NA DEFENSA DUN DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE E DUNHA MAIOR CALIDADE DE VIDA.
O C.E.S. defende a natureza do Salnés
O Colectivo Ecoloxista do Salnés é unha asociación co seu ámbito de acción máis próximo na comarca do Salnés, mais non esquencemos as problemáticas ambientais de maior ámbito. Somos un colectivo aberto a calquera que teña sensibilidade polo noso entorno.
Para defender a natureza hai que coñecela.
Vivimos nunha terra moi xenerosa e un dos seus mellores regalos é o seu medio natural. Este é o noso principal recurso económico e de garantía da calidade de vida. No C.E.S. somos conscientes de que é preciso dar a coñecer os nosos valores naturais. Este é o primeiro paso para sensibilizar ás persoas na importancia de defendelos.
Outro mundo é posible.
Buscamos outro modelo de desenvolvemento. Por iso estamos por un consumo responsable, polo comercio xusto, pola agricultura respectuosa co medio, pola distribución dos recursos, por unha sociedade de encontro e diálogo, pola cultura da solidariedade e da paz.
Por outro mundo…, porque é posible.
Dende 1988 ata hoxe sen parar.
Xurdimos en abril de 1988 como Asociación Ecoloxista do Grove, e en 1991 ampliamos os nosos horizontes como Colectivo Ecoloxista do Salnés. Dende entón e ata o de agora vimos a realizar:
• Denuncias administrativas e ante a opinión pública sobre as actuacións con repercusións negativas no medio.
• Proxectos e propostas para solucionar problemas ambientais ou para mellorar o entorno de lugares degradados.
• Estudios e recollida de datos sobre flora, fauna, o litoral, etc. do Salnés.
• Actividades mensuais abertas de coñecemento do medio e sensibilización.
• Campañas e charlas divulgativas, informativas e de opinión sobre cuestións medioambientais de actualidade ou con repercusións no Salnés.
• Publicacións.
• Colaboración na recuperación de aves feridas.
Non estamos sós
Pertencemos á Federación Ecoloxista Galega (F.E.G.), que reúne á maior parte dos grupos ecoloxistas de Galicia.
Somos membros da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA).
Colaboramos con outros colectivos de diversa índole encadrados na vida socio-cultural do Salnés.
Ti podes participar.
Se sufres cando os nosos valores naturais están a ser agredidos, se cres que no Salnés e no mundo otro desenvolvemento é posible … podes integrarte no C. E. S.:
• Podes acudir ás nosas reunións aportando ideas, iniciativas, disponibilidade para traballar…
• Podes informar dos problemas ambientais da túa parroquia ou Concello e tomar cartas no asunto.
• Podes colaborar nas publicacións.
• Podes participar nas actividades divulgativas, campañas, estudios e proxectos.
• Podes aportar a túa cuota de socio sen máis.
• Podes …
CANTOS MÁIS SEXAMOS, MÁIS ACADAREMOS.
Boas noites, cada vez que baixo do Suído veño horrorizado de ver como acaban coa serra. Non me vou deter en describir a enorme riqueza da serra (bosques, ríos, a gran variedade de rapaces tanto diurnas como nocturnas, a raposa, morcegos e sobre todo recentes estudos no 2005 indican que ten a maior densidade do lobo en Galiza e unha das maiores da Península ibérica).
Case tódolas fins de semana subo dende Covelo e mesmo parece que os muíños de vento procrean eles mesmos dada a rapidez coa que proliferan. Xunto a estes van aparecendo novas pistas de transito para vehículos co conseguinte perigo para moitas especies, sobre todo para os mamíferos como a raposa, xinetas,…e para o rei do monte o lobo. O obxetivo desta mensaxe é pedir que se alguén ten na súa mán a posibilidade de promover algunha acción ben de denuncia, concienciazón o manifestación de protesta pola agresión que está a sufrir o Suído que o teña en conta e que conte comigo. Tamén vale unha orientación porque a nivel particular e sen estar rodado nestes avatares non vexo claro como canalizar o esforzo.
Un saúdo
Miguel
By: miguel on 06/08/2007
at 22:16
SALVEMOS O CASTROVE:
http://meis.blogaliza.org/
By: Meisalnes on 18/11/2007
at 20:43