No último mes véñense levando a cabo actuacións na zona de Arnosa por parte da empresa Cerámica Campo como foron o recheo dunha das lagoas xeradas no seu día polo plan de extracción de arxilas da empresa. Tamén na lagoa grande colindante coa mesma se verteu arxila polas súas beiras; ademáis a empresa ancheou unha pista de acceso ilegal sobre a marisma, afectando a unha zona de posta de sapo corriqueiro. Cónstanos que esta última actuación foi denunciada ante o Seprona e os gardas do espazo protexido Ons O Grove por un particular.
Ante esta situación, o CES solicitou información á consellería de Medio Ambiente para que aclare cales desas actuacións estaban autorizadas e cales non, así como que aclare que intencións ten a empresa con respecto a tódalas lagoas xeneradas hai anos ou décadas pola extracción de arxila, e que están dentro do espazo protexido Complexo Intermareal Umia- O Grove.
A lexislación de minas obriga a “restaurar” os ocos xenerados pola extracción de materiais, consisitindo dita rexeneración en tapar os ocos e logo revexetar. Pero este tipo de actuación tan xenérica non ten sentido dentro dun espazo protexido onde os ocos abandonados hai tanto tempo xa están naturalizados por especies e hábitats acuáticos, xenerando biodiversidade no Complexo Intermareal Umia O Grove. Esto sucede nas lagoas de Arnosa, Roixique, Cachadas e Fianteira, que albergan importantes valores naturais logo de décadas de renaturalización, polo que non ten sentido, dende o punto de vista ambiental, e dentro da Rede Natura, acometer unha “rexeneración mineira” baseada en reencher ditas lagoas e destruir os hábitats e especies existentes nelas.
Cabe recordar, con respecto á lagoa da Fianteira, que xa no ano 2010 o CES emitiu unha denuncia ante a fiscalía de Pontevedra porque a empresa tiña intención de reenchela baseándose neste requisito da Lei de minas. Como consecuencia, a fiscalía emitiu unha resolución onde se instaba á empresa a someter o proxecto mineiro a avaliación de impacto ambiental para adaptarse á normativa vixente en materia de avaliación de impacto ambiental, ao estar os terreos dentro dun espazo natural protexido, posto que tanto a avaliación de efectos ambientais como o plan de restauración, redactados en 1992, non cumprían tales requisitos. Motivo polo que a consellería resolveu, no seu día, non outorgar autorización ao plan de labores 2011 na zona de Fianteira II , conseguindo deste xeito salvar a dita lagoa da destrución.
Por todo isto, o CES solicitou á consellería de medio ambiente:
-Que se nos entregue copia da avaliación dos efectos ambientais e do plan de restauración mineira da empresa, así como a devandita avaliación de impacto ambiental adaptada á normativa vixente, en caso de existir.
-Que se nos entregue copia do Plan de Labores 2019 coa fin de coñecer cales son as actuacións autorizadas por parte desta consellería e con que fins.
-Que se nos explique cales son as actuacións previstas no futuro pola empresa en tódalas lagoas xeradas pola súa actividade incluídas dentro do espazo protexido e cal é a postura desta Consellería de Medio Ambiente ao respecto.
-Que se nos informe de que medidas tomou esta consellería con respecto ao vertido de materiais e ancheamento da mencionada pista ilegal sobre a marisma.
Recordámoslle á consellería que a Ley 27/2006, de 18 de julio, por la que se regulan los derechos de acceso a la información, de participación pública y de acceso a la justicia en materia de medio ambiente, lexitima ao noso colectivo como persoas interesadas (Artigo 2), especifica que a información que solicitamos é de tipo ambiental (Artigo 2, punto 3 ap. c)), e danos dereito a acceder a dita información no tempo e forma especificados no Artigo 3.
Deixar unha resposta