Publicado por: garza18 | 28/05/2012

ECOLOXISTAS, VECIÑOS E OPERARIOS DO CONCELLO ACUDIRON Á CHAMADA DO C.E.S. PARA CONTROLAR AS PLANTAS INVASORAS DE BALTAR.

O sábado 26 pola mañá acudimos á praia de Baltar, en Portonovo, unha quincena de persoas (socios do CES, veciños e 2 operarios do Concello de Sanxenxo) para eliminar varios exemplares de Herba da Pampa, e de Uña de gato, dúas especies exóticas invasoras que están a desprazar a flora e fauna propia do lugar.

A actividade comezou ás 11h e rematou ás 14h.

A extracción das plantas foi sempre mecánica, sen emprego de herbicidas para non danar a rica flora dunar existente na zona, a pesar da presenza das citadas plantas invasoras.

Con respecto á herba da pampa, extraéronse na zona tratada todos os exemplares: unhas 200 plantas de porte pequeno e sen aínda o típico plumón de flores e sementes que loce esta especie que tan preciada é en xardiñería.

Con respecto á uña de gato, tras eliminar a herba da pampa, arrancamos gran parte das matas atopadas na duna primaria, a máis próxima á praia.

Puidemos tamén apreciar como outras especies invasoras están comezando a estenderse pola duna, como a Arctotheca calendula, tendo como vía de entrada as zonas dunares máis próximas ao paseo que circunda a duna, xa que é unha zona alterada polos usos que se fan neste lugar: colocación de postos de artesanía sobre a duna, paso de tractores que compactan a area, desbroces indiscriminados e pouco coidadosos….

Os aproximadamente 30 sacos (30 m3) encheu o remolque do tractor que o Concello dispuxo para levar as plantas arrincadas.


A modo de conclusións, o CES quere resaltar os seguintes aspectos:
A zona dunar secundaria intervida foi obxecto dunha rexeneración levada a cabo polo Servicio Provincial de Costas, con cartos públicos. Faise preciso un seguimento desta actuación que debe incluír accións sinxelas e baratas como replantado con especies propias de duna e eliminar todas as especies invasoras de Baltar. Este traballo non debería descansar no voluntarismo, senón nun plan técnico e profesional que permitira un esforzo máis continuado i eficiente. O Servicio Provincial de Costas é o organismo a quen lle corresponde esta labor.
O Concello de Sanxenxo debería evitar prácticas tan dañinas como o desbroce sen especializar. Debería, alomenos, acotar aquelas zonas dunares máis valiosas. Nestes desbroces córtanse valiosas especies dunares con gran valor biolóxico e ecolóxico.
O CES agradece o apoio ofrecido tanto polo Concello de Sanxenxo como da DX de Conservación da Natureza, así como da autorización de Costas para poder realizalo. Mais estes apoios non deben sustituir á asunción das obrigas competenciais da Administración, e agardamos que non teñamos que ser os cidadáns os que teñamos que facer os seus deberes.
A duna de Baltar, pola súa proximidade ao centro urbán de Portonovo, é unha oportunidade desaproveitada para facer chegar á veciños e visitantes a importancia de conservar as especies dunares, tanto pola súa beleza como polo seu valor ecolóxico. Recordar que as plantas agarran da area que o vento transporta dende a praia e que sen elas a praia iría minguando co tempo.

 

Marta Lois
Presidenta do CES.


Responses

  1. Convendría volver a organizar outra xornada de limpeza… a fecha 01/01/2013 acabo de pasar pola praia e vese invadida de uña de gato e outras especies…

    Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: