O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) considera beneficioso para a flora dunar a corta de piñeiros que o Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a facer na parte norte das dunas da Lanzada, en O Grove.
O istmo da Lanzada está tapizado por montículos de area que o vento foi modelando e sobre as cales as exclusivas plantas adaptadas a vivir sobre este árido solo foron colonizando e asentando.
A paisaxe botánica dunar está protexida pola Unión Europea a través da súa lexislación de protección de certos hábitats naturais de interese ambiental, entre os que se atopa as dunas móviles (as más próximas ás praias) e as dunas fixas (máis lonxe da costa). Isto derivou en que a Xunta incluíra a Lanzada e as súas dunas dentro dos límites do espazo protexido Umia – O Grove, declarado Zona de Especial Conservación, dentro da Rede Natura 2000 da Unión Europea (*).
Nos últimos anos o piñeiro cubriu case completamente a ladeira que mira Lanzada do monte de Siradella, debido inicialmente a repoboacións forestais feitas na zona. Agora está a traspasar a estrada cara ao interior do istmo pola dispersión e xerminación dos piñóns desta repoboación forestal. Se non se limita a expansión do piñeiro no istmo, este converterase nun piñeiral, perdendo a súa singularidade ecolóxica dunar, debido non a unha sucesión natural, senón á alteración antrópica do lugar e do entorno.

Foto: Diario de Arousa
Así, co caso da corta dos piñeiros, semella que a Xunta está cumprindo o seu compromiso coa Unión Europea de salvagardar estes hábitats e dar un pequeno paso ao fronte na conservación da flora dunar. Ademais a corta e retirada da madeira estase a facer sen empregar maquinaria pesada, o que provocaría un gran impacto .
Ao noso xuízo, este paso non se pode considerar nin moi longo nin moi seguro, xa que a modo de balance, os ataques que as dunas de todo o espazo protexido están a sufrir son moito máis arroiadores. Para freala precisarían dunha marcha máis rápida por parte da Xunta. Como exemplo de ataques ao espazo protexido temos as probas deportivas que cruzan zonas dunares, autorizadas pola propia Xunta, e que xeran impactos ao pisar a duna (habendo outras alternativas de paso); malas prácticas de limpeza das praias que precisan do paso de maquinaria pesada que compacta e aprasta a duna e a súa flora, tamén autorizadas pola Xunta; instalacións de bares de praia, casetas deportivas, carteis, duchas, baños e outras infraestruturas directamente sobre a duna (tamén autorizadas pola Xunta); o paso de bicicletas ou cans sobre as dunas, sen persoal de información e escaseza de vixilancia suficiente que corrixa ditas malas prácticas dos usuarios; presenza de especies alóctonas que ameazan moi seriamente a flora dunar como a coñecida Herba da Pampa cuxas sementes dispérsanse sen control; e no caso concreto das dunas da Lanzada, a ambigüidade e o silencio da Xunta ante casos tan aberrantes como o proxecto dun campo de golf que periodicamente proxecta sobre a duna unha sombra ameazante.
Así, para o CES, a corta dos piñeiros (e outras árbores) aínda que positivo, dista moito dunha política sincera e eficaz de protección dos hábitats dunares no espazo protexido. Pero como toda gran viaxe comeza cun paso, o CES quere animar á Consellería de Medio Ambiente a que prosiga a marcha para adiante nese bo camiño que representa a corta dos piñeiros da Lanzada, sen pasos atrás nin desvíos.
(*)Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres [nova venta] (Directiva hábitats), con obxecto de salvagardar os espazos naturais mais importantes de Europa. Componse de zonas especiais de conservación (ZEC). No seu Anexo I fai unha relación de hábitats prioritarios para a súa conservación entre os que aparecen:
– Dunas móviles de litoral con Ammophila arenaria (dunas blancas); código CORINE 16.212.
– Dunas fijas con vegetación herbácea (dunas grises) Crucianellion maritimae; código CORINE 16.223 Esta expansión do piñeiro está moi relacionado co uso forestal do monte, polo que a (…)
A resposta é longa pero necesaria. Agradezo (por la parte que me toca) os parabéns do CES pola retirada dos piñeiros do hábitat prioritario na Lanzada, pero acto seguido fai un relatorio que considero que pola súa inexactitude ben parece malintencionado.
Referireime unicamente á competencia do técnico do servizo de conservación da natureza de Pontevedra, non á política da Xunta.
En primeiro lugar, este servizo autoriza moitas probas deportivas polo espazo natural en virtude do regulamentado no Plan Director da Rede Natura 2000 pero xamais nin por riba de hábitats dunares nin doutro tipo de hábitats de interese comunitario.
A instalación de bares de praia, casetas deportivas, carteis, duchas, baños e outras infraestruturas directamente sobre a duna están autorizadas maioritariamente polo Servizo provincial de Costas e polos concellos correspondentes. Só en casos moi concretos é tramitada esta autorización polos servizos provincias de conservación da Natureza. O servizo provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra leva anos obrigando a retirada deste tipo de establecementos de enriba dos hábitats dunares. Insuficiente? Pode ser, moito máis lento do que sería aconsellable pero os pasos están dados cara diante con moita presión por parte de concellos, comunidades de montes e particulares;
Respecto do paso de bicicletas ou cans sobre as dunas, sen persoal de información e escaseza de vixilancia suficiente que corrixa ditas malas prácticas dos usuarios, indicar que efectivamente o persoal e os medios sempre son escasos pero sería como acusar á Guardia Civil dos coches que conducen por riba dos límites de velocidade. Sempre hai moitos máis infractores dos que se denuncian; Pero negar o traballo que os servizos de vixilancia están a facer de xeito constante sobre a práctica de levar os cans ceibos á praia é descoñecemento cando non mala intención.
Desde logo a presenza de especies alóctonas e especialmente respecto da Herba da Pampa, consitúe un problema de conservación moi serio que se vai atallando con medios nunca suficientes pola propia dinámica administrativa que impide actuar en tempo real ao estar sometidos os orzamentos a un proceso administrativo lento e engorroso. Haberá que admitir que o problema das especies exóticas (xa universal) non pode ser atallado cos medios e os procedementos actuais e precisan de novos mecanismos de actuación. Este servizo provincial ten traballado nos LICs de Costa da Vela, A Ramallosa, Cabo Udra, Enseada de San Simón e Complexo Ons O Grove na erradicación de varias especies exóticas invasoras entre as que naturalmente se atopa Herba da Pampa. Pero para ser honestos hai que establecer que se trata dun problema ambiental que excede, mesmo fisicamente, as competencias dos servizos de conservación da natureza. Estas especies están presentes en fincas particulares, beirarrúas, estradas, montes, rotondas e xardíns municipais, fora do espazo natural o que supón un foco irrefrenable de sementes como ben se recoñece no escrito do CES. Pero resulta curioso que un mes despois de que este servizo provincial, ante a falta de medios actualmente para erradicar as plantas, realizase un fatigoso traballo de eliminación dos plumeros para evitar, seguramente de xeito parcial, a expansión das sementes, xusto agora que se traballa nunha proposta para eliminar estes pes na temporada que ben, sexa obxecto de crítica por parte do CES.
E por último, non se pode pasar por alto o tema do proxecto do campo de golf na Lanzada, promovido por empresarios e administracións no pasado e coa connivencia, mentres non se demostre o contrario dos propietarios do monte. Se non se levou a cabo, nin se vai levar a cabo, segundo o meu criterio, sen contravenir a lexislación europea sobre medio ambiente, é por a acción dedidida do Servizo provincial de Conservación da Natureza que leva denegado estes anos, mediante resolución motivada (nada ambigua), a construción do mesmo sobre o hábitat dunar en terreos da CMVMC. Habería que preguntar a outras administracións, comunidades de montes e grupos empresariais, cal ten sido o seu posicionamento neste caso concreto.
Saúdos
By: Fernando Rodríguez on 22/11/2016
at 09:11
Queremos pedir disculpas por non ter visto antes este comentario,xa que non temos moito tempo para entrar coa frecuencia que nos gustaría no blog. E ante todo,aclarar que se non o aprobamos antes, foi simplemente porque non manexamos o blog nos dous últimos meses. Saúdos.
By: garza18 on 27/01/2017
at 14:41