Publicado por: cesalnes | 29/05/2010

As augas residuais contaminan os catro costados do Salnés

O tratamento das augas residuais que producimos nas casas e nas industrias do Salnés vértense sen control aos noso ríos e á nosas rías.

Esta semana o Colectivo Ecoloxista do Salnés foi avisado por uns mariñeiros de que as augas do porto de Portonovo (Sanxenxo) estaban afectadas por un vertido de augas residuais domesticas, podendo verse feces, obxectos de hixiene feminina e papel hixiénico, estendéndose dende a praia de Portonovo (ou Baltar) ata Punta de Vicaño. Restos deste lixo foron arrastradas polas ondas ata as areas da praia.

Episodios como a desta semana repetiuse alomenos en tres ocasións neste porto, e tamén se teñen observado con certa frecuencia nas augas próximas da praia de Montalvo, no mesmo concello.

Nun escrito entregado hoxe (sábado 29 de maio) no rexistro do Concello de Sanxenxo o CES pide explicacións sobre esta fonte contaminante, solicitando toda a información que o Concello recadara sobre as causas destas incidencias e tamén as solucións que o Concello teña previsto, no caso de que as teña consideradas.

Parece evidente que estes vertidos se deben principalmente a unha mala dimensión da capacidade do sistema depurativo de Sanxenxo, rebosando na época invernal, cun índice maior de pluviosidade. De ser certa esta hipótese, entón…¿É razoable seguir construíndo vivendas sen nin tan sequera ser capaces de satisfacer as necesidades actuais? ¿É razoable que un municipio cuxa economía basease no turismo de sol e praia, trate así os seus areais?

Desgraciadamente este mal trato das nosas augas non só se da nun punto da nosa Comarca. En Cambados uns veciños de Oubiña denunciaron esta semana un vertido de augas residuais que parece provir dun polígono industrial próximo que provocou unha grave mortaldade de animais acuáticos na zona. Parece que estes polígonos, lonxe de ofrecer un lugar o máis ecoloxicamente controlado e sostible para as industrias, como así vende a administración a proliferación destas infraestructuras en tódolos concellos, e onde teoricamente deberían manter nuns parámetros ambientais correctos a contaminación acústica, atmosférica e residual (sólidos e líquidos), esto non se dá. Parece ser unha vez máis un engano á cidadanía tralo cal se agocha un negocio especulativo co solo. Un negocio urbanístico máis.

Este non é o único punto contaminante de Cambados, tamén na dársena de Tragove vértense sin control fétidas augas ao mar dende as empresas próximas, co que esto pode supor á calidade pesqueira.

En Ribadumia os veciños de Ponte Arnelas quixánse repetidamente de verquidos nocturnos, sospeitando dunha empresa próxima, sen que ningunha administración pareza facer nada por solucionalo.

Ante esta situación de contaminación das nosas augas a administración local parece sobrepasada pola situación e a administración autonómica non se dá por enterada. A súa resposta soe limitarse a tapar ou minimizar os seus efectos. Para o CES, esta frecuencia e continuidade de sucesos contaminantes nas nosas augas xa non se poden agochar máis. Considerando globalmente estes focos contaminantes na comarca, os perigos para o medio ambiente, para a saúde e para a pesca e marisqueo son máis que evidentes e precisan dunha solución efectiva.

O CES esixirá a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente, Infraestructuras e Ordenación do Territorio que se poña en marcha un Plan de mellora dos distintos sistemas depurativos da comarca, tanto domésticos como industriais, da nosa comarca, xa que a todas luces a actual esta infradimensionada ou mal xestionada.


Deixar un comentario

Categorías