Publicado por: cesalnes | 30, f, 2009

O Bugallo xa está no blog

O Bugallo nº38
A revista do Colectivo Ecoloxista do Salnés O Bugallo xa está colgada neste blog.
Na páxina correspondente que podedes ver aquí ou seleccionado na lapela O Bugallo do menú superior, están a vosa disposición os tres últimos números da nosa revista. Co tempo iremos poñendo máis números.

Publicado por: cesalnes | 27, f, 2009

Inspección de primavera no Proxecto Ríos

Os ausentes: Efemerópteras e Planarias
Ausencia de EfemerópterasAusencia de Planarias
Fixemos a inspección de primavera o domingo de 10 de maio, unhas 10 persoas.
A ausencia de certos invertebrados bioindicadores de nivel 1 (estado bo da auga), (ausencia de Planarias e ausencia de Efemerópteras), que ata o de agora sempre apareceran, preocúpanos. Non sabemos se foi un erro de mostreo ou é que a calidade da auga baixou. Tentaremos determinalo a semán que van cando nos reunamos para analizar os datos.
Salientamos a preocupante presenza das plantas acuáticas invasoras Elodea densa e Azolla filiculoides.
Tamén reiteramos o deterioro do bosque de ribeira.
A planta invasora Elodea densa

A Consellería de Medio Ambiente acaba de emitir a Memoria Ambiental dos Plans Parciais dos SU-13 e SU-14, no Monte Faro, en Noalla. Dita memoria  valora o I.S.A. (Informe de Sostibilidade Ambiental) que o concello elaborou para ambos proxectos. Medio Ambiente detecta numerosos fallos relativos aos efectos das urbanizacións sobre o consumo de solo, paisaxe, mobilidade sostible, ciclo hídrico e consumo enerxético, que son infravalorados ou ignorados polo concello.

 Os proxectos consisten na transformación dunhas 255 Ha de terreos de uso forestal e agrario (previamente reclasificados a solo urbanizable no PXOM) en urbanizacións (2.700 vivendas de segunda residencia), incluíndo unha delas un campo de golf. O Colectivo Ecoloxista recorda que presentou alegacións a ditos ISA en maio de 2008.  “Agora vemos con satisfacción que o informe da consellería detecta a maioría dos fallos detectados por nós en ditos I.S.A”.

 Neste senso, tamén a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informes desfavorables, dicindo que o número de vivendas debe ser moito menor por contradicir a Lei do Solo. O concello, lonxe de asumir ditos informes, cuestiónaos xurídicamente e non acata os seus dictámenes.

 Medio Ambiente insta ao concello a corrixir todas as deficiencias antes de elaborar os plans definitivos. Dende o CES dubidamos que o concello corrixa estas deficiencias, pois dende o pincipio tentou esquivar o requisito do I.S.A. establecido pola lei 9/2006, e na elaboración dos  informes infravalorou o gran impacto ambiental e paisaxístico de ditas urbanizacións,  demostrando un interese nulo por facer cumprir a normativa da Avaliación Ambiental Estratéxica.

 “Reiteramos de novo a necesidade da revisión do PXOM de Sanxenxo, por non axustarse á Lei do Solo e producir un consumo irreversible e innecesario de solo, así como a destrucción dos valores paisaxísticos do concello, hipotecando o futuro de todos para favorecer a uns poucos.”

Nos dous últimos meses puidemos observar como unha vez máis os nosos regatos están a sufrir actuacións impactantes que erradamente se venden como “actuacións de mellora ambiental”. Concretamente estámonos a referir ao desbroce nas inmediacións do muíño do regato Gatiñeira en O Grove e á adecuación dunha ruta senderista na parte alta do regato Armenteira en Meis.

 Un desbroce sen criterio no regato Gatiñeira:

 Desbroce abusivo na Gatiñeira

Desbroce abusivo na Gatiñeira

 

O CES non se opón a un control da vexetación das beiras dos regatos, en moitos casos desequilibrada debido aos fertilizantes que dende as fincas colindantes provocan un desmesurado crecemento de silvas e outras plantas non propias do ecosistema fluvial. Isto tamén está recollido no punto 1 do 1º artigo da Lei 5/2006, de 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos no que textualmente se di:

“ Declárase prioridade de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, incluíndo a biodiversidade da flora e a fauna dos ríos galegos,…” Ler máis

Publicado por: cesalnes | 31, f, 2009

Observando as aves do Carreirón

foto-aves-carreiron

Achegamos unha fotografía da actividade aberta do Colectivo Ecoloxista do Salnés, titulada “As aves do Carreirón”.

Xuntámonos arredor de vinte persoas coa fin de observar as aves acuáticas que se deixaran ver no litoral de Punta Carreirón, na Illa de Arousa. Comezamos ás 10:30 e rematamos ao mediodía, disfrutando dunhas horas de sol bordeando toda a península de Carreirón.

Coa axuda de varios prismáticos e 4 telescopios vimos garzas e garzotas, gaivotas patiamarelas, gaivotas choronas, corvo mariño grande e corvo mariño cristado ademais de varias especies de limícolas. Destacou a observación de dous parrulos propios de augas salgadas: un mergo cristado e un parrulo pentumeiro, que non son doados de ver. Ademais unha manda duns 12 arroases pasaron preto de nós.

Tamén recollimos algo de lixo e varias plantas pequenas de Uña de gato (Carpobrotus sp), unha planta invasora que coloniza a zona de duna, desplazando ás plantas propias.

Toda a actividade transcurriu nun ambiente agradable e sen incidentes.

Publicado por: cesalnes | 23, f, 2009

Actividade de Xaneiro: As aves do Carreirón

cartel xaneiro 2009PERCORRIDO ORNITOLÓXICO POLA ILLA DE AROUSA

O sábado 31 de xaneiro ás 10:30 da mañá quedaremos na entrada do espazo natural de Punta Carreirón na Illa de Arousa.

Faremos un percorrido por esta interesante costa observando as aves mariñas na compañía dun ornitólogo, axudados de telescopios e prismáticos.

Se tes telescopio ou prismáticos lévao tamén. E calzado e roupa axeitada. ¡Anímate!

As actividades abertas mensuais son de balde. Non se precisa ser socio.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés ven de entregar no Concello de Meaño as alegacións correspondentes á revisión e ampliación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Meaño, así como ao Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA) a el asociado.

Así, o CES elaborou dous documentos,  presentados no rexistro do Concello o luns 29 de decembro:

- Un con 14 alegacións ao propio PXOM.

- Outro documento con 16 revisións e alegacións ao ISA deste PXOM.

 Como conclusión global do CES, unha vez avaliados os Plans e Informes citados, é que este PXOM incumpre a lei do solo.

Cabe destacar certas reclamacións do CES con respecto a este Plan, como son:

 -        Con respecto á zona de desembocadura do río da Chanca, único litoral do municipio, espazo incluído na Rede Natura 2000, reclámase:

·       Que nesta zona e arredores (dentro dos límites da protección costeira) non se promova o axardinamento e transformación desta paisaxe natural, e que todas as actuacións se adapten ao Decreto 127/08 de Humidais Protexidos de Galicia. Asimesmo, reclámase que se protexa a paisaxe agraria da zona como sinal de identidade. A este respecto, O CES propón actividades educativas e de restauración desta paisaxe.  

·       Que se aproveite a Planificación para realizar unha reordenación da industria alimentaria presente nesta zona (causante hoxe de verteduras ao humidal), apoiando o seu traslado (ás áreas industriais xa existentes ou ás previstas no propio PXOM).

·       Que non se amplíe a pista litoral, favorecendo o seu uso peonil fronte aos vehículos a motor.

 

-        Respectar as marxes de ribeira e a súa vexetación (evitando canalizacións e alteracións da canle e o ecosistema asociado), ante o seu papel como protección ante enchentes e na conservación de paisaxe e biodiversidade. En moitos casos, non se respecta a franxa de 100 m que contempla a lei do solo, como é o caso do polígono de Dadín ou en diversos puntos dos ríos da Chanca, Francón e Fondón. O CES reclama que a franxa de protección dos ríos se amplíe a 30 m como mínimo nos solos urbanos, como medida de protección fluvial e como previsión de inundacións nas beiras. Por exemplo, na confluencia dos ríos da Chanca e Fondón, zona con antecedentes de enchentes e alto risco de inundación, o PXOM prevé construír unha praza de abastos (mesmo sen ter solicitado os informes pertinentes a Augas de Galicia, incumprindo a Lei de Augas), actuación que o CES considera improcedente polo exposto.

-        En canto á previsión do parque empresarial de Dadín, o CES considera que esta actuación debe ser revisada: o PXOM contempla a ampliación do polígono industrial da Pedreira, podendo ser suficiente para cubrir as necesidades existentes en canto a solo industrial (mesmo o actual polígono da Pedreira leva anos con parcelas desocupadas). Asimesmo, o CES presentou un estudo ornitolóxico da zona de Dadín afectada por dito polígono: este, ademais de afectar á rede hidrolóxica da zona, afectaría a máis de 100 especies diferentes de aves, incluíndo 51 especies de interese especial dentro do Catálogo Nacional de Especies Amenazadas, como a aguia cobreira (Circaetus gallicus) e o reiseñor (Luscinia megarhynchos).

 

-        O cumprimento da Lei de ordenación urbanística 9/2002, en especial no que se refire á recalificación de zonas de solo rústico como solo urbano, evitando actuacións como as previstas para as inmediacións do núcleo de Dena, onde se contemplan recalificacións incompatibles coa lexislación vixente e impactando na paisaxe litoral de Meaño.

 

Con respecto ao Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA), documento requirido pola Consellería de Medio Ambiente como ferramenta para acadar unha ordenación compatible co medio, o CES considera que o ISA presentado polo Concello non obedece a estes fins, senón a xustificar os impactos causados polo PXOM. Moitos destes exemplos están expostos anteriormente, casos para os que o ISA non achega alternativas nin  medidas correctoras. No ISA débense cuantificar os efectos ambientais derivados da aplicación do PXOM; o CES considera que a valoración presente neste ISA é sempre xeral, pouco fundamentada e cun resultado infravalorado. Neste ISA, ademais, non se ven plasmadas algunhas recomendacións básicas da Consellería de Medio Ambiente, tan importantes como:

 

-        Realizar un inventario das emisións contaminantes do municipio, e medidas preventivas.

-        Establecer unha zona de transición na franxa litoral.

-        Reducir o consumo enerxético e a contaminación luminosa do alumeado público.

-        Prever solo para infraestruturas de enerxías renovables.

-        Reservar espazos para implantar colectores de residuos.

-        Prever espazos para a recollida de residuos valorizables e especiais, do agro e da industria.

-        Recoller analítica dos puntos de vertido a ríos e costa, e establecer un sistema de control.

-        Establecer no solo urbanizable unhas porcentaxes mínimas de zonas sen impermeabilizar.

-        Mellorar os aspectos ambientais das comunicacións viarias.

 O CES tamén considera que os sistemas de indicadores proposto no ISA para o Plan de Seguimento Ambiental do PXOM incumpre os preceptos marcados pola Consellería.

Así mesmo, o CES vai presentar estas alegacións ás consellerías competentes (Medio Ambiente e Ordenación Territorial) para que actúen ao respecto, evitando a aprobación do PXOM ata que se teñan en conta estes aspectos e se fagan as correccións pertinentes que permitan cumprir a forma e fondo da lexislación vixente.  

O Salnés, a 10 de xaneiro de 2009.

Publicado por: cesalnes | 14, f, 2008

A actividade en fotos

Unhas imaxes do percorrido do sábado 13 por Feáns e A Siradella

feans08b500

No mirador de Siradella

feans08a500

feans08c500

Valorando a vexetación da duna rampante

Publicado por: cesalnes | 12, f, 2008

Actividade mensual: Un tesouro en perigo

golf08r1

RUTA POLA LADEIRA DE FEÁNS

Ven camiñar polos montes de Feáns e Siradella e descubrirás unha curiosa e ameazada duna trepadora.

Convidámoste a participar nun percorrido pola ladeira dos montes Feáns e Siradella (O Grove), na que afondaremos nos valores do lugar que corre o risco de ficar sepultado baixo o “green”, incluíndo unha curiosa formación dunar.

A cita é o sábado 13 de decembro, ás 10:30, no miradoiro da Siradella (O Grove).

Ven preparado con calzado e roupa adecuados para o monte.

Duración aproximada: 2 horas e media

Esta actividade é aberta, como xa sabedes, polo que todo aquel que desexe asistir será benvido.

 Novamente recordarvos que para quen queira mercar lotaría de Nadal do CES, estará á venta ao comezo e remate desta actividade.

 

En relación coas últimas propostas de iniciativa privada de realizar un campo de golf en Feáns (O Grove), o Colectivo Ecoloxista do Salnés quere manifestar a súa postura ao respecto:
O CES considera totalmente errado o emprazamento proposto para instalar un campo de golf: as faldas do monte Feáns, dentro dun espazo natural protexido con diversas figuras de protección:
➢ Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) pola Unión Europea.
➢ Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) pola UE.
➢ Humidal de Importancia Internacional polo Convenio Ramsar.
➢ Zona de Especial Protección dos Valores Naturais pola Consellería de Medio Ambiente.
Ademais, a Xunta de Galicia inclúe este espazo dentro dos eu Inventario de Humidais Protexidos, estando polo tanto tamén incluído no Inventario Español do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

A implantación do campo de golf nesta ubicación causaría diversos impactos:
- Perda de vexetación autóctona, causando afección a un medio tan valioso e singular como a duna rampante que sube en dirección á Siradella, con plantas de grande valor biolóxico debido á súa reducida área de distribución.
- Alteración da topografía dunar.
- Perda de hábitats de fauna autóctona protexida. A este respecto, cabe destacar que na zona proposta vive o sapo de esporóns (Pelobates cultripes), especie protexida e con distribución extremadamente reducida no territorio galego.
- Impacto paisaxístico, afectando a unha das mellores vistas naturais das Rías Baixas (dende a Siradella), visitado por milleiros de turistas cada ano e un dos mellores reclamos do municipio.
- Alteración severa do contorno por forte consumo de auga, e contaminación de aire, solo e augas por emprego de pesticidas.

Deste xeito, a instalación de dito campo incumpliría a lexislación vixente:
- Lei 42/07 do patrimonio natural e da biodiversidade, que recolle como infracción (art. 76.a) “la utilización de productos químicos (…) que alteren las condiciones de los ecosistemas con daño para los valores contenidos” e (art. 76.g) “la alteración de las condiciones de un espacio protegido, o de los productos propios de él mediante ocupación, roturación, corta, arranque u otras acciones”.
- O Decreto 127/08, que desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos de Galicia, prohíbe no seu artigo 8:
• (8.a) “a introdución de especies de flora e fauna non autóctonas”

• (8.b) “as actividades que directa ou indirectamente podan producir o desecamento ou a alteración hidrolóxica do humidal”
• (8.c) “as actividades, verteduras sólidas e líquidas de calquera natureza que afecten de forma negativa, directa ou indirectamente á calidade das augas superficiais ou subterráneas, que alimentan e manteñen o funcionamento do humidal”.
• (8.e) “a alteración topográfica da zona periférica de protección do humedal protexido”,
• (8.h) “a utilización de produtos praguicidas, funxicidas ou fitocidas que poidan afectar ao humidal…”
• (8.i) “as infraestruturas, en particular as viarias (…)”,
• (8.l) “calquera actividade deportiva ou recreativa non compatible coas funcións ou valores polos que se declarou espazo protexido”.

O CES lémbralle ao goberno municipal que a potencialidade turística do municipio está baseada na conservación do medio ambiente. Constatamos que a xente que visita O Grove valora enormemente a paisaxe natural da Lanzada.

Consideramos intolerable que se plantexe a posibilidade de empregar patrimonio natural común para montar un negocio privado para unha minoría, máxime cando na mesma provincia xa existe oferta de campos de golf sen que se constate un “despegue” económico nas súas áreas de influencia.

Confiamos no sentido común e o cumplimento da lei, en especial por parte da Consellería de Medio Ambiente, organismo responsable de velar pola conservación deste enclave.

Deste xeito, o CES cre que se debería denegar a instalación desta infraestrutura. De non ser así, a Consellería estaría a incumplir a súa propia lexislación e a de ámbito estatal, motivando as accións legais oportunas ante as organismos pertinentes (incluídos os da Unión Europea).

« Anotacións máis recentes - Older Posts »

Categorías