Consideramos urxente a posta en funcionamento dun plan de compostaxe de materia orgánica para levar a cabo no Salnés.
En abril elaboramos un documento con propostas de xestión ambiental de ámbito municipal e distribuímolo aos partidos políticos que se presentan ás eleccións de maio de 2015 nos concellos do Salnés.
Dentro deste documento, e a modo de medida urxente, propoñemos un cambio no modelo de xestión de residuos domésticos no Salnés. O actual, baseado principalmente na queima da maior parte dos residuos producidos no Salnés na planta de SOGAMA é un modelo contaminante e despilfarrador de materias primas. Polo contrario, o modelo das 3R (Reducción, Reutilización e Reciclaxe) recomendado pola Unión Europea e bandeira das politicas sostibles, é un modelo que aposta primeiramente por reducir o tamaño do lixo producido (minimizar os productos de usar e tirar…), reutilizar na medida do posible (botellas retornables…) e reciclar a materia prima dos residuos para evitar o despilfarro destes (petróleo, silicio, pasta de papel..) así como de auga e enerxía precisos para elaboralos.
Propoñemos un cambio de modelo baseado na elaboración de campañas de compostaxe doméstica e comunitaria, especialmente en zonas rurais e a posta en marcha dunha planta comarcal para a compostaxe da fracción orgánica, baseándose no modelo da Planta do Barbanza. Isto complementaría a recollida selectiva das outras fraccións: papel, cristal, plásticos e latas, xa implantado nos concellos, con maior ou menor éxito.
Calquera modelo de xestión de residuos debe poñer o aceno na fracción de materia orgánica xerada nos fogares (restos de comida, xardinería,…) xa que se trata da fracción de maior peso que xeramos. A compostaxe, permite darlle unha nova vida a estes residuos, elaborando un abono que se pode empregar, sen problemas, nas nosas terras. Durante o proceso de elaboración do compost, as temperaturas acadadas durante a fermentación con osíxeno é garantía suficiente para a desaparición de patóxenos e tamén dos malos olores.
O actual modelo opta pola queima desta fracción (xunto con outras), que ademais de pouco eficiente debido ao alto grao de humidade que contén, non aproveita os nutrintes que posúe.
En Galicia temos xa experiencias exitosas de este modelo proposto, como o do Barbanza. Tamén na cidade de Pontevedra quérese implantar este modelo, o que representaría un impulso importantísimo na xestión sostible e racional dos residuos na nosa comunidade, polo que consideramos que debe levarse a cabo pese ás críticas mal fundamentadas que está a sufrir por parte de partidos políticos que se denominan progresistas e que semellan movidas por intereses electoralistas. Que dende a capital de provincia se aposte por este modelo sería, sen dúbida, un motor de cambio para as comarcas colindantes como o Salnés.
Fai moitos anos dirixinlle un proxecto o Sr. fraga para elevalo o seu concelleiro, sobre os montes e o seu estudio de catalogación de posibles senbras segun a zona e o seu modelo de gestión e por quen, dando prioridad as empresas comun de produción autoctona e outros, e contestoume que era un tesouro e que o pasaba a o conselleiro.
En fín todo quedou igual, inda o teño na casa.
By: FRANCISCO SILVA PEREZ on 19/06/2016
at 10:03