Publicado por: garza18 | 24/08/2019

O CES SOLICITA Á CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE QUE CONTROLE AS ROZAS NAS DUNAS DE BALTAR E CANELAS

O CES ven de presentar un escrito solicitando á Consellería Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que controle as repetidas rozas con tractor que se efectúan nas dunas de Baltar (Portonovo, Sanxenxo), o último deles neste mes de agosto. Tamén informamos doutra roza con tractor nas dunas de Canelas feito en xuño. Con elo queremos evitar que se converta nunha práctica habitual meter o tractor tamén nas dunas de Canelas, como xa acontece en Baltar.

Valoramos positivamente que dende o Concello de Sanxenxo puxesen valados para protexer as dunas e carteis instando a respectalas. Pero é contraditorio que en ditos carteis se explique que hai vexetación moi fráxil e logo se metan tractores para cortar especies invasoras que alí medran. Esta maquinaria pesada non discriminan as especies que cortan, e no traxecta ata as zonas afectadas polas plantas invasoras, esmagan especies dunares, de fráxil situación ecolóxica.

Hai que recordar que os sistemas dunares deste concello, que xa perderon moita extensión e calidade nas últimas décadas, son espazos naturais e como tales deben ser xestionados, non como meros parques urbanos. Estes ecosistemas son illas de biodiversidade, xa que neles existen hábitats protexidos pola UE, especies endémicas, e outras de distribución cada vez máis escasa no territorio galego debido á perda de superficie e degradación dos sistemas dunares.

Os principais impactos das rozas con tractor son: a compactación do terreo (que cambia as condicións do ecosistema e favorece a expansión de especies non propias), as especies dunares son esmagadas ou cortadas (o tractor non discrimina e corta a eito). Deste xeito estase a incumprir a lexislación no tocante ao control das especies invasoras, como neste caso as canas e o gramón, plantas para as que tódolos protocolos recomendan a súa eliminación de raíz (non a roza). Ademais a lei obriga a retirar do medio natural os restos de especies invasoras e indica que deben ser xestionados correctamente para evitar novos focos de dispersión. Xusto todo o contrario do que se está a facer, xa que no caso de Canelas as canas foron abandonadas enriba das dunas, provocando dous problemas máis, que son un exceso de sombra que impide a proliferación de ningunha especie dunar, e un aporte excesivo de materia orgánica que tamén é desfavorable para estas especies. Ademais, no caso de Baltar, a roza de gramón e outras herbas deixando a zona con aspecto de campo de fútbol, incita ás persoas a transitar, pasear cans e practicar deportes, xa que interpretan que se trata dun parque por estar desbrozado.

As solucións a este problema xa foron plantexadas reiteradas veces, con escaso ou nulo resultado, aos responsables do Concello, motivo polo que recurrimos a instancias superiores. No caso das canas, sería cortalas con rozadora de man e logo retiralas. No caso do gramón, non rozalo namentres non se elimine de forma definitiva, xa que coa roza a especie fortalécese máis e os restos abandonados poden volver a enraizar facilmente, favorecendo a súa propagación. Tamén solicitamos que se forme aos operarios para que distingan aquelas especies de maior valor natural das que son invasoras e se elabore un protocolo de roza selectiva. E por último instamos á Consellería de Medio Ambiente, territorio e Vivenda a que faga cumprir ao concello a lexislación sobre especies invasoras.

A solución definitiva sería a rexeneración das zonas degradadas destes espazos, o que leva solicitando o CES dende fai anos, xa que dita restauración pasaría pola eliminación de raíz das especies invasoras ou non propias das dunas, e así calquera tipo de roza no futuro sería xa innecesario xa que a duna recobraría o seu equilibrio natural.

 

Último desbroce feito neste mes de agosto con tractor, ao longo do perímetro do paseo de baldosas. Durante anos a compactación e a corta do gramón, especie invasora, favoreceron a súa expansión.

 

Neste lugar, a roza continua, a última feita no mes de agosto, unida á inexistencia dun valado que delimite a zona dos piñeiros, fai que moita xente interprete que se trata dun parque polo que se pode transitar sen problema.

 

Aspecto da duna de Canelas no mes de xuño, cando o tractor accedeu dende a praia esmagando a duna móbil

 

Aspecto da duna de Canelas no mes de xullo. O abandono das canas nas dunas, ademais de incumprir a normativa de especies invasoras, perxudica ás especies dunares que non poden sobrevivir con tanta sombra nin con ese exceso de materia orgánica.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: