A construcción dunha ruta próxima ás beiras do Ulla e o seu uso para turismo activo é oposta á xeración dunha conciencia respectuosa co medio ambiente. Tanto o deseño da ruta, que tería que estar afastada das beiras, como as actividades que se promocionen, non deben degradar inda máis o río.
Foto: http://www.sendereando.es
Ante as declaracións aos medios feitas esta semán dende a área de turismo do Concello de Vilagarcía do inicio de tramitación da apertura dunha ruta supraminicipal polo río Ulla, para intentar captar turismo activo na natureza, o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) teme que afecte ao medio ambiente dun río xa moi alterado.
Esta semana reuníronse responsables das administracións locais de vinte Concellos bañados polo Ulla pertencente ás provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, para traballar no deseño dunha gran ruta de sendeirismo pola beira do río dende o nacemento ata a desembocadura. Acordaron fixar unha ruta turística que sirva como “buque insignia” de promoción da zona.
Nas súas declaracións á prensa manifestaron que á hora de deseñala ruta fluvial os concellos se comprometen a “definir un percorrido o máis próximo posible ao río”.
Esta proximidade en sí é o que supón o verdadeiro impacto desta actuación. A natureza do río depende da saúde das súas augas e das súas beiras. Se estas beiras non están protexidas polo bosque de ribeira, a vida nos ríos se altera e perden a súa riqueza ambiental. Estes bosques son longos pero estreitos, polo que calquera actuación que se faga nas proximidades do río vai alteralo. Ä marxe do impacto ambiental, unha pista na beira dun río onde se tala e desbroza a vexetación para o paso da xente, as marxes van estar sen protección ante a erosión e crecidas do río, pondo en perigo a durabilidade da propia obra aumentando os custes publicos de sucesivas reparacións. Na zona baixa do rio xa está o bosque moi minguado polo que o itinerario da ruta debería salvaguardar estes escasos espazos verdes.
Na conca do río Ulla refúxianse lontras, melros acuáticos e o rato almizclero. Este último ten a súa distribución mundial no norte da península ibérica e está catalogado como especie Vulnerable nos catálogos de Especies ameazadas galega e estatal. Refúxianse na vexetación autóctona de ribeira e aliméntanse nas augas do río. A conca do río Ulla alberga unha das poboacións máis importantes deste pequeno mamífero. Calquera actuación que se faga neste río non pode facerse “con premura,” como así solicitaron os Alcaldes ás entidades ambientais pertinentes.
O CES entende que o minifundismo e o prezo dos terreos dificultan o proceso de apropiación de terreos para obras públicas, pero este feito non debe ser a escusa para ocupar o dominio público das beiras e alterar tramos que se deben manter ou favorecer a súa conservación.
Segundo o expresado na prensa polos responsables municipais, a ruta ten como obxectivo dar resposta á crecente demanda de ecoturismo, impulsar a zona do baixo Ulla como atractivo e, ao mesmo tempo, xerar un sentimento de respecto ao medio ambiente e ao rural. Tamén confían que incentive a creación de servicios tipo ciclismo de montaña, kayac, rafting, kitsurf, etc.
Parece grave que os responsables de turismo dos concellos alí reunidos confundan os termos de “ecoturismo” co de turismo activo . O turismo activo na natureza non ten por que ser ecolóxico, e de feito na maior parte das veces ocasiona problemas ambientais. O ecoturista, ademais de gozar da natureza quere que a súa presenza non dane o medio e sempre busca actividades de protección e restauración do medio. Unha senda polo borde mesmo do río non é o que busca un ecoturista. O CES considera que si verdaderamente o que perseguen con dita obra é a sensibilización ambiental da cidadanía, terían que comezar por un bo deseño do itinerario, que só se achegue ao río en certos puntos non sensibles ambientalmente (zonas onde o paso da xente non afecte á flora e fauna cun interese na conservación).
O CES considera que para unha maior promoción do rural destes concellos o trazado debería recuperar aqueles camiños empregados antigamente , que a sabedoría popular alonxaba das beiras dos ríos por razóns de mantemento e encharcamento, promocionando así o patrimonio cultural (material e inmaterial) que teñen a comarcas que baña o Ulla e cree posibles saídas laborais á poboación local (casas rurais, hostalería, artesanía, guías locais de patrimonio natural e cultural, granxas escola, museos etnográficos e de natureza…). As actividades de turismo activo teñen que ser practicadas dun xeito respectuoso, que non provoquen cambios no medio nin molestias á fauna e flora. Así, nunca se debería dar autorización para a práctica de kayac ou kitsurf en zonas de descanso e alimentación de aves migradoras acuáticas protexidas como é por exemplo a zona da desembocadura do Ulla e as inmediacións de Cortegada.
O río Ulla xa está moi afectado ao longo do seu trazado pola contaminación de augas urbanas, de metais pesados que acidifican o río, pola desaparición de bosques e artificialización das súas beiras, pola presenza de máis de 50 presas e azudes, pola expansión de especies alóctonas, etc. Se a todo isto se lle suma a apertura dunha pista polas súas beiras, pontes e máis artificios non pode máis que supor outra afectación negativa ao ecosistema fluvial. O CES considera que as actividades turísticas e económicas na conca do Ulla débense promocionar pero a administracións competentes deberían velar pola restauración ambiental do río que da de beber a máis de 20 concellos e apostar por actividades sostibles e pensadas con calma.
Deixar unha resposta