Na mesma nota de prensa na que informamos dos resultados da inspección do Proxecto Ríos, informamos tamén das consecuencias que as actuacións inaxeitadas teñen nos nosos ríos.
Trátase doutra actuación que a Deputación de Pontevedra levou a cabo fai uns meses na beira do río Barrantes, no Concello de Ribadumia, nas inmediacións da súa unión ao río Umia, consistente nunha explanada de terra e xabre, que afectou gravemente a vexetación da ribeira do regato e produciu o aumento da pendente da beira do río. O CES enviou no seu día a varias entidades competentes sendos escritos recordándolle que un bosque de ribeira é vital para o mantemento das características do ecosistema fluvial, ademais de ser un gran aliado contra as consecuencias das riadas e das inundacións. Ademais, a súa preservación ben recollida na Lei 5/2006, de 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos.
Uns meses máis tarde e tras uns días de mal tempo, e tras a tala masiva de salgueiros nesa parcela, os poucos que quedaron quedaron indefensos e algúns deles tronzaron (anéxase fotografía). O CES enviará un escrito de novo ás autoridades competentes para que vexan as consecuencias dunha obra mal feita e innecesaria e analicen outros xeitos de facer as cousas.
