Publicado por: garza18 | 13/07/2020

PERIGO AMBIENTAL TRAS OS ROUBOS DE MADEIRA NOS NOSOS MONTES.

Os últimos roubos de madeira no monte de Sanxenxo e Meis súmanse a unha numerosa lista de sucesos similares na Comarca do Salnés e veciñas ao longo dos últimos anos.

Os montes do Salnés e Pontevedra están case na súa totalidade adicados ao monocultivo de eucalipto, cos problemas ambientais   asociados xa moi estudados e difundidos: mingua de biodiversidade e de riqueza paisaxística, danos no solo e alteracións no réxime hidrolóxico dos montes. Os monocultivos conlevan tamén unha menor resistencia ante as pragas, incluídos os incendios.

O xeito de plantar e cultivar os nosos montes responde a un modelo de xestión, ou mais ben de falta de xestión, que consiste na plantación de árbores de rápido crecemento e un xeneralizado esquecemento deles ata o momento da súa corta, cun destino único e da cal depende perigosamente toda a inversión dos propietarios, a pasteleira ENCE. Este modelo curtopracista non trata ao monte con expectativas de futuro.

Unha xestión ambiental dos nosos montes, con diversidade de especies, apostando por árbores e sotobosque adaptadas ao noso clima e solo, por aproveitamentos múltiples e que á súa vez crean hábitats para a nosa flora e fauna, faría que esta riqueza ambiental se trasladara a unha riqueza económica aos seus propietarios, máis sostible (ambiental e temporalmente falando). Este modelo de ecoxestión dos montes estaría máis pola labor de continuidade desa mata, evitando os cortes a feito que deixan desprotexido o solo e promovendo as entresacas de individuos en distintas fases (por idades ou outros criterios), buscando sempre a rexeneración do cultivo e a súa continuidade no seu máximo de produción. Este modelo apostaría pola profesionalización do sector forestal na comarca, poñendo en valor os nosos montes e creando postos de traballo de calidade.

Igual que sucede naquelas casas que se saben inhabitadas, que moitos ladróns aproveitan para roubar as súas escasas pertenzas, os montes da comarca do Salnés están a padecer roubos de madeira (eucalipto na súa maior parte), cada vez mellor argallados. Os últimos en Sanxenxo pero recentemente tamén en Meis, e lévanse anos denunciando cortas nos montes do Salnés, provincia e en toda Galicia. O modus operandi destes ladróns baséase en escoller unha masa forestal cunha vía de acceso, algo afastada das casas e dos seus propietarios, para cortar as árbores máis grandes, con maquinaria pesada e dun xeito moi rápido, pasando desapercibidos, para logo desaparecer coa madeira. Estas cortas poden incluso contar cunha autorización da Xunta pero que inexplicablemente se concedeu sen a preceptiva autorización dos propietarios, como así denunciaban os veciños de Meis afectados recentemente.

O resultado: un monte esnaquizado, solos espidos e arados, ramas esparexidas, árbores tronzados, madeira mal aproveitada quedando toradas de máis dun metro de altura e outras desfeitas. Pasto ideal para os incendios e tamén para a erosión do solo por chuvias.

 

Ademais dos danos ambientais e paisaxísticos que implican estes roubos, supón un verdadeiro drama para os propietarios, que ademais de perder a súa inversión, pódelles carrexar multas por ter restos de poda na súa propiedade sen recoller ou por cortas non autorizadas, rizando así o rizo desta inxustiza. A este drama ambiental, social i económico que supón a falla dunha xestión profesional e ambiental dos nosos montes, que nos fan débiles ante pragas e incendios, temos que sumar tamén aqueles individuos fora da lei que se aproveitan do traballo alleo e contra os que tamén se debe batallar.

Para o Colectivo Ecoloxista do Salnés faise preciso que as autoridades tomen conciencia da gravidade destes feitos e poñan énfase na investigación destes roubos, tentando levar ante a xustiza os seus autores, do mesmo xeito que perseguen aos autores dos incendios provocados.

Ao xuízo do Colectivo Ecoloxista do Salnés, para manter aos ladróns fora dos nosos montes, precisaríase romper co círculo vicioso que supón o eucalipto en Galicia poñendo orde nos nosos montes. Sacarlle proveito ao monte dun xeito sostible, vixialo e coidalo, tal como están a poñer en práctica Comunidades de Montes doutras comarcas veciñas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: