O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) presentou o asado 21 de abril unha demanda contencioso administrativa no xulgado nº 3 de Pontevedra solicitando a NULIDADE do Acordo do Pleno do Concello de Sanxenxo polo que se procede á Aprobación Definitiva do Plan Parcial do solo urbanizable nº 14 (SU-14) en Monte Faro o 28 de xullo de 2009.
O Plan Parcial do SU-14 aproba a transformación do cumio do Monte Faro e das súas ladeiras forestais en zona urbanizable para 1.302 vivendas unifamiliares e os seus vales se tornarán nun “Parque Natural” cun equipamento educativo-cultural.
O CES presentou as alegacións no 2008 a este Plan Parcial e ao seu Informe de Sostibilidade Ambiental, considerando o Plan moi impreciso nos datos de consumo de solo, da necesidade social de novas vivendas (como xustificaron o proxecto), nos datos de consumo de auga e a súa depuración… Tamén parecíanos moi imprecisos as actuacións para mitigar o impacto paisaxístico da urbanización (non debemos esquecernos de que se trata da cota máis alta do sector oriental do concello), nin na reducción de consumo enerxético, nin propoñía actuacións realistas fronte ao aumento do uso do transporte privado. Ningunha destas alegacións foron admitidas.
Isto, unido a que o Goberno entrante o verán pasado na Xunta modificou ao seu antollo e sen a xustificación suficiente o informe da Memoria Ambiental, que o goberno anterior redactara resultando negativo á urbanización da parcela nos termos que figuraban no Plan Parcial presentado, motivou a actuación do CES ante os xulgados.
Así a nosa demanda baséase principalmente nos seguintes puntos:
– A clasificación do SU14 como solo urbanizable é incorrecta. Nas normas subsidiarias anteriores ao PXOM de Sanxenxo, calificaba esta zona nun 58% solo non urbanizable común, nun 33% solo forestal e nun 9% como solo agrícola. Actualmente recalificouse como solo urbanizable na súa totalidade sen que apareza debidamente xustificado este cambio de uso tan substancial.
– Incúmprese o límite de densidade de vivenda previsto no PXOM para o SU14. No PXOM dí que non se poderá superar as 10 vivendas por hectárea, e xa que a superficie destinada a vivenda é de 344,998 ha., o nº de vivendas que poderán construírse é de 344 vivendas, pouco máis que unha cuarta parte das previstas.
– Unha “corrección de erros” sospeitosa da Memoria Ambiental por parte da nova Xunta que non cumpre nin o máis mínimo das formas ao modificar a Memoria ambiental orixinal negativa, que impedía a aprobación do Plan Parcial, en positivo, cambiando o seu texto sen a debida xustificación, incumprindo así a lei.
– Non asumen os criterios de referencia que a Consellería de Medio Ambiente impuxo no Documento de Referencia e na Memoria Ambiental, xa que:
– A urbanización no se integra na paisaxe. Os promotores da urbanización dan un valor baixo ao impacto sobre a paisaxe da urbanización dos cumios e das ladeiras leste e oriental do onte do faro, algo que simplemente aplicando o sentido común e coñecendo intimamente o lugar, simplemente non se sostén. Así no só se adican a manexar ao seu albedrío os criterios técnicos de afectación á paisaxe, senón tamén xustificalo con frases coma: “el hecho de las zonas residenciales sean visibles desde algunos puntos no tiene que constituir un efecto negativo sobre el paisaje…”. Ante o desmembramento do noso territorio e a rotura da nosa paisaxe aínda aparecen persoas con ganas de máis destrucción sobre os poucos enclaves verdes do Salnés.
– Non se xustifica o consumo do solo. A inxustificada urbanización nesta zona, tan alonxada do núcleo urbano, deixa moi atrás calquera criterio de xestión sostible do territorio: afectación paisaxística, novas vías de comunicación, gasto enerxético, investimentos para a xestión da auga, aumento do transporte privado…
– Insuficiencia no sistema de abastecemento e saneamento das augas. A parcela aínda non dispón de sistema de abastecemento de auga nin rede de sumidoiros. Para suplir semellante falta, e co afán de non paralizar os trámites de aprobación do Plan Parcial, este fai referencia aos Plans Directores de Abastecemento e Saneamento de Sanxenxo, onde se recolle as actuacións nesta parcela ao respecto. Neste Plan Director a zona aparece como zona non prioritaria. Ademais faría falla unha nova depuradora de augas residuais que aínda nin está proxectada, xa que a actual xa está superada en capacidade.
Esta previsión de obras non pode xustificar a urbanización, pois sería comezar a casa polo tellado.
Ao respecto Augas de Galicia solicitou un certificado do Concello onde se afirme que o sistema ten a capacidade suficiente para garantir o servizo de abastecemento de auga potable , así como outro no que se confirme a capacidade do sistema de depuración actual de cara a garantir que as augas residuais poidan ser asumidas pola depuradora actual. Obviamente estes certificados non se expediron e o único que recibiu Augas de Galicia foi unha contestación da empresa xestora do saneamento remitindo ás actuacións futuras do Plan Director, o que supón un recoñecemento indirecto de que as infraestructuras actuais son deficientes.
– Neste plan non se contemplan medidas reais ante o aumento do uso do coche. A zona residencial, para máis de 3000 persoas non ten proxectados nin garderías, nin centros médicos nin educativos, nin outros centros de interese comunitario. Esto suporá un aumento dos desprazamentos ao núcleo.
O CES busca na xustiza que vele polo cumprimento da lei de protección ambiental e paisaxística no que se refire á xestión urbanística e do territorio, xa que o que os nosos gobernantes insisten en que só sexa papel mollado.
Como tí ben dis, ai que facelo correr
http://ondequedavilalonga.blogspot.com/2010/08/lagoa-pode-desaparecer.html
Grazas por facermo saber.
By: Vilagonde on 05/08/2010
at 16:04