Publicado por: garza18 | 16/06/2015

POLA DEFENSA DO ARBORADO URBANO, PULMÓN DA CIDADE

Con motivo da recente controversia arredor da eliminación dunha árbore de avanzada idade na Praza de España en Vilagarcía de Arousa, o Colectivo Ecoloxista do Salnés realiza as seguintes valoracións:

1. O arbolado de vilas e cidades debe ser defendido, polas súas importantes contribucións á calidade de vida e a mellora ambiental do medio urbano. Estes servizos ambientais resúmense en:

– Mellora das condicións climáticas. Dan sombra no verán, reducindo en varios graos a temperatura no verán (3ºC de modo xeral, reducións aínda maiores cando o chan que sombrean as árbores é pavimentado, con grande acumulación e reflectido do calor), ademais de refrescar o ar pola transpiración das follas (que tamén axuda a disipar calor). Se as árbores son caducifolias, coma no caso que nos ocupa, plátanos de sombra, esta mellora compleméntase coa súa bondade invernal, dado que a caída da folla permite o paso do sol nos meses fríos. Tamén é importante o seu papel como pantalla para o vento.

– Aforro de enerxía. Polos efectos sinalados, as vivendas e comercios da contorna benefícianse da protección térmica que brinda o arborado. Ao desaparecer esa protección, aumenta o gasto enerxético en climatización.

– Mellora da calidade aérea. Os seus poros absorben CO2, compostos orgánicos volátiles e gases nocivos (coma o ozono troposférico, irritante pulmonar). Ao mesmo tempo, as follas reteñen partículas en suspensión e metais pesados, ambos moi perigosos para a saúde humana.

– Redución do ruído. Unha boa pantalla vexetal reduce o ruído entre 3 e 5 decibelios (téñase en conta a escala logarítmica: cada 3 db de incremento supón dobrar a intensidade do son), co que isto supón para a calidade de vida, máxime nun dos Estados máis ruidosos do planeta.

– Acollen vida, nomeadamente aves. Ademais das funcións ecolóxicas deste feito, moitas desas aves son insectívoras, axudando a controlar as poboacións de mosquitos, entre outros.

– Melloran a paisaxe e a convivencia. Co paso do tempo, ademais, amósase unha identificación da poboación co propio arborado, acadando un valor histórico, patrimonial e afectivo.

2. No hipotético caso de que algunha árbore estea enferma (extremo por confirmar), deben explorarse todas as posibilidades de tratamento e curación. Consideramos que hai demasiada celeridade no uso da motoserra, tanto aquí coma no conxunto de parques do municipio, e unha taxa de reposición case nula.

3. Reclamamos que se manteña o resto das árbores da praza, ante a posibilidade de que haxa novas “baixas”.

4. Expresamos o noso apoio e solidariedade á veciñanza e entidades que saen ao paso da defensa destas árbores.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: