O conxunto da praia da Mexilloeira e a lagoa Bodeira, no Grove, é unha das paisaxes costeiras máis belas da nosa comarca, así como un lugar estupendo para a cría de aves acuáticas. Por isto e polas xoias botánicas que medran nas súas dunas (algunhas especies de flora realmente escasas) esta zona incluíuse no espazo protexido Complexo Intermareal Umia – O Grove.

Nos últimos tempos estanse a realizar unha serie de actividades pouco compatibles coa conservación dos seus valores naturais: práctica de kitesurf, paso desordeado dos visitantes, uso da lagoa como zona de baño canina, extracción de áridos…

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), dende fai anos leva poñendo de manifesto estas alteracións así como solicitando ás administracións competentes un ordenamento das actividades que poña fin ou minimice as consecuencias impactantes de ditas actividades.

A través do documento “Melloras na conservación do espazo Praia Mexilloeira- Lagoa Bodeira” elaborado polo CES, o Colectivo quere aportar as propostas de mellora que seguindo criterios de conservación, deberíanse levar a cabo na zona.

Estas propostas xiran ao redor dos seguintes eixos:

- Completar o valado de protección das dunas, para minimizar o pisoteo dos paseantes e dos deportistas acuáticos.
- Eliminar camiños que transcorren en paralelo e desordenadamente, interrumpindo a dinámica natural da lagoa e da duna.
- Cambio da instalación das duchas, instaladas actualmente sobre as dunas, o que provoca pisoteo e feísmo na zona.
- Eliminación de entullos.
- Paneis informativos para os visitantes sobre os valores da zona, así como recomendacións para a súa conservación.

O informe foi enviado ao Servizo Provincial de Costas, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e ao Concello do Grove, acompañado dun escrito onde solicitamos que se atendan ás indicacións mostradas. Nel facemos fincapé en que debido ao baixo custe das propostas mostradas, e aos bos resultados obtidos con intervencións semellantes noutros lugares do espazo protexido, se realicen o máis axiña posible.

O día 7 de setembro de 2011 publicouse no D.O.G. a resolución pola que se anuncia a apertura do tra¬mite de información pública do documento de Avaliación Preliminar do Risco de Inundación (EPRI) correspondente á Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa

Neste informe de riscos preténdese cartografar aquelas zonas que pólas súas características topográficas, hidrográficas e xeolóxicos poidan sufrir un risco de inundacións, así como avaliar os seus danos a tódolos efectos (perigosidade, urbanismo, infraestructuras…) e poder así prever solucións.

As alegacións prsentadas polo CES a dito documento xiraron ao redor de tres eixes principais:

1. Usos do solo: No propio EPRI explícase que moitas das inundacións teñen lugar pola presión urbanística e cambio de usos do solo das nosas concas fluviais.
Dende o CES consideramos moi importante que á hora de facer a valoración do risco actual se lle dea o peso máis alto posible a todo o solo urbano e urbanizable, non só a aquel que xa está edificado, tal como se explica na EPRI.
Ademais cremos que este xeito de calificar o risco futuro de inundacións de determinados solos ignora que a maioría dos PXOM dos concellos galegos están aínda sen aprobar, co cal non se ten en conta as futuras calificacións urbanísticas que terán as zonas próximas aos ríos, nin a intensidade ou densidade de edificacións que se permitirán nas zonas xa declaradas como urbanas. Así, propoñemos que se lle asigne o valor de risco máis alto a todo o buffer calculado para cada río, independentemente do tipo de uso de solo, que imposibilite recalificacións futuras.

2. Implicación dos incendios: consideramos que se debería facer un estudo realista do risco actual de erosión e enchentes asociadas aos incendios tendo en conta non só os lugares afectados no pasado, senón o risco real de incendio debido á vexetación existente e de erosión debido ás características topográficas, morfoloxía das canles, etc, para cada bacia e cada río de Galicia Costa.

3. Río da Chanca: No núcleo urbano de Dena (Meaño) débese considerar zona de risco de inundacións o río da Chanca, así como a zona costeira da súa desembocadura. Danse varias das condicións que farían seleccionar a este río, segundo a propia EPRI: alta presión urbanística, influencia das mareas, obstrucción por pontes ou estructuras, confluencia cun afluente canalizado á entrada dun núcleo urbano, e características xeomorfolóxicas que o fixeron susceptible de sufrir as consecuencias erosivas dos incendios no ano 2006.

