Publicado por: garza18 | 27/07/2022

O CES EN CONTRA DA TRANSFORMACIÓN DO MONTE FARO NUNHA URBANIZACIÓN CON CAMPO DE GOLF

O Concello de Sanxenxo ven de facer público o acordo co SAREB da cesión de tres Solos Urbanizables en Sanxenxo para a súa posterior urbanización, entre os que está o SU 14, a parcelado coñecido Monte Faro, unha das zonas forestais deste Concello. Neste anuncio fai público tamén a tramitación da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permita crear nel un campo de golf e 1290 vivendas.
O CES ve inxustificada unha urbanización nesta zona, tan apartada do núcleo urbano, que non atende a necesidades de vivenda si non a segundas residencias, deixando moi atrás calquera criterio de xestión sostible do territorio: afectación paisaxística, transformación de solo arborado por cemento, novas vías de comunicación, gasto enerxético, investimentos para a xestión da auga, fomento do uso do coche nun contexto de cambio climático, consumo desmedido de auga, usos de abonos e fitosanitarios no campo de golf co perigo evidente de contaminar as augas do río Fabaíños, etc.


O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) xa presentara en 2010 unha demanda contencioso administrativa
no xulgado de Pontevedra solicitando a nulidade do Acordo do Pleno do Concello de Sanxenxo polo que se procedía á aprobación do Plan Parcial do SU 14, que pretendía transformar o cumio do Monte Faro e
das súas ladeiras forestais en zona urbanizable para 1.302 vivendas unifamiliares e os seus vales no que eles chamaban “Parque Natural”. O TSXG deunos a razón, baseándose no impacto paisaxístico que crearía a alineación de tantas vivendas no cumio e ladeira cunha gran conca visual, o que acrecenta o seu impacto. Isto paralizou o proxecto urbanístico daquela presentado, quedando durmido ata agora.

Nos últimos anos é cada vez máis crecente o número de edificacións inseridas na paisaxe agraria e forestal. Sen dúbida esta urbanización contribúe a fragmentar unha vez máis a paisaxe natural nunha zona, ata agora totalmente forestal e sen ningún tipo de edificación, que queren substituír por edificacións visibles dende diversas zonas do concello e un campo de golf. A paisaxe natural é un dos recursos turísticos máis importantes do concello. Se o Concello quere crear espazos verdes para a cidadanía, deberían pensar en espazos cheos de vida, fomentando a substitución de especies arbóreas pirófitas como os eucaliptos por especies frondosas autóctonas e poñer en valor o patrimonio cultural que hai no entorno de Monte Faro e que segue esquecido. Un campo de golf non é un espazo con biodiversidade aberto á cidadanía, por moi verde que sexa.


No contexto actual de cambio climático, do que este verán estamos vivindo en Galicia as súas consecuencias máis severas, con ondas de calor, secas e graves incendios, semella de todo imprudente
apostar pola creación de campos de golf, cun alto consumo de auga y enerxía para o seu mantemento. E denota pouca planificación
dos responsables políticos do Concello nas súas propostas, xa que na mesma semana acaban de ditar un Bando Municipal restrinxindo o consumo de auga para o recheo de piscinas, lavado de coches ou rego de xardíns, solicitando aos veciños responsabilidade. Así, neste contexto, consideramos un auténtico disparate esta proposta.

A administración debe velar polo cumprimento da lei de protección ambiental e paisaxística no que se refire á xestión urbanística e do territorio e o desenvolvemento sostible, pero os nosos gobernantes insisten en que só sexa papel mollado.

Ligazóns á publicación da nota de prensa enviada, cuio texto é este que acabas de ler. (Aquí pode verse a extensión que dedica cada medio á noticia).

https://pontevedraviva.com/xeral/87183/ecologistas-ven-disparate-urbanizacion-campo-golf-monte-faro/?lang=gl

https://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/ecologistas-psoe-rechazan-construccion-campo-golf-proyectada-monte-faro-3835082

https://galego.farodevigo.es/pontevedra/2022/07/23/psoe-ecologistas-rechazan-campo-golf-69112402.amp.html


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: