Recentemente ten saído en diversos medios de comunicación a intención por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Infraestructuras e Ordenación do territorio a construcción dun paseo ao longo da costa comprendida entre a Punta Arfolín e Bico da rá, na parroquia de Castrelo, no concello de Cambados, nas inmediacións da desembocadura do Río Umia, dentro dos límites do espazo protexido LIC Ons- O Grove.
Este proxecto ten un orzamento de 250.000 euros que sufragará o Ministerio de Medio Ambiente dentro do convenio establecido coa Xunta en materia de inversións en Rede Natura 2000 (16 outubro de 2009).
A Consellería de Medio Ambiente eximiu esta obra de ter que realizar calquera valoración ou informe de impacto ambiental, a pesares das afeccións negativas a este espazo protexido.
Tampouco se abriu á aportación dos veciños pois non pasou ningún proceso de exposición pública.
No CES (Colectivo Ecoloxista do Salnés), tras solicitar no 2010 o proxecto a varias administracións implicadas (Concello de Cambados, Costas e Conservación da Natureza) non recibimos contestación.

Mañá, xoves 16, o CES enviará de novo un escrito a cada unha destas administracións e tamén ao departamento de Medio Natural do Ministerio de Medio Ambiente para que teñan en conta que:
1- A senda afectaría a zonas de vexetación de xunqueira e marisma (Pastizais salinos atlánticos) que figuran como hábitats prioritarios da Directiva Hábitat da Unión Europea.
2- Que o Espazo Protexido LIC Ons – O Grove ten na Enseada do Bao e na desembocadura do Umia os seus principais valores ornitolóxicos (non esquecer que tamén está catalogada como zona ZEPA, de Especial Valor para as Aves). Nas xunqueiras da desembocadura do Umia, así coma nos illotes próximos, resgárdanse e crían varias das aves acuáticas que fan especial este espazo. O paso continuo de paseantes e o ruído, son molestias suficientes para que as aves abandonen a nidificación na zona.
3- Este é un dos poucos tramos desta enseada que se conserva case no seu estado natural, sen artificios que rompan en demasía a paisaxe natural costeira. Cremos que esta actuación agravaría aínda máis a actual problemática que se da na comarca do Salnés de perda de calidade paisaxística e en concreto da diminución alarmante de paisaxes (semi)naturais.
En base ao dereito ao acceso á información ambiental que ampara aos cidadáns (Lei 27/2006) o CES tamén solicitará a información da que dispoña a administración.
O Colectivo cree que o LIC Ons-O Grove ten outras prioridades moito máis urxentes para a conservación dos seus valores: eliminación de vertidos de augas e de entullos, eliminación de especies invasoras, recuperación de espazos degradados, activación de programas de divulgación e educación ambiental… nos que si sería necesario concentrar os esforzos e recursos das distintas administracións competentes, tan escasos nun período de crise onde os recortes ao medio ambiente son case do cen por cen.
Segundo declaracións aos medios, o trazado irá polo Dominio Público de Costas, decisión avalada, claro está, por criterios económicos e burocráticos, sen ter en conta o impacto ambiental e paisaxístico. O CES esixirá que a senda (no ocaso de que se faga) preserve a tranquilidade das zonas de cría e repouso das aves e conserve a paisaxe natural que é tan escasa. Pódese recuperar camiños rurais antigos que fagan máis interesante a senda ao ir cambiando de entorno (zona habitada, monte, hortas, costa…), en troques de ir pegada ao mar constantemente.
O Salnés , a 15 de febreiro de 2012