  Nesta imaxe da E.P.R.I. pódese ver como o Rego Fodón está incluído como área potencialmente inundable, o cal nos parece axeitado, tendo en conta que é un río canalizado ao seu paso por Dena. Dita canalización e urbanizacións inaxeitadas son as responsables dos danos das enchentas periódicas, as máis recentes e importantes, no 2000 e 2006. Sen embargo cremos que o río da Chanca na súa zona de confluencia co Fondón, tamén se debería incluir, pois os terreos colindantes a el tamén se asolagan, e este efecto vese reforzado cando as fortes chuvias coinciden con marea chea. En canto aos tramos máis altos do río, foron “vítimas” dunha actuación de Augas de Galicia no 2006, supostamente para paliar os danos das enchentas dese inverno, na zona de Simes. Polo tanto tamén se debería ter en conta como zona inundable debido á erosión provocada polos incendios que se poden repetir no futuro.
 

O pasado 5 de novembro realizamos a inspección de outono do Proxecto Ríos no Umia, á altura de Pontearnelas. Os resultados pódense consultar nos seguintes enlaces:

Los ecologistas concluyen que la calidad del agua del río Umia es regular http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2011/11/06/0003_201111A6C11991.htm

http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2011/11/06/ecologistas-constatan-alarmante-avance-cangrejo-americano-umia/595068.

Non deixa de soprendernos o feito de ser ferozmente atacados por unha asociación de piragüistas de Ribadumia, que nos acusa de ir só dúas veces ao ano ao río, de non denunciar tódolos vertidos que hai río arriba, nin os efectos dos encoros, nin eliminar nós mesmos as especies invasoras, etc. Como se a nós nos pagase alguén ou fose a nosa obriga legal facelo. E como se non nos ocupásemos no noso tempo libre de denunciar mil e unha fechorías máis que se fan en toda a comarca do Salnés a diario, non só no Umia.

É curioso que non ataquen do mesmo xeito ás administracións que deberían facer ditos traballos de oficio: controlar os vertidos, non permitir encoros absurdos e totalmente perxudiciais, elaborar plans de erradicación de especies invasoras…

O artigo foi publicado no Faro e na Voz e non ten desperdicio, para que poidades disfrutalo e xuzgalo por vós mesmos:

El Náutico de Ribadumia cuestiona el análisis de los ecologistas sobre el Umia http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2011/11/08/0003_201111A8C5993.htm

http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2011/11/08/o-muino-reclama-mayor-atencion-situacion-umia/595555.html

Entre tanta xoia verbal chaman á atención un par de perlas:

Perla nº 1:

Despois de acusarnos a nós de non usar unha metodoloxía científica para analizar o río, din que:  ”Además, el Náutico niega que los desbroces que se realizan a orillas del río sean nocivos”. ¿E que clase de coñecementos teñen eles para afirmar tal cousa? ¿Acaso opinamos nós sobre piragüismo? No CES somos a maioría biólogos, ou xente con coñecementos de ecoloxía. E eles, ¿quen son? Pois o presidente honorífico é un tal Rafael Louzán.  Ah! Agora entendemos que unha das cousas que máis lles molesta a esta asociación sexan as críticas aos desbroces e paseos da Deputación.

Perla nº 2: Por eso consideran que esta clase de estudios, como el realizado el pasado fin de semana en Ponte Arnelas, “no dejan de ser propaganda barata que sirve de muy poco”.

E preguntámonos, ¿propaganda para quen? Ao non denunciar todos eses vertidos e presas das que falan, estamos deixando de denunciar á Xunta, por non facer o seu traballo. En todo caso faríamoslle propaganda á Xunta. E non entendemos como aos afíns á deputación lles pode molestar tal propaganda.

