Publicado por: garza18 | 30/04/2024

O CES SEGUE A INSPECCIONAR A SAÚDE DO UMIA, PESE A AUGAS DE GALICIA

O Colectivo Ecoloxista do Salnés veu de inspeccionar esta mañá (28 de abril) un tramo de medio quilómetro do río Umia nos arredores de Ponte Arnelas. Esta actividade encádrase dentro do Proxecto Ríos, un programa de voluntariado ambiental coordinado en Galicia pola asociación ecoloxista ADEGA e na que cada grupo local faise responsable do seguimento dun tramo dun río. O CES leva dende o 2007 participando neste programa, realizando inspeccións e limpezas de lixo en dito tramo do Umia. O Proxecto Ríos estaba apoiado economicamente pola Xunta a través dun convenio de ADEGA con Augas de Galicia, pero este apoio foi tristemente retirado este ano. A pesar do pouco interese que mostra a Xunta por unhas iniciativas tan necesarias de cara a concienciar á cidadanía do coidado do seu entorno e cunha metodoloxía rigorosa, ADEGA segue a manter este programa e o CES segue, un ano mais, a apoialo.

Todos os grupos que participan en Proxecto Ríos seguen unha metodoloxía científica común. Ten 3 aspectos principais: os parámetros físico químicos da auga (medimos a acidez, o osíxeno disolto e concentración de nitritos, temperatura, turbidez, etc), a presenza de especies bioindicadoras na auga (miramos a presenza e ausencia de certos animais con distinto grado de adaptación a augas contaminadas, obtendo así unha aproximación da situación ambiental das augas) e realizamos o inventario de fauna e flora no río e nas súas beiras. Estas inspeccións teñen que ser levadas a cabo entre abril e maio.

Os resultados a destacar desta inspección de 2024 no noso tramo do Umia foron:

  • En canto á análise de presenza e ausencia das especies bioindicadoras deu unha valoración intermedia de calidade das augas, lonxe de acadar o resultado desexable de “moi boa”.
  • O bosque de ribeira segue a ser o peor parado desta análise, pois leva anos soportando diversos impactos que o alteran: aparcamentos, paseos fluviais, lixo, cortas…Este ano proseguen as rozas que cortan o sotobosque e que chegan ata a mesma beira do caudal, deixando as terras máis propensas á erosión e con menos acubillo e alimento para a fauna. Esta erosión está a afectar as raíces das árbores do bosque fluvial, apreciándose así desraizamentos de ameneiros (árbore típica das beiras dos nosos ríos) e incluso árbores caídas na caule. Recordar que o bosque mantén a temperatura das augas e sen a súa sombra no verán as augas quentaranse e terán menos osíxeno, diminuíndo así a súa vida. O Umia, ao seu paso pola comarca do Salnés xa non dispón de ningún tramo con bosque fluvial medianamente ben conservado, é dicir cun ancho que non se restrinxa a unha sola fila de árbores en cada beira que no mellor dos casos é o que temos. Paseos, cultivos e vides case ou mesmo ata o bordo das augas alteran a vida e a paisaxe do río.
  • A presenza de especies vexetais alóctonas é cada vez maior. En canto a especies invasoras acuáticas atopamos 2 especies de plantas acuáticas empregadas nos acuarios domésticos (Elodea e Egeria) que cando baixe o nivel do río taparán a entrada de luz nas augas e non deixan espazo para a flora propia. Outras máis terrestres como o bambú, as calas, a Tradescantia e a Tritonia son especies de xardín que se aclimataron a estas beiras e están desprazando as especies propias do bosque (que son as que dan acubillo e alimento á nosa fauna). Curiosamente estas especies son maiormente respectadas nas rozas, o que denota o pouco criterio ambiental que se ten cando realiza rozas, permitindo cortas nun bosque con tanto valor ecolóxico pero salvando as flores bonitas, como se dun xardín se tratara, aínda sabendo que representan unha gran ameaza para a fauna e flora propia, a que protexe o río e a súa vida.
  • Aproveitouse para recoller algo de lixo como roupa, envases, chumbos de pesca…

Deixar un comentario

Categorías