Publicado por: cesalnes | 06/10/2010

O CES califica o plan do litoral de ambiguo e permisivo cos intereses urbanísticos

O CES presentou o xoves 30 de setembro alegacións ao Plan do Litoral, documento elaborado pola Consellería de medioambiente, infraestruturas e Territorio. valorando moi negativamente as dificultades técnicas e temporais que a Xunta puxo aos grupos ecoloxistas e á cidadanía en xeral ao non facilitar o POL en formato de fácil lectura e ao non lles conceder unha ampliación do prazo, como si fixo cos concellos.

Para nós trátase dunha normativa moi ambigua, que só establece criterios, principios e normas xerais, chea de excepcións e demasiado flexible coa política urbanística dos concellos, que no Salnés xa fixo grandes estragos. Tampouco establece un réxime sancionador nin mecanismos de control para que os concellos se adapten aos principios do Plan correctamente.

Ademais o CES atopou grandes contradicións entre os principios que dí defender o documento e o que realmente vai implicar a súa aplicación. Por exemplo:

– No concello de Sanxenxo:

Nunha das áreas nas que o POL divide o litoral, a “Área de Ordenación”  segundo di o artigo 37 do POL débese “preservar, na medida do posible, o fondo escénico das paisaxes litorais constituído polas ladeiras expostas ao mar libres de edificación”. Sen embargo dentro desta área, nas faldas do Monte do Faro, a Xunta califica os solos urbanizables SU-13 como compatible e o SU-14 como adaptable. Ambos propoñen 2700 vivendas en total, ocupando unha enorme superficie (5,7% do concello) en ladeiras moi visibles dende o mar, case as únicas que quedan sen edificar. Ademais o artigo 59 dí que os desenvolvementos urbanísticos deberán xustificarse necesarios para a satisfacción das necesidades de crecemento municipal no marco dun desenvolvemento equilibrado e sostible. A poboación de Sanxenxo segundo o INE é de 17.315 habitantes, e non 20.555, como estimaban ditos plans para o ano 2010. Polo tanto ambos plans non se xustifican en base a un crecemento demográfico estancado. Por se fora pouco, estes novos asentamentos aillados van aumentar aínda máis a dispersión das construcións e a fragmentación do territorio, feitos contra os que supostamente loita o POL.

Por outra banda, nesta Área de Ordenación en Sanxenxo quedan 80 SUND (solos urbanizables sen delimitar) que aínda que temporalmente suspendidos, de facerse dita adaptación “tan ben” como as do su-13 e su-14, suporían a urbanización futura de máis de 700 Ha (o 15,7% do concello). Por iso o CES pide á Xunta que faga unha normativa máis restritiva, menos ambigua e cun réxime sancionador.

Outra contradición está na Área de “Mellora Ambiental”, cuxas finalidades son recuperar a calidade ambiental e paisaxística, e mantela como un espazo aberto e natural en continuidade coa costa, minimizando a súa ocupación. Sen embargo, no concello de Sanxenxo a Xunta da luz verde nesta área a 2 desenvolvementos, e 19 terán que adaptarse ao POL. Aínda que ditos solos, que supoñen  o 6% do concello), están suspendidos de momento, no futuro poden chegar a desenvolverse todos eles debido á permisividade da normativa. Por iso a Xunta debería calificalos como incompatibles co Plan do Litoral, por estar na franxa máis cercana e visible dende a costa, rodeados xa por amplas porcentaxes de solo urbano e núcleo rural.

– Con respecto ao concello de Meaño:

O CES alega contra unha disposición transitoria que permite que os PXOM en fase de aprobación inicial (como é o caso), non necesiten adaptarse ao POL na Área de Ordenación. Grazas a isto, dúas grandes bolsas de solo na zona de Dena líbranse de adaptarse ao POL. O CES propón que se amplíe a área de mellora ambiental, que sospeitosamente nesta zona estréitase sen xustificación, deixando fóra estes solos. Trátase dunha zona moi chaira con alto risco de inundación, onde conflúen os ríos da Chanca e Fondón. (O CES xa alegara á aprobación inicial do PXOM por carecer do informe obrigatorio de Augas de Galicia sobre risco de inundacións). A prevención de riscos tamén é, supostamente, un dos criterios xerais do POL.

–  Con respecto ao Concello de Cambados, a principal aportación do CES foi a de facer un cinturón de protección costeira ao redor do Saco do muíño de mareas de Tragove.

–  Con respecto ao Concello do Grove, o principal consideración foi que non se catalogan varias praias de San Vicente, as de Con Negro ata punta Carreiro, e Mexilloeira (dentro do espazo protexido Ons-O Grove) como “naturais”, (categoría máis proteccionista que habilita o POL). Este tramo de costa e as súas praias son un dos escasísimos rincóns da nosa comarca que aínda retén gran parte da  súa paisaxe natural e actualmente ameazado polo proxecto de ampliación dun paseo marítimo de Pedras Negras. Tamén consideramos escasos e sen distribución razoable as áreas de “Corredor”, que ten como fin coexionar áreas naturais, que se restrinxen soamente ás beiras do río (que por outra banda xa estaban protexidas pola lei de augas), e que no caso do Grove non cumpren esta función, pois son corredores totalmente aillados, o cal por definición é unha contradición. Tamén é curioso ver como a área de protección costeira case segue os mesmos límites que os do espazo protexido Ons-O Grove, polo que tampouco supón un avance para a protección da paisaxe, pois zonas contiguas ao espazo, de condicións ambientais e paisaxísticas similares, quedan fora desta área de protección do POL.

Dende o CES vemos que o POL non vai controlar a gran presión urbanística no Salnés, a menos que se modifique moito este documento. Unha vez máis parece que o ben común, a integridade da nosa paisaxe, sucumbe ante os intereses privados co beneplácito e contubernio das administracións.

Podes ver neste mapa como afecta o Plan de Ordenación do Litoral a Sanxenxo e Meaño (PDF)


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: