Ante o estado de crise climática que tantos gobernantes non queren ver, xurde a necesidade de mobilizarse e apoiar á xuventude que reclama o dereito a herdar un planeta habitable. Así nace o Movemento Galego polo Clima.
O quecemento global inducido polo home alcanzou aproximadamente 1°C sobre o nivel preindustrial e está actualmente aumentando a un ritmo de 0.2°C por década debido ás emisións pasadas e presentes de gases de efecto invernadoiro.
O cambio climático xa está aquí, é patente nos fenómenos meteorolóxicos extremos cada vez máis frecuentes e virulentos, nas olas de calor e sequías que alimentan incendios crecentes a cada ano, nas inundacións e riadas… nos mortos e desprazados e nos estragos agrícolas e económicos provocados por todas elas, nas borrascas máis intensas e frecuentes, no ascenso do nivel do mar, que no último século foi de 17 cm e que aumenta 3 mm ao ano, así como no quecemento e acidificación do mar que afecta ás especies que nel viven, (do que en gran medida depende a economía galega e do Salnés, non o esquezamos); favorecendo o asentamento de especies invasoras… Máis lonxe de nós, nos furacáns máis frecuentes e intensos, no desxeo do Ártico e Groenlandia, moito máis acelerado do que os científicos pensaban nun principio, retroalimentando máis o quecemento ao desaparecer superficie branca onde reflexar a enerxía do Sol; con miles de refuxiados climáticos debido ás secas ou a que as illas, os seus países, quedaron asolagados pola subida do mar. Pero o planeta é un só, formado por complexas interconexións, e todo nos afecta, o de cerca e o de lonxe.
O informe especial que o Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) da ONU, publicou en outubro de 2018, insta a tomar medidas urxentes para limitar o quentamento global a un aumento de 1,5 ºC. Isto requerirá cambios rápidos, de grande alcance e sen precedentes en todos os aspectos da sociedade, segundo mencionou o IPCC .
No informe destácanse os impactos que se evitarían se o quecemento global quedase restrinxido a 1,5ºC en lugar de subir 2C: o nivel do mar aumentaría 10 cm menos a finais de século, o Ártico non quedaría libre de xeo con tanta frecuencia, ou os arrecifes de coral, prácticamente abocados á súa desaparición con un quentamento de 2ºC, poderían salvarse parcialmente. Máis alá dun aumento de 2ºC, considerado o punto de non retorno, as consecuencias serían moito máis imprevisibles, catastróficas e irreversibles, empezando por millóns de persoas mortas ou refuxiadas polos fenómenos meteorolóxicos extremos (sequías, inundacións, furacáns…) ou desprazadas pola subida do nivel do mar, ou falta de auga ou alimento nas súas cidades ou países. E seguindo por desaparición total dalgúns ecosistemas como os arrecifes de coral, e a extinción de máis de 1 millón de especies.
O informe expón que limitar o quecemento global a 1,5°C requeriría transicións “rápidas e de gran calado” na terra, na enerxía, a industria, os edificios, o transporte e as cidades. As emisións netas mundiais de dióxido de carbono (CO2) de orixe humana terían que reducirse nun 45% para 2030 con respecto aos niveis de 2010, e seguir diminuíndo ata acadar o “cero neto” aproximadamente en 2050.
Son medidas que se puideron tomar dende hai 30 anos, pero a inacción e falta de compromiso dos gobernos, lévannos a esta situación de emerxencia na que hai que actuar xa.
Ante esta situación de emerxencia, sumámonos ao Movemento Galego polo Clima, asinamos o manifesto e animamos a tódolos veciños do Salnés a mobilizarse o día 27 de setembro para esixir a declaración do estado de emerxencia climática que permita asumir aos gobernantes a realidade do que xa está acontecendo no planeta e empezar a tomar medidas eficaces que permitan aos nos@s fill@s e netos herdar un planeta con futuro.
Se non o fas por ti, faino polo futuro dos teus fill@s. Mobilízate o 27-S!!
No seguinte enlace pódese ler o manifesto e consultar a convocatoria das principais manifestacións para o día 27.
https://movementogalegopoloclima.wordpress.com/
Deixar unha resposta