Publicado por: garza18 | 14/07/2018

O CES APELA AO SENTIDO COMÚN NA ELABORACIÓN DA SENDA DO RÍO FABAÍÑOS

Fotografía dunha das rutas organizadas polo CES para dar a coñecer os valores naturais do río Fabaíños. Emilio Martínez Sabarís guiounos en dúas ocasións, no 2015 e no 2017.

O CES considera un erro crear un paseo fluvial ao carón do río podendo recuperar o trazado dos camiños antigos preexistentes, que atesouran o coñecemento da dinámica fluvial que tiñan os antigos poboadores do lugar, previndo así danos por avenidas do rio.

 
Ante os anuncios do concello de Sanxenxo de que se está a elaborar os proxectos de sendas fluviais polos ríos Fabaíños e Dorrón, dende o CES queremos recomendarlles que aprendan dos erros cometidos en outras sendas fluviais. Sen saír do concello, unha das sendas nas que máis aberracións se cometeron, foi a do rego do Souto, en Noalla, executada pola Comunidade de Montes, e cuxa legalidade ambiental sempre estivo en entredito.

Se o que realmente pretende o concello, tal e como anuncia en prensa e redes sociais, é crear unha senda de ecoturismo e poñer en valor o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, deberían seguir unha serie de recomendacións como as seguintes:

Non desviar en ningún momento o trazado natural do río nin alterar o cauce con construcións nin muros, respectando sempre o bosque de ribeira. Débense aproveitar antigos camiños xa existentes, en lugar de trazar a senda en todo momento pegada á beira do río. Esto sería máis coherente co propósito de poñer en valor a paisaxe rural tradicional, e dende logo moito máis respectuoso coa flora e fauna. Ademáis evitaría movementos de terra co que iso conleva: paso de maquinaria pesada, vertido de terra no río, erosión das marxes…

Naqueles tramos en que o sendeiro discorra pola beira, deberíase deixar unha distancia de alomenos 5m do cauce para non interferir no bosque de ribeira. Poden trazarse acercamentos puntuais para observar o leito do río de cerca, pero sería un erro trazar todo o percorrido a menos de 1m de distancia, como é habitual nas sendas fluviais da comarca, pois isto aumenta a erosión das beiras do río e impacta sobre o bosque de ribeira, cuia rexeneración é imposible se o fragmentamos de forma continua.

Os desbroces deben limitarse unicamente ao seu trazado, nunca desbrozar a vexetación herbácea da beira do río, como ven sendo habitual en diversas “limpezas” que se observan nos nosos ríos e regatos. Na maioría dos casos se trata de especies que medran únicamente neste hábitat, polo que o seu rozado supón unha destrución de biodiversidade, alimento e hábitat para a fauna, así como un aumento do risco de erosión.

No caso de instalarse farois, nunca deberían deixarse acesos toda a noite, pois alteran os biorritmos da flora e fauna, ademáis de ser unha perda enerxética incoherente cunha senda que pretende ser un exemplo de ecoturismo.

Con respecto ao río Fabaíños e o seu entorno, o CES suscribiu conxuntamente con outros grupos ecoloxistas un inventario da flora e fauna do lugar que foi entregado ás distintas administracións hai uns meses, incluído o propio concello. Este informe revela que no lugar existe unha gran biodiversidade, que podería verse seriamente ameazada no caso de que non se teñan en conta as recomendacións aportadas. Por exemplo, existen 31 especies de odonatos (libeliñas e cabaliños do demo), para os que os expertos recomendan crear espazos protexidos a partir das 20 especies. Tamén alberga 40 especies de arácnidos, algúns dos cales teñen a súa única cita galega no Fabaíños. Tamén se detectaron 83 especies de aves, a maioría delas catalogadas no convenio de Berna, así como 20 especies de hérpetos, das cales 3 están no catálogo galego de especies ameazadas, xunto con outra especie de morcego. Ademáis contén 11 especies de árbores autóctonas que forman no lugar bosques de ribeira, hábitat prioritario a protexer pola UE. Entre as especies herbáceas hai varios tipos de fentos xa desaparecidos de moitos ríos, así como varias especies de orquídeas silvestres.

Por último, queremos recordarlle ao concello que o fin último do ecoturismo é poñer en valor a biodiversidade e conservala, pero nunca destruíla nin promover desenvolvementos urbanísticos nos arredores, tal como pode interpretarse nas declaracións en prensa do concello, que afirmaban que un dos obxectivos desta senda é “una revalorización de sus terrenos”. E máis se temos en conta que parte do río Fabaíños e os seus arredores foron recalificados no seu día como terreo urbanizable e incluídos dentro do polémico SU-14.

Por desgracia, vemos que no caso da senda de Dorrón, xa se anuncia na web do concello que haberá construción de muros, movementos de terras e desbroces. Para poder valorar se os mesmos son excesivos ou innecesarios e propoñer alternativas, O CES acaba de pedir por escrito a documentación de ambos proxectos ao concello, en base á Lei de acceso á información de carácter ambiental. Agardamos que esta vez si nos contesten por escrito e nos remitan a información solicitada.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: