Publicado por: cesalnes | 29/05/2008

O Colectivo Ecoloxista do Salnés propón melloras ao Plan do Revel (Vilalonga, Sanxenxo)

O Colectivo Ecoloxista do Salnés ven de entregar no Concello as alegacións correspondentes ao Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA) relativo ao Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións de O Revel, en Vilalonga. Este Plan contempla a construción de equipamentos públicos (gardería, centro para maiores, campo de fútbol, etc), sendo promovido polo Concello de Sanxenxo.

O fundamento dos ISA é minimizar o impacto sobre o medio, avaliando diversas posibilidades.

Sen cuestionar a necesidade de ditas infraestruturas, criticamos duramente os seguintes aspectos relacionados coas obras:

1)     Que o concello retrasase durante un ano a redacción e exposición pública do I.S.A. Así, a obra xa está hoxe a medio facer sen ter en conta os criterios de protección ambiental, incumprindo a lexislación europea. A escusa plantexada polo concello, a suposta urxencia destas dotacións, parécenos insultante, xa que fronte ao centro de saúde e unha gardería proxectados na zona, déuselle prioridade a un campo de fútbol, xa construído (e inaugurado na pasada campaña electoral).

2)     Que o ISA carece de rigor técnico, xa que non segue a estrutura establecida pola Consellería de Medio Ambiente nin se elaboraron correctamente tódolos apartados indicados nel. Isto denota desinterese dos promotores en buscar unha repercusión menos negativa sobre o medio.

3)     Ao describir os efectos sobre o ambiente e buscar medidas correctoras, non se tiveron en conta criterios básicos como:

Respectar o cauce do regato do Revel e o seu bosque de ribeira. Preténdese canalizar o regato nas tres cuartas partes do seu percorrido polo polígono. Isto produce perda de biodiversidade, destrución da paisaxe e aumenta o risco de inundacións, aspectos todos eles que se ignoran no informe presentado polo concello, que mesmo chega a afirmar que “no hay espacios naturales de calidad en el ámbito ordenado”.

Non fomenta o uso de medios de transporte menos contaminantes. O Plan contempla, ao noso parecer, un exceso de estradas e aparcadoiros que promove o uso do vehículo privado, tratándose dunha zona pequena que rapidamente se percorre andando. É contraditorio que no informe se xustifique a non construción de carril bici debido á pequena dimensión da zona e ao tempo se proxecte a construción de catro estradas de dous carrís.

Por todos estes motivos consideramos que para que o ISA cumpra a súa finalidade e non se quede en papel mollado débense incluír as seguintes modificacións do proxecto:

1- Non executar a canalización do regato nin a destrución do bosque de ribeira asociado.

2- Non construír unha vía para vehículos particulares tan extenso nin con tantos aparcamentos. Consideramos que co vial central, xa construído, e co que da acceso directo á gardería sería suficiente. O CES propón que os outros dous viales plantexados sexan substituídos por un paseo peonil paralelo ao regato, cun posible carril bici.

Con estas medidas a zona proporcionaría unha maior calidade de vida aos cidadáns sen comprometer o acceso en coche a ningún dos equipamentos.

Así mesmo, o CES solicitou á Consellería de Medio Ambiente que tome tódalas medidas necesarias para que esta situación non se volva a repetir e as administracións locais non burlen o cumprimento da lexislación ambiental europea.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: