Publicado por: garza18 | 19/11/2017

O CES denuncia a ubicación dun cross nunhas dunas que o concello de Sanxenxo se comprometeu a rexenerar.

O CES denunciará ante Costas a ocupación e pisoteo do espazo dunar de Baltar promovida polo concello de Sanxenxo.
Durante este verán dende a concellería de medio ambiente nos aseguraron que o alcalde quere rexenerar as dunas de Baltar, e invitáronnos a levar xuntos a proposta ante Costas. Pero tras unha primeira reunión en agosto, non se está a levar a cabo ningunha tramitación acordada ao respecto e as accións do concello camiñan en sentido oposto, pois é contraditorio querer rexenerar este espazo e ao mesmo tempo promover nel este tipo de actividades que aumentan a súa degradación.

O circuito de cross (carreira campo a través), transcorreu nas dunas de Baltar, exactamente polos mesmos lugares nos que a semana pasada denunciabamos o paso de maquinaria pesada e uns desbroces sen precedentes por parte do concello. O circuito foi proposto polo concello dentro dun programa da Xunta de Galicia para o fomento do deporte no ámbito escolar (Xogade), e nel participaban cerca de 1000 escolares de todo o Salnés.

 

Nestes lugares onde aínda se conservaba flora dunar orixinaria, denunciabamos a semana pasada o paso de maquinaria pesada para substituir os focos do paseo. Previamente xa había rodeiras de tractor, e agora co pisoteo de centos de escolares, a compactación, erosión e pisoteo da sensible vexetación dunar é aínda máis patente.


O paso de centenares de rapaces pisoteando as plantas dunares e compactando e erosionando o terreo, era un impacto ambiental totalmente innecesario e evitable. Ademáis do evidente pisoteo das zonas do circuito, outras zonas dunares fóra do circuito apareceron pisoteadas e cheas de lixo, debido á necesidade de quentamento, que cada centro educativo improvisou onde puido. O CES emitirá un escrito ao Servizo de Costas preguntando se dita actividade estaba autorizada.

Exemplar pisoteado de Linaria polygalifolia subsp. polygalifolia, ou paxariños da praia. Ao longo das beiras das pasarelas sobreviven numerosos exemplares deste endemismo que só se pode atopar nas dunas do NO ibérico. Pero estas zonas son desbrozadas ano tras ano e agora é evidente que centos de alumnos correron por aquí, deixando ademáis un rastro de lixo tras deles.


Ademáis de ambientalmente insostible, consideramos pouco educativo un cross escolar onde a mensaxe que se lle transmite aos alumnos é que poden pisotear un espazo natural, que por moi degradado que estea nalgunhas zonas, contén escasas especies endémicas e hábitats protexidos. Os valores de coidado e respecto da natureza que se lle transmiten nos centros educativos están sendo burlados con este tipo de actividades.
O concello está dando un triste mal exemplo aos escolares cando diante do mesmo circuito existe un cartel dos que o actual alcalde mandou colocar no seu día que reza o seguinte: “Respeta las dunas. Camina por los senderos habilitados. Cumple la normativa local. Las dunas son un ecosistema vivo”.

 

Cartel colocado polo propio concello instando aos viandantes a que respecten as dunas e camiñen polos sendeiros, non campo a través. Detrás vese unha nova zona desbrozada a eito con tractor este verán, no que en principio ía ser  unha eliminación de canas e silvas. Por este lugar transcorreu tamén o circuito de cross.

Varios docentes nos manifestaron a nós, e tamén aos organizadores do evento, o seu malestar pola ubicación deste cross nun espazo dunar. Cando existen numerosos lugares no concello onde poder levar a cabo esta actividade, non se entende por que precisamente se ten que ubicar neste lugar, onde a biodiversidade debería ser protexida e rexenerada e non pisoteada.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: