Publicado por: cesalnes | 17/07/2007

Manifesto: Alto á barbarie do tiro ao pombiño

MANIFESTO

ALTO Á BARBARIE DO TIRO AO POMBIÑO
Sábado 14 de xullo de 2007, O Grove

Bos días, amigos e amigas, e grazas por apoiar este acto de protesta. En especial, agradecemos a colaboración das seguintes entidades que apoiaron a campaña: Federación Ecoloxista Galega, ADEGA, AMIGOS DA TERRA,APDR, COTO DO FRADE, MATARPORMATAR NON, LUITA VERDE, RIDIMOAS, SGEA, SGHN-Pontevedra, VERDEGAIA, VAIPOLORÍO, APADAN, Asoc protectora ABEIRO, Asoc. COMETA, Asoc. GATOCÁN, Asoc. OS PALLEIROS, Asoc.Protectora de Cans e Gatos de OURENSE, Asoc. Protectora de Animais VERDUXO, Asoc. protectora de animais SEN FRONTEIRAS, Unión de Protectoras de Animais Federadas de Galicia e as Asoc. protectoras de animais de: BAIONA, BARBANZA, CAMBADOS, LUGO, MARÍN E VIGO.

A moi poucos metros de aquí estase a celebrar un campionato de tiro “al vuelo”, eufemismo baixo o que se agocha mutilar e masacrar a tiros a milleiros de crías de aves indefensas para satisfacción duns mal chamados “deportistas”. Estas aves percorreron centos de quilómetros por estrada, e logo de sérenlle recortadas as plumas da cola para que non podan dirixir o seu voo, sóltanse xusto diante do tirador. E a isto chámanlle deporte?

Esta práctica cruel e aberrante supón, ademais, a contaminación durante décadas da nosa ría con quilos e quilos de perdigóns de chumbo, que envelena aos nosos mariscos e aves nun espazo natural de incalculable valor, protexido internacionalmente. Para isto, sáltanse constantemente a lei mediante artificios, contando coa complicidade dunha administración covarde en materia ambiental.

Argumentan os organizadores que o campionato é bo para o turismo, que deixa cartos na vila e que lle dá renome á Toxa. Vese que non valoran á comarca na súa medida, que non aprezan a súa beleza e valores. Acaso non ten recursos A Toxa para atraer a un turismo máis san? E se fose así, que levan feito ata o de agora xestores privados e públicos por buscar novas vías de atracción a unha comarca chea de posibilidades sen explotar? Que non se escuden no movemento de cartos: o furtivismo, o tráfico de armas, de drogas e de especies protexidas tamén moven enormes cantidades de cartos, mais non deixan de ser inmorais, e ilegais na maior parte dos países civilizados.
Os organizadores, e certos sectores locais, rozan o ridículo cando falan de que este campionato axuda a “desestacionalizar” o turismo… En pleno mes de xullo? Se xullo é temporada baixa… cando é alta?

Reclamamos que este ano sexa a última vez que se celebre este vergoñento certame. Por cruel, por indigno, por ilegal, por inmoral, por contaminante, por denigrar a imaxe da comarca e por afectar ás aves migratorias. Existen alternativas aos perdigóns de chumbo, e en lugar de pombiños mutilados pódense empregar pratos ou hélices.
Pedímoslle á Consellería de Medio Ambiente que non volva dar unha soa autorización máis para campionatos de tiro ao pombiño, e que deixe de escudarse nunha lei de protección dos animais que a todas luces xa está anticuada. Na man da administración está cambiala e mellorala. Por que se tarda tanto? E que nos escoiten entre o ruído dos tiros: alto á barbarie do tiro ao pombiño, Xa!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: