O 2 de xaneiro saíu publicado no DOG, para exposición pública, o proxecto de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés, dentro deste proceso público de participación, enviou un escrito a dita consellería, con data do 7 de marzo de 2012, no que se solicita a ampliación do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Ons- O Grove. Este espazo forma parte da rede Natura 2000, sendo un dos humedais máis importantes da rede galega.
A aportación do CES foi a de solicitar a consideración de ampliar os límites do citado LIC pola costa suroeste da península do Grove. Esta ampliación suporía a protección do sistema praia-duna dos areais de area da Cruz e Paxareiras.
A nosa solicitude basease en tres aspectos:
– Os ecositemas ligados ás dunas grises (as dunas fixas máis alionxadas da praia), están considerados como hábitats prioritarios dentro da Directiva europea que regula a Rede Natura 2000.
– Nesta zona citouse a presencia dunha especie de fungo (o champiñón da duna, Agaricus freirei) cuxa única cita para a Península Ibérica é unicamente no Grove, tendo en area da Cruz a súa principal poboación. Está incluída na proposta do Listado Vermello de fungos ameazados, elaborado polo grupo Micolóxico galego.
– Conservar estes areais contribuiría á protección da dinámica litoral da zona crucial o bo funcionamento dos movementos e sedimentación de area na Lanzada.
Salnés, 8 marzo de 2012
Marta Lois
Presidenta do CES
Deixar unha resposta