Publicado por: garza18 | 04/06/2015

REFLEXIÓNS DO CES PARA O DÍA DO MEDIO AMBIENTE: UN DÍA DO MEDIO AMBIENTE POLOS NOSOS RÍOS

O próximo VENRES 5 DE XUÑO celebrarase o día do medio ambiente e o Colectivo Ecoloxista do Salnés quere reflexionar en público sobre o estado dos ríos da comarca.

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

O río sempre foi unha longa e bulideira metáfora. Os que vivimos ó seu carón, e, sobre todo, os que nos pasamos horas mirando o seu fluír inquedo e sosegante, puidemos ollar nel un reflexo da vida. A experiencia vai enchendo a vida coma a auga vai engrandecendo o río. Os anos van temperando a vitalidade coma río abaixo, repousando as augas. As pegadas que deixamos tras de nós van sendo menos incisivas, e máis amplas e suaves, ó final da nosa vida, coma o modelado que no seu final os ríos compoñen sobre a terra. Mesmo algúns esperamos morrer, tal coma os ríos, serenamente.

O Umia, o Ulla, A Chanca, O Con, o Armenteira, o Souto, o Gatiñeira e unha boa ristra máis de canles que hidratan o Salnés, danos de beber, regan o albariño e ás nosas hortas e xardíns, límpannos  e abastecen de auga á industria.

Ríos e regatos que aportan frescura e beleza á nosa paisaxe, e son un bo refuxio de vida natural. Ríos de auga, de londras, libélulas, troitas e martiños peixeiros…pero tamén de muíños, de batáns, de lavadoiros e de moitas historias, contos e lendas.

Salnés, terra de marisco, de bos bivalvos, da ameixa de Carril e do berberecho de Cambados que medran (cada vez menos) nos sedimentos depositados polo Umia e polo Ulla nas súas desembocaduras.

Os ríos no Salnés son sinónimo de riqueza e de beleza, sen dúbida. Pero tamén son sinónimos de mal facer, de contaminación e de impactante feísmo. Estes impactos fan que o traballo de denuncia do CES e tamén da inspección dos nosos ríos requiran cada vez mais esforzo..

Encoro do Umia, grande desastre ambiental e monumento bochornoso ao abuso de poder , onde a auga libre do río semella ser duns poucos. Tapón dos necesarios sedimentos que doutro xeito se depositarían na ría, nutríndoa, e creador de toxinas que envelenan as nosas augas. Non hai verbas.

Verquido do Brrenntag no Umia, sen apenas consecuencias legais.

Talas ao redor dos ríos, bosques mutilados que deixan así de temperar e nutrir as augas. Esponsoxos bosques de ribeira que paso a paso desaparecen convirtíndose as beiras nunha sucesión de duros muros de pedra  e monocultivo de vides.

Paseos fluviais mal deseñados, apegados tanto á auga que se inundan, que cortan a súa vexetación, que molestan á súa fauna e farois que iluminan de máis as augas do río, que precisan da escuridade da noite.

Metais pesados navegan polas súas augas e se depositan nas rías, metais previsiblemente provintes do uso e abuso de pesticidas agrícolas e que arrastran as chuvias. Metais que chegan aos nosos mariscos, cada vez máis escasos e caros.

Obras no seu cauce que provocan arrastres de terras que enturbian a claridade das augas e destrúen a vida.

Entubamento dos ríos e desvío dos seu cauces naturais, que na maior parte dos casos provocan inundacións cuxas consecuencias pagamos todos, e o río tamén.

Verquidos ilegais de lixo, augas grises e entullos crean zonas de negrura nos nosos regatos.

Aínda así os regatos do Salnés séguennos dando de beber, acondicionalmente, soportándonos con paciencia, dándonos avisos cando erramos, agardando que aprendamos e comecemos a facer as cosas dun xeito máis honrado e razoable e paremos así o seu palpable deterioro. Temos os coñecementos para facelo pero non se está a facer. Uns quizais por medo a perder votos (ou por gañalos), outros por inercia das malas prácticas pasadas, pormalas prácticas empresariais, e o peor e todos, por “pasotismo”…

Quizais hoxe, o día do medio ambiente, sexa un bo día para reflexionar. Quizais hoxe sexa tempo de mudar a nosa relación cos ríos… polo noso ben.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: