ningún estamento foi quen de atallar. Nin a Xunta nin o Concello do Grove foron quen de darnos explicacións sobre a situaciónlegal deste establecemento pola súa sucesiva ocupación de terreos na costa. E este silencio pode estar cheo de culpabilidades que se queren agochar. Agora a administración debería velar por controlar a contaminación lumínica na nosa comarca así como loitar contra o feísmo paisaxístico que representa unha luminaria de tal calibre no medio da oscuridade, que non é mais que outra chavacanería das que xa estamos fartos de sufrir na nosa paisaxe, afeándoa cada vez máis e incluso denoite.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés consideramos que é preocupante esta iniciativa da arrocería, sabendo que non é nin será a única, pero que é representativa dun xeito de pensar nada responsable nin coa paisaxe, nin coa saúde climatica. Tampouco é solidaria no contexto de austeridade enerxética na que estamos inmersos. Animamos á sociedade a que non se deixe enganar por estos reclamos e ás nosas autoridades a cambiar as suas políticas dando exemplo dunha vez por todas cun consumo ambiental e socialmente responsable. Xa no 2007 o Instituto para la Diversificación y el Ahorro Energético (IDAE), recomendaba que o alumeado navideño se encendera entre o 15 decembro e o 6 de xaneiro, nun horario reducido e empregando lámparas de baixo consumo.


O CES considera que se deberia deixar o alumeado navideño para os ámbitos urbanos e no interior das nosas casas e empresas, pero non deberían acenderse en sitios non habitados. A oscuridade forma parte da paisaxe natural, dos bioritmos da natureza e de nós mesmos. Deixemos que o luar da lúa ilumine o noso litoral.

Foto: diariodosalnes.es

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) tamén quixo aportar por escrito propostas de mellora  aos  responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ante a aprobación da regulación do uso público de Rúa e Os Guidoiros. No noso escrito fixemos fincapé nos seguintes aspectos:

  1. Os períodos da tempada alta: a Xunta propón que os períodos de máxima afluencia sexa Semana Santa e do 15 de maio a 30 setembro, e poderían entrar 50 persoas á illa (que o resto do ano quedarían restrinxidas a 20).  Nós consideramos que isto non conflúe co obxectivo de protección das áreas de cría das aves que alí crían.
    No caso da píllara das dunas a Xunta ten vixente un Plan de Conservación  no que se define ao illote Areoso como Área Prioritaria de Conservación e que dito plan establece que a época de cría desta especie abrangue o período do 15 de marzo ata o 15 de xullo. Consideramos que se debería atrasar o comezo da tempada alta, en aras de manter a tranquilidade do lugar no período de cría destas e outras aves nidificastes (gaivota patiamarela,  gaivotón e gabita)esténdese tamén a primeira metade do verán, polo menos. Así, en base a este criterio de conservación, deberíase por  a tempada alta a  15 de xullo ata 30 setembro (podéndose valorar alongar ata o 31 de outubro de asegurarse que non afecta á avifauna, como semella).
  • Cremos que orde debería aportar máis claridade na metodoloxía que a Xunta pretende aplicar no proceso de  autorizacións dos  fondeos e  atraques en Areoso e como se vai contabilizar a chegada de persoas a través destes medios, xa que a cota de entrada de persoas á illa tamén está limitado.  Tampouco se nomea sequera como se regularían as entradas de visitantes a través de empresas de transporte náutico pero que non fondean.
  • Con respecto ás cotas de fondeos, atraques e persoas propostas, consideramos que a Xunta debería ter aportado o estudo de capacidade de carga de visitantes a  Areoso nas que se basean para establecer o número máximo de fondeos, atraques e persoas que visitan a illa cada día. Ao non  dispoñermos destes estudos se lle nega á cidadanía poder dar unha opinión fundamentada de se estes números son os adecuados.
  •  No borrador da orde non se aporta cartografía nin dos fondos mariños nin dos hábitats terrestres, información que creemos que se debería aportar, pois sobre esta se debe fundamentar a ordenación do uso público da illa, obxectivo principal desta orde.

Neste senso cabe destacar a presenza de  fondos de Maërl ricos en biodiversidade e moi fráxiles ao impacto das áncoras,e cremos conveniente telos en conta á hora de establecer ditas zonas de fondeo.

  • Consideramos tamén que se debería acotar a zona de atraque á parte Norte-Norleste de Areoso, a costa areosa, para evitar molestias á avifauna que cría ou repousa na costa rochosa do norte da illa e cons cercanos.
  • Cremos que a velocidade de navegación no entorno da illa de Rúa e de Areoso e Pedroso se debe regular, prohibindo velocidades de máis de 3 nos nas súas inmediacións.  Así, ter en conta os impactos ocasionados pola navegación nas augas da zona (ruídos, contaminación por hidrocarburos, estres á fauna mariña e avifauna, impactos coa fauna, seguridade cidadá…) e delimitar estas zonas de velocidade restrinxida ao redor de Rúa e os Guidoiros pero sempre deixando unha canle de paso sen restricións entre Rúa e Os Guidoiros, por ser a principal canle de navegación da Ría.

Cremos moi positiva a iniciativa de regulación do uso público pero consideramos importante tamén inverter na información cidadá e na sinalización tanto mariña como terrestre. Informar aos visitantes a través de carteis da normativa, información sobre os valores que se protexen, restaurar o valado que impide o paso á duna en Areoso e a parte sur da illa, colocar paneis informativos nos peiraos deportivos da ría de Arousa, sinais de velocidade restrinxida ou prohibido desembarco nos sitios adecuados e delimitar a zonas de fondeo e atraque. Tamén faise necesario intensificar a presenza de vixilancia (dotando de medios e persoal a tal efecto), controlando o cumprimento das medidas propostas nesta futura orde.

O Salnés, 8 novembro de 2022

Enlaces á nota publicada en distintos medios

Enlaces á nova publicada:

https://www.diariodosalnes.es/articulo/a-illa-de-arousa/ecologistas-piden-nuevas-medidas-preservar-areoso/20221110132720005734.html

https://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/ecologistas-piden-retrasar-temporada-alta-acceso-areoso-proteger-cria-aves-4066066

https://www.farodevigo.es/arousa/2022/11/10/propuestas-plantean-ecologistas-areoso-78357064.html?utm_source=whatsapp&utm_medium=social&utm_campaign=btn-share

Older Posts »

Categorías