Aquí deixamos a nosa resposta enviada á prensa:

Resposta ao Clube Nautico Muíño de Ribadumia
Boas tardes:

Ante a opinión publicada no seu xornal do Clube Nautico de Ribadumia- Muiño, sobre a inspección levada a cabo polo CES o pasado sábado nun tramo do río Umia, quixeramos que se publiaran as seguintes aclaracións:

- Para poder criticar con coñecemento deben primeiro estudar a metodoloxía do Proxecto Ríos, un programa de voluntariado a nivel estatal e que se adaptou para os ríos galegos cun asesoramento riguroso de investigadores da Universidade de Santiago. O CES participa nesta iniciativa para o que “apadriñou” un tramo de 500 metros á altura de Pontearnelas. As conclusións que sacamos destas inspeccións son as que se axustan a esta metodoloxía, nas que non só se analiza a calidade da auga senon do equilibrio fluvial, para o cal o bosque de ribeira é crucial. ¿De verdade cren que debemos calarnos cando se atenta a estos bosques por que vostedes ven nesta denuncia “unha publicidade barata para nós”?. O que nos preguntamos dende o CES é por que non critican a “metodoloxía” de xestión das administracións e empresas que atentan no río, en vez de gastar esforzos en criticar a un grupo de voluntarios.

- Calquera persoa informada ou que non queira faltar á verdade, non pode decir que o CES se cala ante os atentados que sufre o Umia. Consulten as hemerotecas. Dende fai máis de 20 anos estamos a denunciar varios impactos por verquidos (o de Brenntag entre eles), mortalidade de peixes, alteración das marxes, opuxémosnos á construcción do encoro de Caldas que tantos problemas está a causar. O paseo de Pontearnelas é un dos moitos impactos que sufriu e está a sofrer o río, e como tal o denunciamos, como denunciamos outras cousas. Infórmense.

- Xa que o Clube invita ao CES a pasear en piragua, nós os invitamos a participar na conservación do río, por exemplo, denunciando todos esos atentados que detectan, creando un grupo Proxecto ríos, colaborando co CES… O río precisa axuda.

- En canto á eliminación dunha especie invasora como o cangrexo de ríos, informarlle que se requíre un plan que debe levar a cabo a Xunta de Galicia e plantexado a moi longo plazo, cun esforzo constante. É dicir, requírese un proxecto técnico e persoal contratado para poder manter unha presión continua e formada sobre a especie a eliminar. O CES xa solicitou por escrito que se realizara un plan de eliminación e ofrecimos a nosa axuda á administración. Unha vez mais, antes de falar do traballo dos demais, asesórense e non apunten á diana que non é.

Saúdos
Marta Lois
Presidenta do CES

E agora o enlace para ver como foi publicado:

Los ecologistas recuerdan que llevan años denunciando los atentados que sufre el Umia http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2011/11/10/0003_201111A10C7993.htm

Curiosamente non nos chegou alerta ningunha de que fose publicado no Faro.

O sábado 5 de novembro ás 11.00 da mañá quedaremos naPonte dos Padriños en Pontearnelas para realizar, (se a enchenta nolo permite) a inspección de outono do Proxecto Ríos nun tramo do Umia.

A actividade é unha forma de participar no Proxecto Ríos, que dende o 2004 está
promovendo a asociación ecoloxista ADEGA. Este proxecto baséase na realización de
inspeccións dos ríos galegos por parte de voluntarios, como mínimo dúas veces ao ano e
usando metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polos organizadores. Os
resultados reflíctense nunhas Follas de Inspección que serán remitidas á sede do
Proxecto, onde serán utilizadas para elaborar os informes anuais que estarán
dispoñibles en http://www.proxectorios.org


Avaliaranse de forma pormenorizada as características fluviais, atendendo a
parámetros como:

◦ Descrición física do bosque de ribeira.

◦ Velocidade da auga, caudal, tamaño da canle, etc…

◦ Análise de augas: Osíxeno disolto, nitratos, pH, temperatura, turbidez…

◦ Fauna e flora. Presenza de macroinvertebrados bioindicadores.

◦ Construcións, sumidoiros, etc.

TODO O MUNDO ESTÁ INVITADO

¡Non esquezas levar botas de auga!

MANIFESTACIÓN
NON ÁS AUTORIZACIÓNS AMBIENTAIS
ENCE E ELNOSA FORA XA!
VENRES 21 DE OUTUBRO
NA FERRERÍA DE PONTEVEDRA ÁS 20,30H

O Colectivo Ecoloxista do Salnés entregou esta semana por rexistro, cadanseu escrito aos distintos Concellos do Salnés solicitando que se analizara a presencia da toxina microcistina na súa rede de abastecemento de auga potable.

No encoro de Caldas de Reis (Pontevedra), no río Umia, danse repetidamente casos de explosión da cianobacteria microcistis, que produce unha toxina orgánica, a microcistina. Debido a esto, no Concello de Caldas e Augas de Galicia fanse analíticas destas augas, que abastecen os domicilios deste municipio. Nas últimas analíticas realizadas polo Concello de Caldas, e tras os ensaios realizados con cortiza de eucalipto para intentar reducir a concentración da toxina, se deron 0,6 µg/l (microgramos por litro) á saída da ETAP (estación potabilizadora). Malia a que o valor límite de referenza é 1 µg/l (RD 140/2003), hai que ter en conta que esta toxina ten efectos acumulativos, polo que a presenza na auga de calquera cantidade xa é preocupante. Neste senso, a OMS recomenda unha inxesta diaria tolerábel (IDT) de 0,04µg/kg/día.

Imaxe das células da microalga vistas ao microscopio.

Augas abaixo do río Umia, ao seu paso por Ponte Arnelas (Ribadumia), atópase unha toma de auga que abastece parcialmente a varios municipios da contorna. Debido a que a explosión de Microcistis podería expandirse polo Umia, a toxina podería estar presente en Ponte Arnelas e crear un problema de saúde pública. Ademais, este problema podería agravarse nos últimos meses (agosto, setembro e outubro) debido á pouca renovación das augas do río pola escaseza de choivas.

Debido a esto, o CES solicitou aos Concellos de Ribadumia, Cambados, Sanxenxo, O Grove, Meaño e Vilanova que no caso de que xa teñan feito algunha analítica da toxina, que se fagan públicos. E no casos de non telo previsto, que se realicen estas analíticas e se tomen as medidas pertinentes para minimizar os problemas de saúde pública que derivarían da presencia da cianobacteria. Tanto a estratexia a seguir como os resultados das analíticas deben ser postas en coñecemento da cidadanía.

Publicado por: garza18 | 12, f, 2011

Presentadas as sinaturas en defensa da Siradella

Onte mércores fixemos entrega por rexistro das 3500 sinaturas recollidas ata o de agora, xunto cun escrito argumentando a oposición ao ridículo proxecto de facer un campo de golf.Curiosa a argumentación de Méndez no Faro, para quen 3500 e 800 veñen sendo o mesmo.
Ademais da entrega, colocamos 18 banderíns no parque do Corgo co lema “Non ao campo de golf na Siradella!”

A Plataforma Veciñal non ao campo de golf de A Siradella, a Asociación Cultural Figheira do Meco e o Colectivo Ecoloxista do Salnés estamos a coordinar diversos actos contra a instalación na ladeira do Monte Feáns dun campo de golf dende xa fai varios meses que se poden seguir, xunto co noso argumentario, no blog siradellasengolf.wordpress.com

Unha das nosas actividades máis relevantes é a campaña de recollida de sinaturas en contra desta ubicación do campo de golf, a través de follas de sinaturas repartidas en varios puntos e tamén en plataforma dixital (http://www.peticionpublica.es/?pi=P2011N9014 ).

As sinaturas recollidas ata o de agora, máis de 3000, entregaranse ante o Concello de O Grove, Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural) por ser a xestora do espazo protexido Umia- O Grove e á Deputación de Pontevedra, por verse afectado parte dos seu terreos. As sinaturas irán acompañadas por unha escrito onde se lles solicitará aos nosos gobernantes a retirada de calquera apoio político i económico a esta iniciativa.

Farase entrega de dito escrito e das sinaturas no rexistro do Concello do Grove, o martes 11 de outubro ás 11:30. A entrega irá acompañada dun acto sorpresa.
Este escrito irá acompañado do noso argumentario. As razóns que dende un principio esgrimimos contra a ubicación deste campo de golf son:

Alteración da topografía e características do solo dunar. Afección a un medio tan singular como a duna rampante
Impacto paisaxístico, afectando a unha das mellores vistas naturais das Rías Baixas (dende a Siradella e a Lanzada).
Forte consumo de auga, contaminación de aire, solo e augas por emprego de pesticidas.
Perda de vexetación autóctona, na duna rampante que sube en dirección á Siradella, con plantas de grande valor biolóxico.
Perda de hábitats de fauna autóctona protexida. Na zona vive o sapo de esporóns (Pelobates cultripes).
• Deste xeito, a instalación de dito campo incumpriría a Lei 42/07 do patrimonio natural e da biodiversidade:
- (art. 76.a) “a utilización de produtos químicos (…) que alteren as condicións dos ecosistemas con dano para os valores contidos”
- (art. 76.g) “a alteración das condicións dun espazo protexido, ou dos produtos propios del mediante ocupación, roturación, corta, arranque ou outras
accións”.
- (art.76.i) “… a produción de impactos paisaxísticos sensibles nos espazos naturais protexidos”.

Así mesmo, discrepamos das “previsións” económicas e de emprego aducidas polos promotores, e rexeitamos calquera operación de especulación urbanística que se poida agochar ou amparar baixo este proxecto.

Asinantes da nota de prensa:

• Plataforma Veciñal non ao campo de golf de A Siradella
• Asociación Cultural Figheira do Meco
• Colectivo Ecoloxista do Salnés

O Colectivo Ecoloxista do Salnés organiza unha limpeza do lixo das beiras do río Umia o domingo 2 de outubro.  A cita é ás 11.00 da mañá na ponte vella de Pontearnelas (a ponte dos Padriños) en Ribadumia, para realizar a limpeza dun tramo do río Umia.

A actividade consiste na retirada manual de lixo dos cauces e ribeiras do tramo do Umia comprendido entre as dúas pontes de Pontearnelas.

Esta actividade forma parte dunha limpeza simultánea en ríos de toda Galicia, campaña promovida pola Asociación de Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) encadrada dentro do Proxecto Ríos (proxecto de voluntariado ambiental consistente na creación de distintos grupos que apadriñan un tramo dun determinado río para levar a cabo o seu estudio e vixilancia ambiental).

Esta limpeza ten como obxectivo principal axudar á mellora estética e ambiental dos nosos ríos a través da acción directa da sociedade, ademais de poñer de manifesto o estado lamentable no que se atopan a maior parte dos nosos ríos, fontes das nosas casas.

O Proxecto Ríos fará seguros para os voluntarios participantes, polo que é preciso anotarse no  teléfono (660 928 463), a poder ser antes deste xoves 29.

O único que os participantes deben levar son botas de auga, pois o resto do material preciso será subministrado polo CES.

O reconto das sinaturas recollidas polo momento polos colectivos contra o proxecto de campo de golf na Siradella (Plataforma contra o campo de golf, A Figheira do Meco e Colectivo Ecoloxista do Salnés) chega ás 3152 sinaturas, 1055 na Web habilitada a tal efecto e as 2097 restantes en papel.

A procedencia dos asinantes é diversa, dado que se ben moitas son recollidas na propia vila, recolléronse sintaturas de persoas de diversas zonas do territorio galego, estatal e mesmo internacional.

Destaca a enorme sorpresa e rexeitamento que dito proxecto provocaba nos asinantes, incrédulos de que un proxecto así se puidese sequera plantexar en plena Rede Natura en un marco de tanta beleza e simbolismo como as abas da Siradella.

A cifra de apoios recollidos pola defensa da Siradella e contra o campo de golf (recollida que continúa) contrasta coa cifra de apoios expresada polos promotores na súa web: 773 persoas no momento de redactar esta nota de prensa.

A acción dos colectivos contra o campo de golf potenciarase este outono, con novas actividades.

Para ver como foi recollida esta nota de prensa nos medios:

http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2011/09/11/0003_201109A11C6995.htm

http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2011/09/11/partidarios-detractores-campo-golf-apuntan-victoria-parcial-proceso/579214.html

Artigos anteriores »

Categorías

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.