Publicado por: garza18 | 15/04/2023

O CES comeza unha nova edición do proxecto de educativo “Coidemos as nosas dunas”

Durante o mes de marzo  o CES comezou unha nova edición  do proxecto de educación ambiental “Coidemos as nosas dunas” en colaboración co IES de Sanxenxo. Ambas entidades levamos colaborando neste proxecto dende o ano 2017.

O obxectivo é doble. Por un lado trátase de  aproveitar un recurso educativo moi cercano ao alumnado para estudar de forma práctica contidos do temario de Bioloxía e Xeoloxía de 1° e 4° de ESO, como son os conceptos de ecosistema, biótopo, biocenose, redes tróficas, adaptacións… Por medio de unha charla e unha ruta guiada polas dunas, o alumnado tivo ocasión de reforzar estes contidos de forma práctica e significativa, además de gozar do contacto coa natureza, e das ventaxas de aprender nela, o cal, como recentes estudos demostran, favorece a capacidade de atención e concentración e beneficia emocionalmente ao alumnado.

O segundo obxectivo é poñer en valor os ecosistemas dunares do concello, especialmente o de Baltar, sometido a tanta presión  por estar en zona urbana, e durante tanto tempo sometido a todo tipo de impactos e actuacións desafortunadas. Unha delas, os desbroces indiscriminados con tractor, que continúan hoxe en día. Así, analizáronse as consecuencias desta práctica tan dañina para o ecosistema: eliminación de especies dunares, compactación do terreo, propagación de especies invasoras, perda de hábitats para a fauna, e incluso morte de exemplares de fauna como ourizos cachos.

E tamén de outras como deixar os cans soltos polas dunas (a pesar das advertencias dos carteis). Os cans co seu instinto depredador poden molestar ou aniquilar fauna propia deste ecosistema, ademais de que a materia orgánica aportada polos seus excrementos favorece a substitución das plantas dunares por outras non propias deste ecosistema.

Así mesmo, explicouse a necesidade de acometer canto antes o proxecto de rexeneración redactado no seu día polo Concello. Como colofón, durante o mes de maio levarase a cabo unha charla e unha eliminación de especies invasoras por parte do alumnado de 4° ESO.


Deixar un comentario

Categorías