Publicado por: garza18 | 08/10/2022

O CES DETECTA NUMEROSAS EIVAS NA AVALIACIÓN AMBIENTAL E INCOMPATIBILIDADES CO P.O.L. E LEI DE COSTAS NO HOTEL-TALASO DE SAN VICENTE.

O CES presentou en setembro observacións a este proxecto. O DAE (Documento Ambiental Estratéxico) estivo a exposición pública para poder pasar o trámite da avaliación ambiental simplificada. Trátase dun proxecto de hotel de 82 prazas. Cunha ocupación total entre persoas aloxadas, usuarios dos servizo do talaso e traballadores de 527 persoas, e 72 prazas de aparcamento.


Son moitas as eivas que observamos no DAE, pois non se fai unha correcta valoración dos efectos ambientais para varios dos apartados: fauna, espazos protexidos, hábitats, plan de conservación da Píllara das dunas, hidroloxía (consumo de auga, calidade das augas vertidas, tanto doce como de mar), ocupación do solo… Como consecuencia tampouco se propoñen medidas correctoras de ningún tipo.

Toda a parcela se atopa en Área de Mellora Ambiental e Paisaxística do POL. A franxa comprendida entre as dúas liñas vermellas, marca a zona de Servidume de Protección da Lei de Costas.


Tampouco se ten en consideración o cambio climático, nin con respecto á escaseza crecente de auga potable, as inundacións frecuentes na zona e a subida do nivel do mar, nin ao efecto da tala das árbores que actualmente actúan como sumidoiros de CO2.


Consideramos que, como mínimo, este plan debe someterse a unha avaliación ambiental ordinaria (e non simplificada, como se pretende), porque se dan os seguintes condicionantes, recollidos na propia Lei de Avaliación Ambiental: existen problemas ambientais significativos relacionados co plan ou programa, como son o consumo hídrico, nun contexto de seca e restricións que vai a máis, a inviabilidade da EDAR para asumir a depuración das augas do hotel, e a afectación ao plan de conservación da píllara das dunas. Ademais a construción do hotel, piscinas e aparcamentos supón a ocupación irreversible do solo, así como un impacto paisaxístico permanente.

Tamén porque a zona afectada ten un alto valor e vulnerabilidade debido ás súas características naturais especiais e ao seu rango de protección, protexida directamente polo P.O.L. (Área de mellora ambiental e paisaxística) e a Lei de Costas (servidume de protección nunha parte da parcela e DPMT con alto valor ambiental e hábitats prioritarios na zona afectada polas canalizacións para auga de mar). Ademáis de conter Hábitats do Anexo I da Directiva Hábitats, e ser zona inmediatamente colindante a un IBA (e por tanto formar parte da súa zona de influencia).


Tampouco se fai unha análise das 3 alternativas de forma obxectiva, onde se teñan en conta factores ambientais, sociais e económicos (piares do desenvolvemento sostible) co mesmo peso na puntuación. Deste xeito non se ten en conta o menor impacto ambiental da alternativa 0 (deixar a parcela como está). Incluso se chega a suxerir que a alternativa 0 tería maior impacto ambiental.


No DAE afírmase que non se localizaron áreas con risco de inundación na zona, o cal non é certo, posto que o lugar xa era unha zona periódicamente inundable antes da construción do colexio e instituto na zona. O desvío e canalización do regato Bizocas non solucionou o problema. Cada vez que chove torrencialmente, hai inundacións na zona, como en 2006, 2015, 2019, e 2020. Polo tanto, instamos ás autoridades competentes a que non permitan repetir os mesmos erros da mala planificación urbanística do pasado. Todo isto nun contexto de cambio climático onde os episodios de choivas torrenciais van a máis e o nivel do mar sube constantemente ano a ano, polo que as inundacións están servidas.


Con respecto ao consumo de auga, tampouco se ten en conta no DAE o contexto crecente de secas e restricións debidas ao cambio climático. Nun informe técnico do concello, indícase que o hotel debe contar cun depósito de auga propio en previsión de que a auga non sexa suficiente para abastecer a S. Vicente. Pero no DAE non se especifica de onde se vai extraer a auga para dito depósito nin de que volumes se tratará, para poder avaliar correctamente o impacto nos recursos hídricos de todos, e a súa contribución a posibles restricións para a veciñanza.


Algo parecido sucede coa xestión das augas residuais do hotel. Posto que en dito informe técnico, advírtese que a EDAR de San Vicente está ao límite da súa capacidade e na época estival supera a mesma, polo cal deberase depurar ou facer un pretratamento previo do vertido á rede municipal. Sen
embargo na Memoria xustificativa do proxecto, afírmase o contrario: “Se calcula que la EDAR tiene capacidad suficiente para absorber el desarrollo del establecimiento hotelero y la capacidad establecida en el proyecto” . Polo tanto, óbviase este impacto e tampouco se propón ningunha medida correctora, como se recomenda no Informe Técnico do Concello.


De igual forma non se especifica que tipo de tratamentos previos e posteriores se farán coa auga de mar empregada, nin se isto causará vertidos con contaminación biolóxica, química ou física. Non se indica nin que volúmenes de auga van ser tratados, nin se garante un tratamento responsable das mesmas, nin cales serán as técnicas empregadas. Desta maneira resulta imposible avaliar a afectación á calidade da auga do mar.


Con respecto ao POL, solicitamos ao Instituto de Estudos do Territorio e Vivenda que non se permita a aprobación do PEID en canto non se consiga a autorización necesaria. Autorización que ao noso entender debe ser DENEGADA, posto que na Área de Mellora Ambiental e Paisaxística, as novas construcións destinadas ao turismo no medio rural considéranse INCOMPATIBLE. Polo que o hotel non estaría permitido nesta zona.

Con respecto á Lei de Costas, tamén vemos varios incumprimentos, como que unha pequena parte do hotel estaría dentro da Servidume de Protección, o cal non sería legal. Na zona de SP só se permiten instalacións deportivas descubertas. Resulta obvio que as piscinas (unha delas cuberta), que se pretenden facer nesa zona son para uso terapéutico e recreativo, pero non deportivo, polo que se estaría incumprindo a legalidade. Por outra banda, preténdese a canalización de auga de mar atravesando o ecosistema dunar de Area da Cruz, zona en DPMT, e afectado polo Plan de Conservación da píllara das dunas. E nada disto se avalía no DAE.


Por todo iso solicitamos tamén que non se permita a aprobación do PEID antes de que se revisen as incompatibilidades manifestas co POL e coa Lei de Costas, para evitar políticas de feitos consumados.

Neste senso, resulta sorprendente que os promotores afirmen ter autorización para captación e vertido de auga de mar, así como instalada xa unha caseta para bombeo da mesma, cando aínda se acaba de empezar a tramitación do PEID.


Deixar un comentario

Categorías