Publicado por: garza18 | 15/11/2022

O ACCESO A AREOSO DEBE RESPECTAR EN MAIOR MEDIDA A ÉPOCA DE CRÍA DE AVES

Foto: diariodosalnes.es

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) tamén quixo aportar por escrito propostas de mellora  aos  responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ante a aprobación da regulación do uso público de Rúa e Os Guidoiros. No noso escrito fixemos fincapé nos seguintes aspectos:

  1. Os períodos da tempada alta: a Xunta propón que os períodos de máxima afluencia sexa Semana Santa e do 15 de maio a 30 setembro, e poderían entrar 50 persoas á illa (que o resto do ano quedarían restrinxidas a 20).  Nós consideramos que isto non conflúe co obxectivo de protección das áreas de cría das aves que alí crían.
    No caso da píllara das dunas a Xunta ten vixente un Plan de Conservación  no que se define ao illote Areoso como Área Prioritaria de Conservación e que dito plan establece que a época de cría desta especie abrangue o período do 15 de marzo ata o 15 de xullo. Consideramos que se debería atrasar o comezo da tempada alta, en aras de manter a tranquilidade do lugar no período de cría destas e outras aves nidificastes (gaivota patiamarela,  gaivotón e gabita)esténdese tamén a primeira metade do verán, polo menos. Así, en base a este criterio de conservación, deberíase por  a tempada alta a  15 de xullo ata 30 setembro (podéndose valorar alongar ata o 31 de outubro de asegurarse que non afecta á avifauna, como semella).
  • Cremos que orde debería aportar máis claridade na metodoloxía que a Xunta pretende aplicar no proceso de  autorizacións dos  fondeos e  atraques en Areoso e como se vai contabilizar a chegada de persoas a través destes medios, xa que a cota de entrada de persoas á illa tamén está limitado.  Tampouco se nomea sequera como se regularían as entradas de visitantes a través de empresas de transporte náutico pero que non fondean.
  • Con respecto ás cotas de fondeos, atraques e persoas propostas, consideramos que a Xunta debería ter aportado o estudo de capacidade de carga de visitantes a  Areoso nas que se basean para establecer o número máximo de fondeos, atraques e persoas que visitan a illa cada día. Ao non  dispoñermos destes estudos se lle nega á cidadanía poder dar unha opinión fundamentada de se estes números son os adecuados.
  •  No borrador da orde non se aporta cartografía nin dos fondos mariños nin dos hábitats terrestres, información que creemos que se debería aportar, pois sobre esta se debe fundamentar a ordenación do uso público da illa, obxectivo principal desta orde.

Neste senso cabe destacar a presenza de  fondos de Maërl ricos en biodiversidade e moi fráxiles ao impacto das áncoras,e cremos conveniente telos en conta á hora de establecer ditas zonas de fondeo.

  • Consideramos tamén que se debería acotar a zona de atraque á parte Norte-Norleste de Areoso, a costa areosa, para evitar molestias á avifauna que cría ou repousa na costa rochosa do norte da illa e cons cercanos.
  • Cremos que a velocidade de navegación no entorno da illa de Rúa e de Areoso e Pedroso se debe regular, prohibindo velocidades de máis de 3 nos nas súas inmediacións.  Así, ter en conta os impactos ocasionados pola navegación nas augas da zona (ruídos, contaminación por hidrocarburos, estres á fauna mariña e avifauna, impactos coa fauna, seguridade cidadá…) e delimitar estas zonas de velocidade restrinxida ao redor de Rúa e os Guidoiros pero sempre deixando unha canle de paso sen restricións entre Rúa e Os Guidoiros, por ser a principal canle de navegación da Ría.

Cremos moi positiva a iniciativa de regulación do uso público pero consideramos importante tamén inverter na información cidadá e na sinalización tanto mariña como terrestre. Informar aos visitantes a través de carteis da normativa, información sobre os valores que se protexen, restaurar o valado que impide o paso á duna en Areoso e a parte sur da illa, colocar paneis informativos nos peiraos deportivos da ría de Arousa, sinais de velocidade restrinxida ou prohibido desembarco nos sitios adecuados e delimitar a zonas de fondeo e atraque. Tamén faise necesario intensificar a presenza de vixilancia (dotando de medios e persoal a tal efecto), controlando o cumprimento das medidas propostas nesta futura orde.

O Salnés, 8 novembro de 2022

Enlaces á nota publicada en distintos medios

Enlaces á nova publicada:

https://www.diariodosalnes.es/articulo/a-illa-de-arousa/ecologistas-piden-nuevas-medidas-preservar-areoso/20221110132720005734.html

https://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/ecologistas-piden-retrasar-temporada-alta-acceso-areoso-proteger-cria-aves-4066066

https://www.farodevigo.es/arousa/2022/11/10/propuestas-plantean-ecologistas-areoso-78357064.html?utm_source=whatsapp&utm_medium=social&utm_campaign=btn-share


Deixar un comentario

Categorías