Publicado por: cesalnes | 25/05/2009

Denunciamos ante a Administración varias actuacións impactantes nos nosos regatos

Nos dous últimos meses puidemos observar como unha vez máis os nosos regatos están a sufrir actuacións impactantes que erradamente se venden como “actuacións de mellora ambiental”. Concretamente estámonos a referir ao desbroce nas inmediacións do muíño do regato Gatiñeira en O Grove e á adecuación dunha ruta senderista na parte alta do regato Armenteira en Meis.

 Un desbroce sen criterio no regato Gatiñeira:

 Desbroce abusivo na Gatiñeira

Desbroce abusivo na Gatiñeira

 

O CES non se opón a un control da vexetación das beiras dos regatos, en moitos casos desequilibrada debido aos fertilizantes que dende as fincas colindantes provocan un desmesurado crecemento de silvas e outras plantas non propias do ecosistema fluvial. Isto tamén está recollido no punto 1 do 1º artigo da Lei 5/2006, de 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos no que textualmente se di:

“ Declárase prioridade de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, incluíndo a biodiversidade da flora e a fauna dos ríos galegos,…”

Tala de árbores na Gatiñeira

Tala de árbores na Gatiñeira

 

Dito isto, o CES considera que a “limpeza” levada a cabo polo Concello de O Grove e Augas de Galicia neste regato fíxose dun xeito inapropiado, debido a:

A cuadrilla extralimitouse ao cortar árbores propias do bosque de ribeira: salgueiros, ameneiros, loureiros… Que non entorpecían nin o paso dos transeúntes nin o curso do río. Mesmo cando non os cortaron totalmente realizáronlle podas excesivas como se se trataran de árbores dunha plantación madeireira produtivista, deixando un só fuste recto. Isto, ademais de menoscabar dun xeito importante a riqueza florística e faunística da zona, supón unha excesiva humanización dunha contorna eminentemente natural, degradando esteticamente o lugar. Ao criterio do CES, un regato ao seu paso por un contorno rural non pode ser tratado con criterios de xardinería urbana, senón que habería que compaxinar o desfrute coa conservación do lugar, cunha intervención humana mínima e ben disimulada.

Restos acumulados de ameneiros da Gatiñeira

Restos acumulados de ameneiros da Gatiñeira

O corte esaxerado da vexetación dos bosques de ribeira causa principalmente dous impactos ambientais:

Perda de refuxio e alimentos para a fauna asociada.

A perda da cuberta vexetal, que frea a forza das augas, aumenta tanto as consecuencias das riadas coma do arrastre do solo das beiras pola erosión da chuvia.

Así, un desbroce sen criterios ambientais pode acentuar o problema das riadas, paradoxalmente o argumento de Augas de Galicia para efectuar este e outros desbroces nos ríos.

No caso do desbroce no regato Gatiñeira, chegaron mesmo a cortar grandes árbores nas fincas privadas colindantes co regato, sen previo aviso nin permiso dos propietarios. Chegáronse a cortar árbores froiteiras e un castiñeiro centenario. Isto derivou, incluso, en denuncias por parte dos veciños afectados ante a Garda Civil.

Non cabe dúbida que detrás destes desbroces, que semellan mais o paso de Atila que un control profesional da vexetación, está o descoñecemento total do papel da vexetación de ribeira na dinámica do ecosistema fluvial. Así, o CES presentará un escrito de denuncia administrativa a Augas de Galicia ante esta actuación, solicitando que revise as metodoloxías que se están a levar a cabo polas cuadrillas contratadas á empresa TRAGSA nestes contornos fluviais, e que se faga unha formación conveniente aos operarios nos valores ambientais dos ecosistemas fluviais no seu conxunto (caule, canle, vexetación acuícola, bosque de ribeira, fauna…).

Destrución da beira natural do nacemento do Río Armenteira

Desbroce abusivo no Armenteira

Desbroce abusivo no Armenteira

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Meis veñen de inaugurar, nas inmediacións do Mosteiro da Armenteira, un paseo fluvial, na beira dereita da parte alta do regato, pasando por varios muíños.

O paseo, no seu tramo inicial, consiste nun camiño de 5 m de ancho dun substrato de xabre e grava, amoblado con bancos, farolas, valados e papeleiras, ademais dun mapa de inicio do paseo. Este camiño de xabre elévase sobre o terreo sobrepasando o medio metro de altura e linda directamente no leito do río. O xeito no que se realizou esta actuación provoca:

Unha desnaturalización excesiva da contorna, impactando na paisaxe.

Afectación grave e destrución (nalgúns casos) da vexetación do bosque de ribeira do regato: corte total da vexetación herbácea e arbustiva, tala dalgunhas árbores de ribeira, e nos primeiros 300 m do paseo a vexetación directamente foi aterrada por unha grosa capa de xabre da pista do paseo.

Debido á erosión e desprendementos da pista de xabre, o caule do río está a sufrir achegas de grava que modifica claramente o ambiente e condicións físicas do regato, con risco claro de crear diques e obstáculos no curso do río, que poden chegar a causar desbordamento e inundacións no entorno.

A pista do paseo, ao elevarse medio metro sobre o nivel natural do terreo, crea unha barreira para a escorrentía natural das augas ao regato. Isto xa se pode observar nas pozas que se están a crear nalgunhas das fincas colindantes, pois as augas chocan coa pista e non chegan ao regato, sen que poidan remedialo as canles habilitadas ao efecto. Isto provoca unha clara alteración na dinámica hidrolóxica local, nunha actuación incoherente coas medidas de planificación hidrolóxica que impón a lei anteriormente citada de protección dos ríos galegos, no seu artigo 2 no que se promoven “Medidas de restauración de humedais e de zonas de inundación dos ríos, e de restauración hidrolóxico-forestal das concas”.

Esta alteración do leito e dinámica das augas na Armenteira son os argumentos básicos dun escrito que presentará o CES ante o Concello de Meis e a Deputación de Pontevedra, para que realicen as medidas correctoras pertinentes nesta actuación tan desafortunada.

Encharcamento polo paseo da Armenteira

Encharcamento polo paseo da Armenteira

Talude do paseo no Río Armenteira

Talude do paseo no Río Armenteira

Para o CES o acceso ao público dos elementos etnográficos ligados aos ríos, coma os muíños presentes en ambos regatos, pode e debe ser compatible coa conservación do propio río, e non ser construídos de espaldas ao propio río.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: